O rexeitamento da Facultade de Medicina á descentralización destes estudos en Galicia, tal e como pactaron as tres universidades públicas e mais a Xunta, acabou por rachar un acordo que xa naceu fráxil. Malia a presión que exerce a Xunta —hoxe mesmo Rueda instou a USC a que resolva as súas "discrepancias"— A Coruña o venres e Vigo hoxe decidiron reactivar a súa solicitude de grao propio e volver ao punto inicial do debate.
Foi o pasado 6 de novembro cando os reitores e as consellerías de Educación e Sanidade chegaron a un acordo para a descentralización da docencia do grao de Medicina, un pacto ratificado uns días despois á espera do aval dos consellos de goberno de cada unha das universidades. A Universidade da Coruña (UDC) aprobou o documento axiña, pero o pasado venres o da universidade compostelá rexeitou tan sequera votar e adiou a decisión sen prazo para "abrir un diálogo" coa Facultade de Medicina e intentar acadar "un punto de consenso" para sumala a un acordo que polo momento rexeita.
A UVigo decidiu non votar tampouco o acordo de descentralización e confirmou segue adiante coa petición dun titulo propio para 2027
Só unhas horas despois, a UDC anunciaba que retomaba "os traballos para impulsar unha nova titulación de Medicina na Coruña" en resposta ao veto da facultade compostelá que, advertía, "supón deixar sen validez moitas horas de traballo empregadas para procurar un texto dialogado e consensuado que permitise aplicar a descentralización de Medicina aproveitando todos os recursos do sistema sanitario e universitario galego".
Este luns, foi o consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) quen tampouco votou o acordo de descentralización e confirmou o que era de agardar tras o non da facultade compostelá de Medicina ao pacto: seguirá adiante coa súa petición para impartir un título propio a partir de 2027, polo que prevé enviar a súa proposta formal á Xunta antes de xuño de 2026.
"A Universidade de Vigo avanza na tramitación do Grao en Medicina, que comezou o 17 de outubro coa presentación da declaración de interese e que rematará o 1 de xuño de 2026 co envío da solicitude da proposta á Consellería de Educación", explicou a UVigo, tras explicar o reitor, Manuel Reigosa, que o acordo de descentralización non foi votado tras a decisión da USC de aprazar sine die a votación do mesmo documento.
"Non procede que nos sumemos a un pacto desbotado pola USC”, di Reigosa, que cre que o acordo de descentralización "chega morto"
“Non procede votar o punto da orde o día porque a USC non se sumou ao acordo e non procede que nós nos sumemos a un acordo desbotado pola USC”, dixo Reigosa. “Defendín que ía ser moi activo na defensa dun acordo magnifico e pensaba que hoxe ía a defendelo a capa e espada”, engadiu. "Pero o acordo chega morto porque a USC non se sumou”, lamentou, para reiterar despois que a UVigo xa estaba a traballar en paralelo á negociación do acordo e que para iso xa se crearan dúas comisións, unha redactora e outra asesora, ademais de estarse cumprindo os prazos da tramitación da titulación.
“Imos seguir dando pasos para a creación do grao e da facultade”, que lembrou o "labor duro" do acordo. "Apostei pola descentralización, pero non nos queda outra que pedir o título”, insistiu. Ademais, e no caso de que a USC decida finalmente aprobar o documento pactado, Reigosa explicou que o proporía á aprobación do vonsello de goberno da UVigo, pero tamén advertiu: "Se se quere volver abrir a negociación para deslear os acordos, non daremos máis voltas".
"Apostei pola descentralización, pero non nos queda outra que pedir o título; non nos deixan outra saída", di o reitor da UVigo, que advirte que só estudaría unha descentralización semellante á pactada
"Estudarei con agarimo se da USC chega un acordo semellante ao acadado, pero se se quere converter nun acordo de descentralización en dez anos, esa pantalla xa está superada", engadiu, para explicar logo o calendario previsto para a implantación do novo título, que remataría nunha primeira fase co envío da solicitude á Xunta o 1 de xuño. Logo, a proposta terá que "pasar máis filtros", en referencia aos informes da Secretaria Xeral de Universidades, a Consellería de Facenda, ademais da súa aprobación polo Consello Galego de Universidades. “Non temos garantía de que nos vaian aprobar o título e facultade, pero teño que ter a documentación preparada”, dixo.
“Non nos deixan outra saída. Hai un acordo e había que defendelo e senón valía había que dicilo e non presentalo en público”, rematou en resposta ás dúbidas amosadas por algún membro do consello.
Mentres, e só unhas horas antes de coñecerse a decisión da UVigo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, metía presión ás partes e incidía na "postura" do Goberno galego". "Saben cal é: moito mellor unha facultade grande para toda Galicia que tres facultades pequenas".
"Agardo que a Facultade de Medicina de Santiago e a Universidade cheguen a un acordo entre eles mesmos sobre as discrepancias que poidan ter sobre a proposta na que as tres universidades estaban de acordo", advertiu Rueda, que respecto ao labor da Xunta para acadar este consenso, aclarou que os tres reitores xa coñecen a opinión da Administración galega pero que "a quen lle corresponde tomar as decisións é á Facultade de Medicina".