Tras dicir a Consellería de Economía que ela "descoñece" o acordo, o presidente admitiu que el si o coñece, pero o Goberno galego di que pedirllo formalmente en aplicación da Lei de Transparencia é "abusivo"
O proxecto de Altri para instalar unha fábrica en Palas de Rei resístese a morrer mentres permanecen ocultas algunhas das xestións que facilitaron a chegada da empresa a Galicia. A compañía vén de alegar contra o arquivo do seu proxecto por parte da Xunta ao non facilitarlle o Estado unha conexión eléctrica, e ao tempo o Goberno galego teima en manter oculto o seu acordo coa empresa e mesmo considera "abusivo" preguntarlle por el ao presidente Rueda.
Hai uns meses, tras unha petición formal de transparencia de Praza.gal, a Consellería de Economía argumentou que "descoñece" o pacto secreto asinado en outubro de 2021 para a chegada de Altri a Galicia porque non o asinou a Xunta senón unha empresa impulsada por ela. Tras esa resposta, e preguntado directamente por ese pacto, o presidente Rueda admitiu en febreiro que el si coñece ese acordo, polo que este diario formulou unha nova petición de transparencia dirixida expresamente á Presidencia da Xunta. Porén, o Goberno galego derivou esa solicitude novamente a Economía, que agora vén de denegala obviando a petición dirixida á Presidencia e argumentando que tras as solicitudes previas considera que esta última ten "un carácter abusivo".
A Xunta vénse amparando para denegar o acceso ao pacto secreto con Altri en que non foi asinado pola administración senón por unha empresa creada e controlada por ela, Impulsa Galicia, pero na que o capital público non era maioritario senón só do 48,02%. Iso deixaríaa á marxe da Lei de Transparencia, e para incidir nese argumento a Xunta chegou a responder oficialmente que "descoñece" o pacto e que o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinara o acordo como parte dun "negocio xurídico privado" e non como conselleiro.
Praza.gal vén defendendo outra interpretación da Lei de Transparencia, a de que á marxe de quen asinase o acordo, este está en poder da Xunta no exercicio das súas funcións de administración pública, tanto pola súa sinatura por parte do conselleiro Conde como polo control da súa participación en sociedades como Impulsa Galicia.
A Lei de Transparencia "entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder" das administracións, pero a Xunta nunca respondeu expresamente a ese argumento de Praza.gal
Sería tamén no exercicio das súas funcións como presidente, e non como cidadán particular, como Rueda coñeceu o pacto, segundo el mesmo declarou a través de "representantes da Xunta". Por iso, dado que a Lei de Transparencia "entende por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obren en poder" das administracións, este diario reclamou á Presidencia da Xunta ese acordo logo de que o propio Rueda declarase que el si o coñeceu e por "representantes da Xunta", isto é, no exercicio da súa función como presidente.
Pero Presidencia da Xunta remitiu a petición a ela dirixida novamente á Consellería de Economía e esta, na súa nova resposta, reitera textualmente os argumentos de anteriores denegacións e engade agora que a lei lle permite inadmitir "as solicitudes manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo". "A reiteración dunha solicitude sobre a mesma materia constitúe motivo suficiente para a súa inadmisión", engade Economía, sen ter en conta que a anterior petición foi realizada a Economía, que respondeu que descoñecía o pacto, e a agora rexeitada ía dirixida á Presidencia da Xunta logo de admitir Rueda que el si o coñece.
O traballo xornalístico de Praza.gal para acceder ao pacto con Altri provocou xa o maior cisma interno nos 10 anos de historia da Comisión da Transparencia de Galicia
Ante esta nova negativa, o longo proceso desenvolvido por Praza.gal para coñecer o acordo con Altri volve agora estar en mans da Comisión da Transparencia de Galicia, que nunha anterior análise sobre outro paso previo do caso rexistrou o maior cisma interno nos seus 10 anos de historia ao discrepar os representantes dos consellos de Contas e Consultivo sobre como a Xunta argumentaba que non coñece o pacto.