Ulloa Viva, as plataformas contra a Mina de Touro e na Defensa da Ría de Arousa e mais Adega facilitan un "escrito modelo" para que "a cidadanía galega rexistre de forma masiva a mesma petición" de acceso ao contido do acordo asinado entre Impulsa Galicia e a empresa portuguesa
O pasado verán a Xunta resolveu o arquivo definitivo do plan de Altri como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para instalar en Palas de Rei a fábrica de celulosa e fibras téxtiles derivadas deste produto xunto á galega Greenalia, pactada coa Xunta a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia. Ese arquivo chegou entre incógnitas. Algunhas políticas, relativas a que sucedería co proxecto se mudase o Goberno de España e con esa mudanza, a negativa a facilitarlle a conexión eléctrica.
E outras, máis prácticas: o contido do devandito pacto, cuxo contido segue sendo secreto. A súa revelación é o obxectivo dunha campaña que veñen de lanzar conxuntamente as plataformas Ulloa Viva, Non á mina de Touro-O Pino e na Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e mais o colectivo ecoloxista Adega.
Como é sabido, a existencia do acordo é coñecida porque porque Altri a divulgou ao asinalo en 2021. Pero a Xunta vénse negando a publicar o seu contido rexeitando con diversos argumentos as peticións das forzas da actual oposición e tamén solicitudes ao abeiro da Lei de Transparencia como as formuladas por Praza.gal. O Executivo esgrime, por exemplo, que o capital público en Impulsa Galicia non era maioritario -contra o criterio do Consello de Contas- e polo tanto non estaba atinxida pola lei de transparencia. Tamén que o conselleiro que presidía aquela sociedade polo seu cargo, Francisco Conde, o asinara como parte dun "negocio xurídico privado". Ou mesmo que o Goberno galego "descoñece" o pacto ou que Alfonso Rueda soubo do seu contido, pero non en calidade de presidente.
Coñecer o documento, alegan, ten "especial interese" mentres "o PP ameaza con recuperar o proxecto industrial en caso de que chegue a gobernar o Estado coa axuda de Vox"
As entidades que agora lanzan esta campaña veñen reiterando o seu temor de que no documento asinado por Altri e Impulsa Galicia se contemplase "algún tipo de compensación ou compoñenda coa empresa promotora que comprometese a vontade da Xunta e/ou patrimonio público a favor de Altri". E, en todo caso, coidan que é unha "información que comporta especial interese" mentres "descoñecemos se a empresa promotora do proxecto ten impugnado o arquivo do expediente de autorización da fábrica" e mentres "o PP ameaza con recuperar o proxecto industrial en caso de que chegue a gobernar o Estado coa axuda de Vox".
Por iso estas organizacións "convidan á cidadanía galega a rexistrar de forma masiva a mesma petición nas dependencias da Xunta" solicitando o acceso ao documento. Para facelo, poñen "á disposición da cidadanía un escrito modelo de petición" e, ao tempo, elas mesmas tamén reiteran a petición.
Fano, explican, dado que o propio Rueda admitiu coñecer os termos do acordo. E "na súa condición de presidente está obrigado a facer pública a información que coñeza no exercicio do seu cargo e das súas competencias". Solicítano, asemade, "á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" ao respecto, toda vez que, tras recibir unha destas múltiplas negativas, a CIG decidiu recorrela mediante un contencioso contencioso-administrativo. Foi tras denegárllela a Comisión de Transparencia de Galicia que, como ante outras solicitudes, resolveu que Impulsa Galicia fora "un suxeito privado que non está incluído no ámbito de aplicación subxectivo da lexislación de transparencia".