Rueda coñeceu o pacto con Altri pero non como presidente: novo argumento da Xunta para ocultalo

Rueda nunha comparecencia como presidente ante a sede da Presidencia da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Comisión da Transparencia nega o argumento da Xunta de que fose "abusivo" preguntar a Rueda polo pacto pero valida que non o coñeceu "no exercicio das súas competencias", o que deixa no aire en calidade de que o coñeceu

A Xunta vén de arquivar o proxecto de fábrica de Altri en Palas de Rei por non ter garantida a súa conexión eléctrica logo de anos de forte contestación social. Porén, case un lustro despois de asinar coa empresa en outubro de 2021 un acordo para a súa instalación nese lugar, ese pacto segue sendo secreto. Tras reiteradas peticións do Consello de Contas ou de BNG e PSdeG no Parlamento, o Goberno galego vén escudándose para ocultalo en que foi un acordo entre dúas empresas privadas, malia que unha delas, Impulsa Galicia, estaba controlada pola Xunta. 

Praza.gal vén formulando desde hai anos varias solicitudes de acceso ao documento a través da Lei de Transparencia, a última tras asegurar o presidente Rueda en marzo que el coñeceu o acordo a través de "representantes da Xunta". Unha petición de transparencia tamén denegada, agora co argumento de que Rueda non o coñeceu "no exercicio das súas competencias", pero sen que se aclare en calidade de que o coñeceu. 

Faixa nunha manifestación contra Altri ás portas da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-SA Praza.gal

A Xunta vénse amparando para denegar o acceso ao pacto secreto con Altri en que non foi asinado pola administración senón por unha empresa creada e controlada por ela, Impulsa Galicia, pero na que o capital público non era maioritario senón só do 48,02%. Iso deixaríaa á marxe da Lei de Transparencia, e para incidir nese argumento a Xunta chegou a responder oficialmente que "descoñece" o pacto e que o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinara o acordo como parte dun "negocio xurídico privado" e non como conselleiro.

A Lei de Transparencia "entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder" das administracións, pero a Xunta nunca respondeu expresamente a ese argumento de Praza.gal

Praza.gal vén defendendo outra interpretación da Lei de Transparencia, a de que á marxe de quen asinase o acordo, este está en poder da Xunta no exercicio das súas funcións de administración pública, tanto pola súa sinatura por parte do conselleiro Conde como polo control da súa participación en sociedades como Impulsa Galicia.

Sería tamén no exercicio das súas funcións como presidente, e non como cidadán particular, como Rueda coñeceu o pacto a través de "representantes da Xunta", segundo el mesmo declarou en marzo. Por iso, dado que a Lei de Transparencia "entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder" das administracións, este diario reclamou ese acordo á Presidencia da Xunta.

Solicitude formal de transparencia formulada por Praza.gal e resposta oficial da Presidencia da Xunta CC-BY-SA Imaxe: Greenfiber | Montaxe: Praza Pública

Pero Presidencia da Xunta remitiu a petición a ela dirixida novamente á Consellería de Economía e esta rexeitouna novamente, desta volta co argumento de que a lei lle permite inadmitir "as solicitudes manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo". 

Ante esa negativa Praza.gal recorreu ante a Comisión da Transparencia de Galicia, que como primeira consideración vén de dicir que a petición deste diario non tivo carácter repetitivo xa que o destinatario da solicitude, a Presidencia da Xunta, "non é o mesmo ao que o interesado solicitou a información con anterioridade". 

Na súa resposta á Comisión da Transparencia, contra a que Praza.gal non puido alegar malia solicitalo expresamente, a Xunta introduciu un novo argumento. Desta volta, segundo reflicte a resolución de Transparencia, Presidencia da Xunta rexeitou que o acordo fose adquirido "no exercicio das súas compentencias", requisito establecido pola lei. 

Recreación da planta proxectada por Altri para Palas de Rei e fragmentos do comunicado de 2021 sobre o acordo con Impulsa Galicia CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Infografía: Greenfiber

A Comisión da Transparencia salienta que "as meras declaracións públicas da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia indicando que é coñecedora do documento, en ningún caso implican que o memorando sexa información pública en poder da Presidencia, pois esta circunstancia implicaría que o memorando foi adquirido no exercicio das súas competencias, o que rexeitou a Presidencia ao remitir a solicitude á Consellería de Economía e Industria". Isto é, segundo a Comisión da Transparencia ao remitir Presidencia a nova petición de Praza.gal a Economía xa estaba rexeitando que Rueda coñecese o acordo no exercicio das súas competencias como presidente. Queda no aire en calidade de que coñeceu Rueda o acordo con Altri.

O traballo xornalístico de Praza.gal para acceder ao pacto con Altri provocou xa o maior cisma interno nos 10 anos de historia da Comisión da Transparencia de Galicia

Esta nova resolución da Comisión da Transparencia favorable á Xunta chega despois de que nunha anterior análise doutro paso previo do caso rexistrase o maior cisma interno nos seus 10 anos de historia ao discrepar os representantes dos consellos de Contas e Consultivo sobre como a Xunta argumentaba que non coñece o pacto. Daquela eses dous representantes discreparan de que a Xunta introducise un argumento novo no proceso sen dar a posibilidade de que este diario alegase antes de pronunciarse a Comisión da Transparencia. 

Desta volta Praza.gal pediu expresamente poder alegar ás consideracións que formulase a Xunta. Pero a Comisión da Transparencia volveu emitir a súa resolución sen dar esa posibilidade e sen pronunciarse sobre esa petición.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.