ADEGA alerta de que a factoría de Altri en Palas contaminaría máis que a de ENCE en Pontevedra

Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, Ramón Varela e Mónica Cea, da Plataforma Ulloa Viva © ADEGA

Os datos foron presentados nunha rolda de prensa na que, ademais de Ramón Varela e Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, tamén estivo presente Mónica Cea, da Plataforma Ulloa Viva

ADEGA denuncia que a factoría proxectada por Altri en Palas de Rei superaría as emisións contaminantes á atmosfera de todas as celulosas en funcionamento no Estado, incluída a planta de ENCE en Pontevedra. A organización ecoloxista, en colaboracion co experto en contaminación atmosférica Ramón Varela Díaz, levou a cabo unha revisión comparativa das emisións á atmosfera declaradas no EIA (Estudo de Impacto Ambiental) da factoría de Greenfiber coas doutras plantas semellantes.

O informe de ADEGA advirte de que a macrocelulosa de ALTRI "está chamada a producir enormes emisións de óxidos de nitróxeno e de xofre, partículas, metais, metais pesados, compostos orgánicos volátiles...". "Un cóctel contaminante que pode causar danos e impactos a curto, medio e longo prazo na saúde humana e no ambiente", sinala a entidade. Os datos foron presentados nunha rolda de prensa na que, ademais de Ramón Varela e Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, tamén estivo presente Mónica Cea, da Plataforma Ulloa Viva

Planta de ENCE en Pontevedra © ENCE

Atendendo aos datos das emisións anuais de ALTRI que figuran no EIA e no Informe de Sustentabilidade de ENCE-Pontevedra de 2023, a factoría proxectada en Palas de Rei emitiría máis que ENCE-Pontevedra en partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre

No EIA do proxecto ALTRI cuantifícanse as emisións de partículas grandes (PM10, 252,5 t), óxidos de xofre (SOx, 577,58 t), óxidos de nitróxeno (NOx, 2.180,9 t) e compostos volátiles reducidos de xofre (TRS, 53,22 t). Porén, non se indican as as emisións das partículas finas PM2,5, problemáticas para a saúde e o medio ambiente.

Atendendo aos datos das emisións anuais de ALTRI que figuran no EIA e no Informe de Sustentabilidade de ENCE-Pontevedra de 2023, a factoría proxectada en Palas de Rei emitiría máis que ENCE-Pontevedra en partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre, chegando a multiplicar por 5,8 a emisión de partículas, por 3,96 a emisión de NOx e por 28,3 as emisións de SOx, sinala ADEGA. ALTRI pasaría a ser a primeira industria galeg emisora de óxidos de nitróxeno e de partículas PM10 e a cuarta de óxidos de xofre.

ADEGA alerta da "inviabilidade ambiental, técnica e legal do proxecto" e esíxelle á Xunta e ao Ministerio "que rexeiten sen fisuras" o complexo de Greenfiber en Palas de Rei

ADEGA explica que os compostos de nitróxeno, os de maiores emisións na factoría de ALTRI, "asócianse con enfermidades respiratorias como o asma, e síntomas como tos, sibilancia ou dificultade para respirar" e que o dióxido de xofre "irrita a pel, as mucosas e afecta aos pulmóns". Ademais, para os ecosistemas, "estes contaminantes primarios e os secundarios que se formen na atmosfera e hidrosfera incrementarán as choivas ácidas e reducirán a produtividade na agricultura, apicultura e gandería". Os efectos poderán atinxir dende a contorna mías próxima a ducias de quilómetros arredor do foco emisor, engade a entidade.

Pola súa banda, a empresa afirma que a súa celulosa non emitirá "dioxinas" á atmosfera e negou que a súa actividade poida se "prexudicial para a saúde das personas nin dos animais".

Análise comparada das emisións á atmosfera de Altri e as doutras celulosas existentes no Estado © ADEGA

A Plataforma Ulloa Viva animou a "participar masivamente" na manifestación deste domingo "para convertelo nun día histórico na defensa do territorio e fronte á macrocelulosa"

Á vista dos datos ADEGA alerta da "inviabilidade ambiental, técnica e legal do proxecto" e esíxelle á Xunta e ao Ministerio "que rexeiten sen fisuras" o complexo de Greenfiber en Palas de Rei.

Na rolda de prensa a representante da Plataforma Ulloa Viva animou a "participar masivamente" na manifestación deste domingo "para convertelo nun día histórico na defensa do territorio e fronte á macrocelulosa que, á vista da presente análise, se revela como a máis contaminante do Estado español".

O SLG pide que a Xunta "deixe de enviar mensaxes de fomento do eucalipto"

O SLG cualificou de "irracional e irresponsábel" o argumento -sostido por Xunta e empresa- de que instalar unha macro-fábrica de celulosa é "un xeito de xestionar á grave problemática que temos cas macro-extensións de eucaliptos"

Esta semana, ademais, varias organizacións introduciron na orde do día da reunión do Consello Forestal de Galicia un punto de debate sobre o proxecto de Altri e representantes da empresa tamén acudiron ao Consello Forestal a presentar o proxecto. 

O coordenador da área de montes do SLG, Diego Sánchez Agra, cualificou de "irracional e irresponsábel" o argumento -sostido por Xunta e empresa- de que instalar unha macro-fábrica de celulosa é "un xeito de xestionar á grave problemática que temos cas macro-extensións de eucaliptos". “Cando algo se fai mal o que hai que facer é corrixilo, non disimulalo nunha carreira suicida cara adiante", sinalou Sánchez Agra, que lembrou que en Galicia "temos unha clara problemática de sobreocupación e produción de eucalipto, recoñecida pola Administración pública e percibida por unha inmensa maioría da sociedade".

Plantación de eucaliptos CC-BY Rcandre

O SLG pide que a Xunta "deixe de enviar mensaxes de fomento do eucalipto ás persoas produtoras"

Para o SLG "é verdadeiramente alarmante que a Xunta afirme que quere abordar esta situación a través da instalación dunha planta contaminante de transformación primaria, de escaso valor engadido para a exportación e que o único que vai facer é seguir afondando na xa mermadísima superficie agraria útil galega, empeorar a perda de biodiversidade e especies autóctonas nos nosos montes e acrecentar o perigo de vagas de lumes". O SLG pide que a Xunta "deixe de enviar mensaxes de fomento do eucalipto ás persoas produtoras"

O Sindicato Labrego Galego solicitou que sexan publicados datos oficiais da cantidade de extensión de eucaliptos que están en terreo de cultivo e pasteiros, así como delimitar aquela que substitúe a outras masas forestais. Denunciou ademais que a Administración "non está a actuar de oficio nin facendo seguimento das plantacións ilegais". “Estanse facendo plantacións en parcelarias executadas recentemente, na parte agrícola, isto so é posible cando a administración está a mirar para outro lado", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.