Do apego á estabilidade ao pánico a calquera mudanza estrutural pode haber politicamente poucos pasos. Case os mesmos que separan a tendencia a non inserir cambios bruscos e a inclinación a afrontar os problemas pendentes mediante parches e non con reformas de raíz
É un lugar común en política municipal afirmar que os gobernos que aspiren a seguir séndoo despois das seguintes eleccións deben acometer as obras potencialmente máis controvertidas na primeira metade do mandato. Máis aínda se implican cambios relevantes, caso por exemplo das peonalizacións. Trataríase de asumir un período inicial convulso, encaixando protestas e descontento, tras o que quede tempo para que a veciñanza chegue ás urnas sendo quen de ver os beneficios da mudanza.
Na política galega outro lugar común, cando menos en parte -como todos os lugares comúns- asentado na realidade, é que unha das claves dos sucesivos éxitos do PP é que logrou presentarse como sinónimo de acougo. De ausencia de mudanzas bruscas. De "sentidiño" virtuoso para uns, patolóxico por paralizante para outros. Alberto Núñez Feijóo, por exemplo, pasou anos eloxiando os seus propios gobernos como "previsibles". Non ían facer nada especialmente novo nin sorprendente.
Do apego á estabilidade ao pavor a introducir calquera mudanza estrutural pode haber politicamente poucos pasos. Case os mesmos que separan a continuidade da parálise, os que distan entre a tendencia a non introducir cambios bruscos e a inclinación a afrontar os problemas pendentes mediante parches e non con reformas profundas, de raíz. Radicais.
Unha cuestión pendente con raíces tan longas -cando menos- como as catro décadas de autonomía maniféstase no conflito pola carreira de Medicina, freado cun aquel de parche temporal a piques de quebrar
Unha desas cuestións pendentes ten as raíces tan longas -cando menos- como as catro décadas de autonomía política galega e maniféstase nos últimos meses no conflito pola carreira de Medicina. O equipo de goberno da Universidade da Coruña -institución académica creada xunto á de Vigo nos tempos do tripartito- comezou a pasada primavera a dar pasos para implantar unha titulación médica de seu entre iradas críticas da Xunta, que despregou estratexias de presión diversas. Dende o Executivo, pero tamén dende o partido que o sustenta.
Tras uns primeiros movementos para tentar bloquear a operación, o Goberno do PP acabou abeirando un acordo de descentralización da única carreira, a de Santiago, con participación da Coruña e Vigo. O pacto veu substituír o anterior, de hai unha década. E naceu cun texto no que tanto a UDC como a UVigo "manteñen a aspiración" de facultades propias, cun aquel de parche temporal que non fixo máis que aumentar cando, este pasado venres, o Consello de Goberno da USC evitou votalo despois de que a súa propia Facultade de Medicina o rexeitase abertamente esgrimindo riscos académicos e para o futuro da sanidade pública galega.
Escasas horas despois, a universidade coruñesa puña máis cartas sobre a mesa: retoma o proceso para ter carreira médica de seu. E a continuación, os máximos responsables das consellerías de Educación e Sanidade admitían que, se cadra, dado o rexeitamento de Santiago acaba habendo máis dunha carreira.
O tempo falará dos resultados no mesmo país onde a ausencia de tren de proximidade é abordada con reclamacións difusas tras renunciar ás propias competencias, onde o fracaso estatutario tentou ser paliado con peticións nunca logradas
Xa nos días previos o reitor da USC, Antonio López, admitía ver máis próxima a "fragmentación". O seu homólogo coruñés, Ricardo Cao, vén sostendo que hai poucas dúbidas de que en Galicia haberá unha segunda carreira de Medicina máis cedo que tarde e que o único interrogante que fica despexar é se será pública ou privada. De entrada, a universidade promovida por Abanca xa avanza cara aos estudos de Biomedicina.
Os parches do pánico a abordar o estrutural semellan, neste caso, a piques que quebrar a prol dun cambio de raíz. O tempo falará dos resultados no mesmo país no que a ausencia de tren de proximidade é abordada con reclamacións máis ou menos difusas ao Estado tras renunciar a exercer as propias competencias. No que o fracaso da reforma do Estatuto tentou ser paliada con peticións de competencias nunca logradas.
O país, tamén, onde as carencias en educación infantil están a ser cubertas cunha chuvia fina de achegas económicas a centros privados despois de devolver millóns para ampliar a rede pública. Onde un Banco de Terras pioneiro ou un plan de vivenda con vocación transformadora foron metidos no conxelador para ilos sacando aos poucos sen que se note demasiado. No que, tras máis de corenta anos de autonomía política, a principal institución de autogoberno teima, as máis das veces, en tratar como entes alleos os principais núcleos urbanos.