O Goberno de Feijóo volveu converter en habitual a práctica instaurada en tempos de Fraga e suprimida polo bipartito segundo a cal cada ano, de xeito paralelo aos orzamentos, tramita a coñecida como "lei de acompañamento". Esta controvertida vía legal é empregada para reformar dun golpe e pola vía rápida outras múltiplas leis e normas, as máis das veces sen conexión ningunha entre si e en moitas ocasións sen apenas relación coa materia orzamentaria.
A lei de acompañamento de 2019 atinxía a unha vintena de normas dispares, pero Xunta e PP apostaron a última hora por utilizar esta vía para reformar unha lei e dous decretos máis. A xuízo do PSdeG os populares forzaron tanto esta figura ata, neste caso, empregala "de xeito fraudulento". E por iso van tentar demostralo ante o Tribunal Constitucional.
Durante o trámite da lei de acompañamento dos Orzamentos o PP introduciu emendas para modificar as leis de Caza e do Consello Económico e Social e mais un decreto sobre centros de menores sen conexión ningunha co texto lexislativo remitido pola Xunta ao Parlamento
Durante o trámite de emendas á lei de acompañamento, alén das da oposición foron rexistradas un total de 55 polo propio PP, unha delas para suprimir a controvertida figura do pediatra desprazable, cuxo anuncio xerara amplas protestas. Outras cinco foron tramitadas para modificar a lei de caza de 2013 -na regulación da caza de xabaríns-, para introducir cambios no decreto que regula dende 2005 os centros de menores e mais para cambiar a lei do Consello Económico e Social (CES) de Galicia no referente á composición deste órgano. As dúas restantes tiñan como cometido acomodar a exposición de motivos da lei de acompañamento a estes cambios non previstos.
Para o PSdeG é claro que o PP "decidiu ampliar de maneira fraudulenta o contenido do proxecto de lei" de acompañamento. Obviando o Regulamento da Cámara, fixeron "un uso desviado do dereito de emenda" introducindo asuntos sen "relación ningunha co proxecto de lei obxecto de tramitación".
O PSdeG advirte ao Constitucional que os de Feijóo "secuestraron toda posibilidade de exame e debate" porque é imposible que a oposición presentase "emendas ás emendas"
O feito de cambiar a lei de caza, a lei do CES e o regulamento dos centros de menores por esta vía, defende o escrito elevado polos socialistas ao Constitucional, "secuestrou toda posibilidade de exame e debate" aos grupos diferentes do PP, toda vez que non existen as "emendas ás emendas". Toda a oposición viuse "privada no seu dereito a propoñer solucións normativas alternativas ás novas propostas legais que non formaban parte" da lei de acompañamento" cando o Goberno de Feijóo a remitiu ao Parlamento, detallan.
Nun escrito no que o PSdeG cita diversas sentenzas nas que o propio TC sentenciou contra a posibilidade de que as emendas substitúan o trámite normal dunha lei ou por ir contra a Constitución, os propios socialistas lembran que xa advertiran formalmente do que consideran unha irregularidade durante o propio trámite no Parlamento. Pero o PP ignorou a advertencia esgrimindo un informe dos servizos xurídicos da Cámara coa "afirmación xenérica" de que "pode considerarse" que as emendas "superan o mínimo de conexión" coa lei que estaba a discutirse para "seren admitidas a trámite". Nese informe, apuntan, "nada se di" de cales son esas supostas "conexións" entre a caza do xabarín, os centros de menores e o CES cos Orzamentos para 2019.
Os socialistas piden ao Tribunal Constitucional que suspenda o acordo que deu luz verde ás emendas "fraudulentas"
Con estes argumentos o PSdeG tentará que o Constitucional ditamine que o PP de Feijóo vulnerou os dereitos do Grupo Socialista a exercer a súa función regulamentaria de oposición, que certifique que a Xunta infrinxiu a Constitución en materia de participación política e, daquela, anule o acordo da Mesa da Comisión Terceira do Parlamento na que o PP, facendo valer a súa maioría absoluta, permitiu tramitar as emendas que cren "fraudulentas".
Para o voceiro socialista na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, o acontecido "abre as portas a emendar calquera texto legal" durante o trámite de calquera lei, estea relacionada ou non. Por iso, din, pretenden que o TC "estableza con claridade" os límites no uso dos resortes da lei de acompañamento, unha controvertida figura que, lembra, na etapa de Emilio Pérez Touriño á fronte da Presidencia da Xunta nunca foi utilizada.