A marcha, baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a ría. Terra, auga e aire son vida', partirá ás 12 horas do Polígono industrial de Palas e espera contar coa participación masiva da poboación da Ulloa e das comarcas próximas e tamén con milleiros de persoas procedentes doutros lugares de Galicia
"Temos unha nova que darvos. Apunte, importante, 26 de maio. Primeira manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva". Hai dúas semanas a Plataforma Ulloa Viva anunciaba a convocatoria dunha manifestación en Palas de Rei para rexeitar a instalación na localidade da macro celulosa promovida pola empresa Altri. A marcha, baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a ría. Terra, auga e aire son vida', partirá ás 12 horas do Polígono industrial de Palas e espera contar coa participación masiva da poboación da Ulloa e das comarcas próximas e tamén con milleiros de persoas procedentes doutros lugares de Galicia.
A manifestación supón a culminación de meses de traballo por parte da plataforma veciñal, especialmente intensos dende que a comezos de marzo se coñeceron con detalle as características reais do proxecto, inicialmente presentado como unha planta de fibras téxtiles con escaso impacto ambiental. Un tempo no que o labor de Ulloa Viva se centrou en informar á poboación sobre o impacto económico e sobre o medio do proxecto, en responder á versión edulcorada presentada pola empresa, en levar a súa protesta a partidos políticos e institucións e promover a presentación de máis de 20 mil alegacións ao proxecto.
Dende hai días os principais esforzos céntranse na preparación dunha manifestación que quere tomar o pulso á comarca da Ulloa e medir o nivel de rexeitamento que xera un proxecto que, alertan, impacta directamente sobre o núcleo da diversificada economía local, especialmente contra a modernizada produción agrogandeira e sobre o turismo. Falamos con Marta Gontá, unha das voceiras da plataforma sobre os preparativos da marcha e as restantes actividades da entidade, que o 21 de maio se desprazará ao Congreso, convidada por Sumar, para manter encontros cos diferentes grupos parlamentarios.
Como van os preparativos da manifestación?
Dende que se puxo en marcha o funcionamento da plataforma consistiu, sobre todo, en poñer en contacto os distintos grupos que se crearan a nivel local e seguimos funcionando así, en grupos de traballo locais, que están todos traballando nos preparativos da manifestación. Os máis activos son os que están máis cerca de Palas (Antas, Monterroso, Arzúa...), pero hai moitos. O traballo da plataforma neste senso é recoller o que sae destes grupos e consultar a veciñanza a través deles. O propio lema da manifestación tamén saíu destes grupos. Estamos agora ocupados en cuestións como decidir a orde de saída da manifestación ou en onde van aparcar coches e autobuses, ademais de realizar varios obradoiros de pancartas.
"Cando a xente coñece o que está escrito no proxecto, o rexeitamento é unánime"
Aínda que no resto de Galicia comezou a falarse do proxecto de Altri sobre todo dende o pasado mes de marzo, na Plataforma levades moito máis tempo traballando. Sodes conscientes de que esta vai ser unha loita longa. A presentación das alegacións, primeiro, e agora esta manifestación pechan unha primeira etapa?
Temos menos de dous anos de vida, pero foron moi intensos. A plataforma xurdiu a partir do segundo plantón de Altri e da Xunta, pois en decembro de 2022 convidámolos a que viñesen explicar o proxecto e non se presentaron, e un pouco despois volvemos convidalos e de non non apareceron e aí foi cando puxemos en marcha a plataforma.
Non tiñamos coñecemento de nada. Para que te fagas unha idea estas foron as primeiras alegacións que presentei na miña vida e tivemos primeiro que aprender a facer alegacións e despois houbo que ensinar a todo o mundo, para finalmente chegar a esta espectacular cifra de máis de 20 mil alegacións. Esa parte dámola por concluída de maneira satisfactoria.
