Altri di agora que a súa conexión eléctrica "non é esencial" tras asegurar que era "imprescindible"

Documentación coa que Altri tramitou en marzo de 2024 o seu permiso ambiental e alegacións que agora presenta contra o arquivo do proxecto por falta de conexión eléctrica CC-BY-SA Imaxe: Altri | Montaxe: Praza Pública

As alegacións da empresa contra o arquivo do seu proxecto por falta de conexión eléctrica contradín o que ela mesma argumentara na documentación coa que tramitou o permiso ambiental

Altri vén de presentar alegacións ante a Xunta contra o arquivo do seu proxecto de fábrica en Palas de Rei tras a denegación por parte do Estado da conexión eléctrica que pedía. A propia empresa salienta que o argumento "principal" das súas alegacións é que o proxecto ten unha "autosuficiencia enerxética" que "non fai imprescindible a conexión eléctrica á rede". Porén, na documentación que se someteu a exposición pública en marzo de 2024 para obter o permiso ambiental a propia empresa aseguraba que malia a súa autosuficiencia era "imprescindible" a conexión de 110 MW.

Documentación coa que Altri tramitou en marzo de 2024 o seu permiso ambiental e alegacións que agora presenta contra o arquivo do proxecto por falta de conexión eléctrica CC-BY-SA Imaxe: Altri | Montaxe: Praza Pública

A Xunta decidiu propoñer o arquivo do proxecto de Altri o pasado febreiro tras constatar que quedaba fóra da planificación eléctrica estatal. Unha conexión eléctrica que a empresa consideraba "imprescindible" e "esencial" na documentación coa que a finais de 2023 e comezos de 2024 tramitou o seu permiso ambiental. 

Hai dous anos para a empresa era "esencial" contar con conexión á rede eléctrica, e agora ao tempo que di que "non constitúe un elemento esencial" revela que busca outra conexión distinta da non outorgada polo Estado

Nesa documentación, revisada primeiro pola Xunta e sometida despois a exposición pública en marzo de 2024, a empresa argumentaba que o seu proxecto xeraría tamén electricidade pero que aínda así precisaría dunha conexión externa co resto da rede. Según dicía, "o proxecto necesita unha conexión á rede para o consumo de electricidade, en casos excepcionais (por exemplo parada de mantemento ou desbalances puntuais), que sexa o suficientemente estable como para abastecer a todos os consumidores indispensables da fábrica". 

Esa conexión, estimaba a empresa, "require unha potencia mínima de operación de 110 MW" e chegaba a dicir que "é imprescindible, desde o punto de vista de seguridade operativa". Con esas premisas, a Xunta outorgou en marzo de 2025 a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á fábrica quedando pendente un segundo permiso máis concreto, a autorización ambiental integrada (AAI), para o que a empresa tamén falaba da conexión eléctrica como "imprescindible".

Manifestación contra Altri o pasado decembro CC-BY-SA Praza Pública

Ante a falta desa conexión eléctrica non facilitada polo Estado, argumenta a Xunta, non lle queda máis remedio que arquivar o proxecto. Pero contra ese arquivo alega agora a empresa mudando a súa propia argumentación. Segundo o comunicado divulgado este martes, o "principal" argumento das alegacións "é a autosuficiencia enerxética do proxecto, que non fai imprescindible a conexión externa á rede". 

E se antes tamén empregaba o termo "esencial" para referirse a esa conexión, agora o comunicado asegura que "a conexión eléctrica externa non constitúe un elemento esencial para o funcionamento do proxecto".

A empresa di que xa tramita "distintas opcións dispoñibles" de conexión eléctrica e pide á Xunta que non arquive o seu proxecto

Pero o comunicado de Altri non se limita a contradicir a súa propia documentación previa sobre o proxecto. Tamén revela que malia asegurar que non precisa conexión eléctrica externa, aínda así a empresa está a buscala con diversas alternativas. Segundo di, hai "múltiples alternativas e conexión tecnicamente viables" e xa iniciou "con carácter prudencial, os trámites de solicitude de acceso e conexión correspondentes a unha das distintas opcións dispoñibles".

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, recibido por Feijóo e o conselleiro de Facenda en San Caetano en 2022, tras seleccionar Palas para emprazar a súa fábrica CC-BY-SA Xunta

En todo caso, a empresa argumenta ante a Xunta que "a tramitación debe seguir o seu curso ordinario en paralelo á aprobación da planificación eléctrica estatal, como ocorre co resto dos proxectos estratéxicos" e confía "en que o procedemento se desenvolva co rigor técnico e a cooperación institucional que un proxecto desta dimensión e transcendencia para Galicia merecen". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.