Rueda di coñecer o pacto secreto con Altri tras afirmar a Consellería de Industria que o ignora

Rueda no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente non quere especular se un futuro Goberno central do PP faría a conexión eléctrica que precisa o proxecto e di que se a empresa propón outra conexión tería que comezar un novo expediente administrativo

Hai unhas semanas a Consellería de Industria, en resposta á Comisión da Transparencia logo dunha petición oficial de Praza.gal, asegurou descoñecer o contido do pacto secreto asinado con Altri por parte de Impulsa Galicia, a empresa creada pola propia Xunta para impulsar proxectos industriais como a fábrica prevista para Palas. Este luns, logo do anuncio do arquivo do proxecto de Altri por parte da Xunta por carecer de conexión eléctrica, o presidente Rueda admitiu que el si coñece o contido do acordo coa empresa e que nel "non hai ningún tipo de compensación prevista".

Fragmentos da resolución da Comisión de Transparencia que recollen o argumento da Xunta segundo o cal "descoñece" o contido do pacto con Altri © Praza.gal

O acordo para a chegada de Altri a Galicia foi asinado a finais de 2021 polo daquela vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde. Pero a Consellería de Industria vén mantendo que non o fixo como membro do Goberno galego senón como representante de Impulsa Galicia, a empresa creada pola Xunta e outros socios privados para impulsar proxectos industriais na que o capital público non chega ao 50%. Como o acordo foi asinado entre dúas empresas, vén dicindo a Xunta, ela desenténdese do seu contido. 

Rueda asegura que o acordo secreto con Altri non ten "ningún tipo de compensación prevista nin nada diso"

Pero este luns Rueda mudou o argumentario do seu Goberno. "Eu si que o coñezo e ten o carácter de confidencialidade", dixo o presidente, para engadir que requiriría de "autorización das partes para poñelo de manifesto". E a continuación asegurou que "iso non é en absoluto o problema nin hai que dar ningún tipo de compensación". "Podo asegurar que de principio a fin este expediente foi tramitado con todas as garantías e polo tanto para o seu peche definitivo as observaremos tamén e non hai ningún tipo de compensación prevista nin nada diso", sentenciou Rueda.

Comunicados de Altri en 2021 anunciando a sinatura do "memorando de entendimento" con Impulsa Galicia, a sociedade liderada pola Xunta e Abanca CC-BY-NC-SA Praza.gal

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns o presidente tamén foi preguntado sobre se o arquivo do expediente de Altri por carecer de conexión eléctrica garantida por parte do Goberno de España é definitivo ou podería retomarse cun executivo central de distinta cor política, nomeadamente do PP. Rueda non quixo "entrar en futuribles" e limitouse a agardar "que un futuro Goberno o que non faga é seguir as prácticas que vimos aquí". 

Nesa liña, o presidente da Xunta lembrou que foi o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen adiantou que o Goberno de Sánchez non planificaría a conexión eléctrica que demandaba Altri. E lamentou que "non é só a conexión eléctrica de Altri, é que para facer esa denegación deixan sen conexión toda a provincia de Lugo". Sobre un posible novo Goberno, Rueda limitouse a esperar que "se dea conta de que un dos grandes problemas estratéxicos desde o punto de vista industrial é a falta de planificación eléctrica". 

Se no proceso de alegacións que se abre agora Altri acredita outra conexión eléctrica "volvería comezar como un novo expediente", di Rueda

A Rueda insistíronlle nas preguntas sobre se o arquivo do proxecto de Altri é definitivo ou hai algunha vía para retomalo. O presidente sinalou que "se acredita que hai unha conexión eléctrica diferente á que aportaron, sería un novo expediente e polo tanto volvería comezar como un novo expediente".

O presidente tamén foi cuestionado polo momento elixido pola Xunta para arquivar o actual expediente dado que a proposta de planificación eléctrica do Goberno central aínda non é firme e o Goberno galego formulou alegacións aínda non contestadas. Rueda limitouse en poñer o foco na vontade do PSOE de non outorgar esa conexión a Altri. "Estamos cerca do final, polo menos deste expediente", concluíu o presidente.

O conselleiro delegado de Altri e o daquela conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo, e resposta da Xunta sinalando que o memorando de entendemento para a chegada da empresa a Galicia foi un "negocio xurídico privado" CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.