"Queremos ir pechando etapas e ir cumprindo obxectivos. O primeiro era dar a coñecer o proxecto e penso que iso conseguímolo. O segundo non se puido cumprir, que era que cando eles viñeron a dar explicacións sobre o proxecto, o que queríamos era que dixeran de viva voz o que está escrito no proxecto e iso non o conseguimos"
Como valorades o traballo feito ata agora?
Sempre nos fomos concentrando no que tiñamos diante: hai que presentar alegacións? Queremos facelo ben. Hai que convocar unha manifestación? Queremos que veña canta máis xente mellor e que saia todo ben. Queremos ir pechando etapas e ir cumprindo obxectivos. O primeiro era dar a coñecer o proxecto e penso que iso conseguímolo. O segundo non se puido cumprir, que era que cando eles viñeron a dar explicacións sobre o proxecto, o que queríamos era que dixeran de viva voz o que está escrito no proxecto e iso non o conseguimos. Cando a xente coñece o que está escrito no proxecto, o rexeitamento é unánime.
Cales son os próximos pasos?
Agora queda seguir dando a coñecer o proxecto nos concellos aos que aínda non chegamos. E, por outra banda, está o tema político, porque este é un tema político e aí ten que resolverse. Así fomos a Bruxelas a alertar ás autoridades europeas sobre o que é en realidade este proxecto para o que a empresa está pedindo financiamento europeo e para comunicar o descontento que hai na zona.
E, así mesmo, temos pensado ir o 21 de maio ao Congreso para reunirnos con todos os grupos políticos -agás VOX, por razóns obvias- para explicarlles o que está pasando. Ao igual que fomos ao Parlamento europeo convidados polo BNG, ao Congreso iremos convidados por Sumar, que ademais forma parte do Goberno.
"Iremos o 21 de maio ao Congreso para reunirnos con todos os grupos políticos -agás VOX, por razóns obvias- para explicarlles o que está pasando. Ao igual que fomos ao Parlamento europeo convidados polo BNG, ao Congreso iremos convidados por Sumar, que ademais forma parte do Goberno"
Esas citas no Congreso, pola importancia que neste proceso ten o Ministerio de Industria e en Bruxelas, sobre todo, pola necesidade que ten a empresa -segundo ela mesma recoñeceu- de contar con fondos europeos para levar adiante o proxecto, semellan unha das claves, non si?
Si, pero aínda que é certo que a empresa di que sen fondos europeos non podería levar a cabo a a instalación da factoría, a verdade é que niso non confiamos moito, porque en xeral non podemos confiar na palabra dunha empresa que se nega a dicir publicamente o que está escrito no seu proxecto. Así que se non conseguen o financiamento de Europa, supoñemos que estarán traballando nalgún outro tipo de financiamento privado.
Credes que teñen posibilidades de conseguir estes fondos europeos?
Europa non lle vai dar financiamento a este proxecto, porque incumpre todos os principios medioambientais da política europea e as súas propias directivas. Xa só pola parte da auga, é imposible que cumpran. Hai que estar vixilantes en todo caso, e ademais agora vai haber eleccións, así que haberá que ver como queda a composición do Parlamento e as institucións comunitarias.
Outra cousa, que tamén pode ser, é que a chave estea no Ministerio de Industria. E de igual xeito vai ser moi importante como se pidan eses fondos europeos para o proxecto e que tipo de fondos se pidan
"Temos unha calidade de vida moi alta. A riqueza está distribuída no territorio. Aquí vivimos ben. O problema principal que temos non é a falta de emprego, senón a falta de vivenda. Os postos que traballo que hai non se cobren. Todo isto denota un descoñecemento total do territorio no que se queren implantar"
Como está a respirar a comarca neste momento? Hai un rexeitamento maioritario ao proxecto? Ou hai unha maioría silenciosa que si o apoia, como defende a empresa?
