A presenza de xabaríns en contornas urbanas é, nos últimos anos, a parte mediaticamente máis visible dun problema que, non obstante, ten o seu maior impacto nos datos que estes animais provocan en explotacións agropecuarias e nos riscos que a súa presenza na contornas das estradas implica para o tráfico. Neste tempo a Xunta anunciou esporadicamente diversas medidas, dende a caza destes animais utilizando arqueiros na contorna da cidade de Lugo ata unha reforma ás présas da lei de caza do ano 2013 aproveitando o trámite dos Orzamentos da Xunta para 2018.
Pero as protestas non cesaron e os xabaríns seguen a causar problemas. Neste escenario a Consellería de Medio Ambiente anunciaba o pasado luns un novo paquete de accións entre as que destaca o levantamento case total das restricións para cazar xabaríns en 33 concellos. Son municipios das comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza que dende esta semana estarán oficialmente en "emerxencia cinexética temporal".
Segundo avanzou a directora xeral do Patrimonio Natural, Belén do Campo, entre as consecuencias desta declaración destaca que, nas zonas xa habilitadas para cazar, "permitirase a caza" de xabaríns "todos os días da semana" e "sen límites de cupo" de exemplares abatidos. No resto de zonas -as denominadas "zonas libres"- poderán cazarse xabaríns ata o 6 de xaneiro todos os días da semana agás xoves e sábado "sempre que non sexan festivos". Dende o 7 de xaneiro os días habilitados serían luns, martes, mércores e venres laborables.
Segundo detalla a Consellería, o trámite para a caza do xabarín consistirá nunha "comunicación previa" á propia Xunta "cunha antelación mínima de dez días". No caso dos tecores societarios -áreas habilitadas para a caza-, só terán que comunicar as batidas que non teñan previamente aprobadas.
Medio Ambiente anuncia que tamén permitirán a propietarios de terreos afectados polo xabarín capturar estes animais con gaiolas e avanza unha nova reforma da lei de caza un ano despois da anterior, que tiña o mesmo obxectivo
Ademais de abrir a man para a caza do xabarín no que atinxe a días e límites de exemplares, a Consellería tamén "autoriza medidas de agarda", a utilización de visores ópticos de aumento ou alumeado para cazarías nocturnas. Mesmo os propietarios de terreos afectados por xabaríns poderán "capturar exemplares mediante o emprego de gaiolas".
A alto cargo de Medio Ambiente avanza ademais que, apenas un ano despois da devandita reforma, o Goberno galego prevé utilizar outra volta a lei de acompañamento dos Orzamentos Xerais -un mecanismo cuestionado recorrentemente pola oposición que permite modificar múltiplas leis dun golpe cun trámite abreviado- para introducir outra reforma na lei de caza. Neste caso, farano para "que se poida autorizar a caza" do xabarín "mediante outras modalidades que se adoitan empregar na caza menor, como a caza en man ou ao salto".