Novamente coa abstención da directora xeral de Calidade Ambiental, parella dun cargo da empresa, Ence obtén a autorización ambiental integrada para a súa planta de reciclaxe en antigos terreos de Endesa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a autorización ambiental integrada (AAI) da planta de reciclaxe de papel e cartón que Ence quere instalar en As Pontes, no lugar que ocupaba o depósito de carbóns da antiga central térmica de Endesa. O segundo dos dous permisos ambientais máis importantes que debe recibir unha instalación deste tipo chega dous meses despois do primeiro, a súa declaración de impacto ambiental favorable.
Neste segundo permiso, como no anterior, abstívose novamente quen debía asinalo por defecto, a directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría Moreno, parella dun cargo de Ence. Asínao no seu lugar, como o anterior, outra directora xeral, a de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira.

Foi o pasado 21 de maio cando Ence obtivo a declaración de impacto ambiental favorable ao seu proxecto para As Pontes, desenvolvido a través da empresa Biofibras Galicia. E agora, dous meses despois, con data do 22 xullo pero publicada este martes no DOG, coñécese a autorización ambiental integrada, que concreta os parámetros que a instalación debe respectar para cumprir coa declaración de impacto ambiental. Agora será a Consellería de Economía e Industria a que continúe coa tramitación ata a aprobación final do proxecto, que lle corresponde ao Consello da Xunta.
Altri aínda non ten a autorización ambiental integrada cinco meses despois de obter a declaración de impacto ambiental, mentres Ence presume do "avance firme" do seu proxecto
A tramitación da planta de reciclaxe de Ence nas Pontes está a ser máis rápida que a fábrica de celulosa e fibras téxtiles que quere facer Altri en Palas. Altri obtivo a súa declaración de impacto ambiental con data do 5 de marzo, pero cinco meses despois aínda segue agardando polo segundo permiso, a autorización ambiental integrada.
Se a declaración de impacto ambiental de Ence tivo 41 páxinas, por 76 a de Altri, agora a autorización ambiental integrada da primeira son 63 páxinas. E se a fábrica de Altri recibiu milleiros de alegacións, a de Ence só 21.

Fronte á fábrica de celulosa e fibras téxtiles a partir de madeira que impulsa Altri nun espazo natural de Palas, a planta de Ence nas Pontes, impulsada a través da empresa Biofibras de Galicia SL, pretende producir "pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado e/ou de residuos de papel e cartón", cun proceso de reciclaxe deses produtos e outro de fabricación de pasta de celulosa. Ademais, instalarase ocupando unhas 47 hectáreas no antigo parque de almacenamento de carbón da central térmica, nunha área a carón do lago artificial notablemente transformada pola explotación mineira e as instalacións industriais que se foron desenvolvendo nas Pontes nas últimas décadas.
Ence —empresa historicamente con fonda vinculación co PP e coa Xunta— hai tempo que fai saber o seu descontento, tanto en Compostela como en Madrid, co explícito e intenso apoio da Xunta á fábrica que a súa competidora Altri prevé en Palas de Rei.
Que poucos días despois da aprobación da declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto da compañía portuguesa, Ence saíse a presumir do "avance firme" da súa planta de reciclaxe nas Pontes non foi casual, din fontes consultadas por Praza.gal. Tampouco que se gabase de ser "pioneira en economía circular, produción de enerxía renovable e captura de CO₂" cun proxecto, este si, centrado no téxtil.