A empresa gaba que o seu proxecto de recuperación de fibras téxtiles terá "un consumo mínimo de auga" e ocupará o mesmo lugar da central térmica, mentres adía de 5 a 10 anos melloras ambientais comprometidas en Pontevedra hai 8 anos
En pleno debate sobre o impacto ambiental que terá a fábrica de celulosa e fibras téxtiles que Altri quere instalar en Palas de Rei este martes Ence divulgou un comunicado no que salienta supostas vantaxes ambientais da planta de reciclado de fibras téxtiles que quere instalar nas Pontes, nos terreos que ocupaba a central térmica de Endesa agora pechada. Faino ao tempo que vén de coñecerse, a través de documentos oficiais a exposición pública, que melloras ambientais que comprometeu hai 8 anos para a súa fábrica de Pontevedra non comezarán a executarse ata 5 ou 10 anos despois de obter os permisos.
Este luns os máximos dirixentes de Altri compareceron en Santiago para defender a sostibilidade ambiental do seu proxecto para Palas, asegurando, como xa fixeran en comunicados previos, que a tecnoloxía que terá será a máis limpa do sector. Altri non cita expresamente a Ence, pero de xeito implícito está a comunicar que a fábrica de Palas será menos contaminante que a de Pontevedra, cuestión que negan e á que dan a volta por completo os movementos sociais e ecoloxistas contrarios ao proxecto.
Fontes do sector tamén admiten que, aínda que Galicia teña unha produción de eucalipto excedentaria, a instalación de Altri suporía unha competencia directa para Ence e un encarecemento dos seus custes, sexa da materia prima ou dos servizos necesarios para a súa corta e transporte.
O proxecto de Ence para As Pontes suporía un investimento de 125 millóns, fronte os mil millóns de Altri en Palas, e os dous contan co apoio expreso da Xunta
Neste contexto, Ence está a tramitar unha planta de reciclaxe de fibras téxtiles que quere instalar nas Pontes, no terreo que ocupaba a central térmica. O seu proxecto é de menor envergadura que o de Altri, cun investimento estimado de 125 millóns de euros fronte aos mil millóns anunciados para Palas, pero tamén conta co apoio público da Xunta, que hai un ano declarouno proxecto industrial estratéxico. A iniciativa segue en estudo e pendente, ao igual que a de Altri, dos permisos ambientais, sen que Ence emitise ningún comunicado sobre ela desde hai un ano.
Ata este martes, un día despois das explicacións dos directivos de Altri sobre o seu proxecto, cando Ence emitiu un comunicado co argumento de que vén de asinar un memorando de entendemento coa empresa sueca ShareTex para empregar a súa tecnoloxía na fábrica das Pontes. Un feito que apenas é empregado como escusa para dedicar o resto do comunicado a gabar as vantaxes ambientais do seu proxecto de reciclado de fibras téxtiles.
Segundo Ence, nun argumentario que leva a pensar nas críticas que se veñen lanzando ao proxecto de Altri, a súa fábrica nas Pontes "non empregará madeira, senón fibras recuperadas", "autoabastecerase de enerxía renovable e terá un consumo mínimo de auga" e instalarase en terreos da antiga central térmica "de tal modo que non afectará a espazos nin hábitats naturais". Ence engade que a súa tecnoloxía "ofrece claras vantaxes respecto a outras tecnoloxías de reciclaxe química".
A empresa tamén di que, "con outros actores de Galicia", está "en vías de establecer un consorcio para fomentar o I+D+i no reciclado deste tipo de residuos" con "procesos alternativos ou complementarios nesta cadea de valor, fomentando a economía circular desde e para Galicia". Unha apelación que tamén vén facendo Altri.
Ence remata gabando "o seu firme compromiso coa sostibilidade e con Galicia". Faino ao tempo que aínda está a tramitar agora melloras ambientais para a súa fábrica de Pontevedra comprometidas hai oito anos, cando o Goberno de Mariano Rajoy ampliou a súa concesión ata 2073. A documentación oficial desas melloras sinala que "o prazo para o inicio da execución das actuacións urxentes será de sesenta (60) a cento vinte (120) meses desde a obtención das autorizacións/permisos necesarios". Isto é, á espera de que culmine a tramitación en marcha, pode que Ence non inicie actuacións de mellora ambiental consideradas "urxentes" ata dúas décadas despois de obter a prórroga da súa concesión á que ían ligadas.