A principios do pasado mes de febreiro, o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do PP para apoiar que a fábrica de fibras téxtiles que promove a portuguesa Altri -incluída dentro dos proxectos para captar fondos europeos Next Generation- se instalase "preferentemente" na Mariña. Só un día despois, a Xunta manifestaba, ao igual que a Cámara, a súa preferencia por que o proxecto acabase, no caso de que a solución técnica garantise a súa viabilidade, nalgún concello mariñao ou, de non ser posible, na provincia de Lugo. Menos de tres meses despois, a pasteira lusa vén de confirmar que erguerá a súa "biofábrica de produção de fibras naturais" no municipio lucense de Palas de Rei, na comarca da Ulloa.
A un cento de quilómetros da Mariña instalará Altri a súa planta para a fabricación de 200.000 toneladas anuais de lyocell, unha fibra téxtil sostible, a partir da transformación da madeira dos montes galegos, ademais da reciclaxe de téxtiles. Un proxecto que, segundo a compañía destacaba nos seus resultados de 2021, continúa "em rápido desenvolvimento, com os estudos de impacto ambiental, viabilidade económica e engenharia a serem iniciados com os nossos parceiros da Impulsa", en referencia á Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, firma público-privada impulsada pola Xunta (co 40% do capital) pero onde os investidores privados son maioría -Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%)- e que se encarga de impulsar proxectos tractores no país con cargo aos fondos europeos Next Generation.
A Mancomunidade da Mariña amosa a súa "profunda indignación" e acusa a Xunta de "desprezar" e "dar as costas" a unha comarca en "grave crise industrial"
A escolla da localización, segundo informa Altri, "obedeceu a estritos critérios técnicos, nomeadamente ambientais, hídricos, orográficos, proximidade da floresta e acesso a vias de comunicação". Unha decisión que causou "profunda indignación" na Mariña, tal e como advertiu xa o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Muncipios da Mariña, Fran Cajoto.
Desde a Mancomunidade consideran que "a Xunta despreza A Mariña coa localización de Altri". "Nin sequera se dignaron a escoitarnos. En tres ocasións solicitamos unha reunión con Francisco Conde, con Alberto Núñez Feijoo e coa xerente do consorcio Impulsa Galicia desde o 18 de novembro do ano 2021 e ninguén se quixo reunir cos representantes da Mariña”, di Cajoto, que cre que o Goberno galego debe "explicacións" á cidadanía mariñá.
"Que nos expliquen a todas e todos os mariñaos por que se instala unha fábrica para procesar celulosa de eucalipto nun concello lonxe dos eucaliptos. Que nos expliquen por que se lle dan as costas a unha comarca cunha grave crise industrial. Que expliquen aos mariñaos por que despois de todas as fotos que sacou Feijoo en Alcoa agora que pode non quere achegar solucións á grave crise industrial da comarca", di, tras preguntarse tamén "por que ignora e bota ao lixo o mandato do Parlamento de Galicia".
"Non imos permitir unha mentira máis; isto é unha decisióno politica", explicou Cajoto, que asegura que os 16 concellos da Mancomunidade pretenderon reunirse coa Xunta para "facilitar os trámites e buscar a mellor localización". O rexedor de Foz acusou o Goberno galego de "desprezo a toda unha comarca" e de "falsidades no proceso de implantación de Altri".
"É un proceso teledirixido desde Santiago. Ao PP non lle interesa A Mariña: nin autovía a Ferrol, nin área sanitaria, nin residencias de anciáns, nin nada", insistiu, tras lembrar que expertos advertiran de que a comarca era a mellor opción para a planta da pasteira lusa. "O Goberno galego é ocultismo e propaganda", rematou.
Desde Altri, pola súa banda, explican que o proxecto "pode ocupar uma área superior a 200 hectares" e que a empresa xa ten "garantido acesso aos terrenos necessários para a sua implementação". Ademais, prevé que a planta poida producir anualmente 200.000 toneladas de fibras téxtiles de base celulósica, "arrancando inicialmente com a produção de aproximadamente 60 mil toneladas de lyocell".
A intención é que a planta poida fornecer o clúster téxtil do noroeste peninsular, "contribuindo para o reforço da economia circular e descarbonização de um importante setor económico como é o do setor têxtil". Ademais, prevese un investimento de 750 millóns de euros e a creación duns 2.500 empregos directos e indirectos.
Segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a construción da planta iniciarse a finais deste ano para que "en dous anos ou dous anos e medio" poida empezar a producir fibras téxtiles. O xefe do Executivo galego, logo dunha reunión co CEO de Altri, José Soares de Pina, asegurou que o proxecto de Altri é "problabemente o máis importante" da candidatura galega á convocatoria dos fondos europeos Next Generation e asegurou que a elección de Palas de Rei como sede foi froito da "análise técnica exhaustivo por parte da empresa".