Representantes das plataforma da Ulloa, de defensa da Ría de Arousa e contra a mina de Touro-O Pino anuncian que recorrerán contra o xeito en que foi arquivado o proxecto e piden á Xunta a documentación do expediente
Tras o arquivo hai dúas semanas por parte da Xunta do proxecto para unha fábrica de celulosa e fibra téxtil en Palas de Rei promovido por Altri a través de Greenfiber, a Plataforma Ulloa Viva, xunto coas plataformas contra a mina de Touro-O Pino e de defensa da Ría de Arousa, deu este mércores unha rolda de prensa en Santiago para informar dos seus seguintes pasos e advertir de que seguirá alerta para o que a iniciativa non se retome.
As plataformas reclaman que o arquivo do proxecto non sexa só porque non puido dotarse de conexión eléctrica senón polo seu risco ambiental e piden á Xunta a documentación do expediente. Unha documentación entre a que estaría o acordo secreto asinado coa empresa en outubro de 2021 para a súa chegada a Galicia que o Goberno galego teima en ocultar con todo tipo de argumentos. [Rueda coñeceu o pacto con Altri pero non como presidente: novo argumento da Xunta para ocultalo].
Logo de que o proxecto de Altri quedase sen conexión eléctrica na planificación do Goberno de España, en febreiro a Xunta propuxo o arquivo do expediente. A empresa alegou e tras asegurar inicialmente que esa conexión era "imprescindible" pasou a considerala "non esencial", pero a comezos deste mes a Xunta desbotou eses argumentos e ratificou o arquivo.
Este mércores o presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, dixo que ese arquivo "é unha resolución sen solucións" e avanzou que "estamos alerta e manteremos as mobilizacións”. "Presentaremos recurso contra a resolución" na instancia en que se desenvolva a partires de agora a tramitación da mesma", engadiu, apuntando á súa participación no proceso que se poida abrir se a empresa recorre ante a xustiza o arquivo.
As plataformas queren que decaia o permiso ambiental que outorgou a Xunta en marzo de 2025 e participarán nos procesos xudiciais que poida abrir a empresa contra o arquivo do seu proxecto
As plataformas tamén salientan que "non se pode xustificar o arquivo por parte da Xunta pola falta de conexión eléctrica cando hai informes solventes de técnicos e profesionais que advirten dos riscos medioambientais e para a saúde e a economía da zona que por si sos xa terían que ter feito que a Xunta de Galicia rematara hai anos con este proxecto". "Seguimos na liña de usar todos os instrumentos legais posibles para facer realidade que a Declaración de Impacto Ambiental [DIA, outorgada pola Xunta en marzo de 2025] decaia e tamén a petición da captación de augas", engaden.
As plataformas puxeron en valor "o poder das mobilizacións sociais" e queren que a posible reapertura da mina de Touro-O Pino "siga o mesmo camiño, pola contestación social e porque xa tivo unha DIA negativa".