Milleiros de persoas e centos de embarcacións esixen ao Goberno galego "enterrar estes proxectos de vez" e liberar de contaminación unha ría de Arousa "na UCI"
"Deixen de facernos sufrir, pechen xa estes proxectos, deixen de vender como progreso o retroceso". A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, resumía deste xeito este domingo o motivo polo que os colectivos contrarios a Altri e á mina de Touro e defensores da ría de Arousa confluíron nunha nova manifestación por terra e mar na Illa, dende a praia do Vao ao porto do Xufre.
Milleiros de persoas e centos de embarcacións clamaron contra proxectos que, cada un ao seu xeito, se atopan en senllos limbos e que, ilustran as organizacións convocantes, toca "re-matar". No caso da factoría de Altri en Palas, cuxo arquivo por falta de conexión eléctrica a empresa tentou evitar con alegacións in extremis, Gontá ve claro que "o proxecto non cumpre tecnicamente", pero tampouco "conta con licenza social" para a instalación "dunha empresa mentireira que trae a peste".
A Xunta, agrega, é quen "ten competencias para enterrar estes proxectos de vez", polo que "será responsable de ata onde escale o conflito, porque chegaremos ata o final. Nun sentido semellante, a voceira da plataforma de Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, advirte de que "o pobo está máis vivo ca nunca para parar" a posible reapertura da explotación, un proxecto que esencialmente "é o mesmo que a Xunta denegou en 2021.
Os colectivos convocantes ven "un insulto á intelixencia" que poidan acabar saíndo adiante a factoría e a explotación mineira máis aínda "no contexto de cambio climático, cando a auga vai ser aínda máis importante, escasa e valiosa"
Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, advirte de que, en última instancia, a mobilización deste domingo clamou por non "sacrificar o río Ulla e a ría de Arousa para beneficiar uns privilexiados". Neste sentido incidiu tamén o manifesto final lido no peirao arousán por Ana Millán, responsable do Museo da Conserva e presidenta de Arousa en Transición; Olaya Barral, da plataforma contra a mina de Touro e Patricia Coucheiro, de Ulloa Viva.
Acompañadas polo son das buguinas dos barcos, reivindicaron que opoñérense a Altri e á mina e tanto como "defender a terra e o mar que nos dan de comer, o aire que nos permite respirar e o río do que bebemos e do que beberán as nosas fillas". Tamén unha ría de Arousa "que está na UCI", situación ante a que, ademais da fin de ambos proxectos, "esiximos ao señor Rueda que cumpra coas súas obrigas e actúe contundentemente contra os vertidos e a contaminación".
Manifestación contra Altri e a Mina de Touro na Illa de Arousa
-
Embarcacións na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Barcos na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Barcos na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Protesta en mar e terra na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Protesta en mar e terra na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Cabeceira da manifestación contra Altri e a mina de Touro, este 14 de xuño de 2026 na Illa de Arousa -
Marta Gontá (Ulloa Viva) amosa un comunicado da Xunta sobre o cambio climático en presenza de Xaquín Rubido (PDRA) ao inicio da manifestación contra Altri e a mina de Touro © Pedro Armestre / Greenpeace -
Comitivas de colectivos participantes na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Illa de Arousa © Pedro Armestre / Greenpeace -
Comitiva do BNG, con Ana Pontón e outros dirixentes, na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Illa de Arousa -
Remate da manifestación contra Altri e a mina de Touro no porto do Xufre da Illa de Arousa, este 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace -
Remate da manifestación contra Altri e a mina de Touro no porto do Xufre da Illa de Arousa, este 14 de xuño de 2026 © Pedro Armestre / Greenpeace
Para as organizacións convocantes e as que secundaron a súa chamada, entre eles colectivos ambientalistas como Adega e Greenpeace, a CIG ou o BNG, está "claro que a terra e o mar, o río e a ría son o pasado, o presente e o futuro do noso país" e non "un modelo de industrialización" mediante Altri e a mina que é "un insulto á intelixencia". Máis aínda "no contexto actual de cambio climático, cando a auga vai ser aínda máis importante, escasa e valiosa".
Non se van conformar co "anuncio pantasma de arquivar o proxecto de Altri", advirten: "Deixen de tomarnos por parvas!"
Por todo isto, advirten, os colectivos non se van conformar co "anuncio pantasma de arquivar o proxecto de Altri". "Deixen de tomarnos por parvas!", advirten, "din que o deixan caducar, nós dicimos que o rematen". En síntese, conclúen, "non nos van desmobilizar, queremos a denegación dos proxectos, a potenciación dos nosos sectores produtivos e a protección ambiental do Ulla e da ría de Arousa". E mentres non suceda, agregan, seguiremos "mobilizándonos e alerta".
O apoio político do BNG a esta nova mobilización contretouse cunha ampla comitiva encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón. "Rueda está empeñado en vender Galiza a prezo de saldo, pero non llo imos permitir", mantén nun contexto no que, advirte, "a forza da xente logrou parar Altri, pero aínda non podemos baixar a garda" mentres "non haxa unha retirada total de todos os permisos e autorizacións". Neste sentido, advirte que tras o freo á mina de Touro en 2021 Rueda "volveu activar a súa reapertura en 2024" cun "proxecto case idéntico"
Por parte de Greenpeace o seu coordinador en Galicia, Manoel Santos, resalta que a organización volve manifestarse contar estes proxectos porque "os ecosistemas máis valiosos de Galicia non poden estar eternamente baixo a ameaza de proxectos industriais indesexábeis que se declaran estratéxicos de forma indiscriminada e sen a suficiente transparencia e participación pública". "Tanto Altri como a Xunta teñen que parar con este acoso ao noso medio natural e a un pobo que hoxe de novo demostrou que non vai ceder nin un paso na súa loita pola xustiza ambiental e social", advirte.