Estes son concellos pequeno, coñecémonos todos, e falamos con todo o mundo. Cada un fala cos seus familiares e cos seus veciños e pódoche asegurar que o rexeitamento é xeral, porque nos queren impoñer un tipo de industria que os veciños non queren. Nesta comarca, na que soe gañar o PP de maneira clara, hai un rexeitamento xeral a este proxecto, e en cambio non o hai ás políticas da Xunta ou ás medidas do Partido Popular. Van expropiar 800 fincas nunha zona maioritariamente agrogandeira e nin sequera veñen falar cos veciños. Isto nesta zona é incomprensible.
É certo que cando se comezou a falar do proxecto, este non xerou oposición. Eu mesma, cando escoitei o proxecto por primeira vez, pois non me soaba mal. Era unha fábrica de fibras téxtiles e ía traer milleiros de postos de traballo. Pero a idea inicial sobre o proxecto foi cambiando co paso do tempo de maneira moi radical. Vímolo tamén no caso dos alcaldes; ao principio os alcaldes de Agolada, de Santiso, de Melide ou a alcaldesa de Antas estaban a favor e agora están todos posicionados en contra. Iso pasa simplemente por ter información. A xente agora está moi informada e cando a xente sabe o que esta industria conleva posiciónase en conta.
"A Xunta concedeulles o apelido de proxecto industrial estratéxico para así saltar a normativa e o rexeitamento dos concellos. Se a ti te poñen unha alfombra vermella como non vas vir? Vai ser unha loita longa, diso somos plenamente conscientes"
Dá a impresión de que a empresa non coñecía moi ben como era a comarca na que busca instalar a súa factoría. Porque a Ulloa é unha comarca rural, pero non está empobrecida nin despoboada e semella que a planta pode impactar moi negativamente na súa economía.
Si, a xente aquí vive maioritariamente do sector agrogandeiro e dos sector turístico e aquí vai haber unha afección ao Camiño de Santiago que o propio proxecto considera grave. Temos tamén pequena e mediana industria e a realidade é que temos un paro tres puntos por debaixo da media de Galicia, e que Melide e Palas están recuperando poboación.
Temos unha calidade de vida moi alta. A riqueza está distribuída no territorio. Aquí vivimos ben. O problema principal que temos non é a falta de emprego, senón a falta de vivenda. Os postos que traballo que hai non se cobren. Todo isto denota un descoñecemento total do territorio no que se queren implantar
Sodes optimistas? Pensades que a empresa, ao ver a oposición que hai na comarca, se vai render?
A Xunta concedeulles o apelido de proxecto industrial estratéxico para así saltar a normativa e o rexeitamento dos concellos. Se a ti te poñen unha alfombra vermella como non vas vir? Vai ser unha loita longa, diso somos plenamente conscientes.
"Hai que sentar un precedente, hai que dicir que o pobo galego non quere este tipo de industrias, nin aquí nin en ningún sitio"
Ademais da cidadanía da comarca e dos concellos próximos, pensades que o día 26 se vai achegar á manifestación moita xente do resto de Galicia?
Nós levamos traballando todo este tempo coa asociación en defensa da Ría de Arousa e con todos os concellos que beben do río Ulla. Este é un problema que afecta a unha área moi grande; nós estamos no Alto Ulla e aquí imos ter o problema dos gases contaminantes e do tráfico rodado, pero o problema non queda nesta comarca. O problema repártese con Santiso, Agolada, Melide e Arzúa e con todos os concellos polos que pasa o Ulla, con todo o potencial económico deste río, entre eles o que xera na Ría de Arousa
Están atacando o corazón de Galicia, estannos tratando como indíxenas e se deixamos que isto pase na comarca da Ulloa, mañá vai pasar noutro sitio Hai que sentar un precedente, hai que dicir que o pobo galego non quere este tipo de industrias, nin aquí nin en ningún sitio. Porque un proxecto que non ten en conta a xente que vive no territorio non é aceptable. Claro que esperamos que veña xente de toda Galicia, porque este é un problema galego.