A Ulloa, onde Altri proxecta instalar a súa factoría de tratamento de celulosa, é unha comarca formada por tres concellos -Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla- que se sitúa no mesmo corazón de Galicia (de feito, o centro xeográfico do país localízase exactamente en Antas de Ulla), con algo menos de nove mil habitantes e cun produto interior bruto que en 2020 se situaba moi preto da media galega.
A Ulloa non é en absoluto unha comarca atrasada nin empobrecida, senón que conta cunha economía diversificada, unha taxa de paro preto do 5% da poboación activa e unha intensa e modernizada actividade no sector primario e turístico e interesantes e innovadoras iniciativas industriais
E é que A Ulloa non é en absoluto unha comarca atrasada nin empobrecida, senón que conta cunha economía diversificada, unha taxa de paro preto do 5% da poboación activa e unha intensa e modernizada actividade no sector primario, que dá traballo ao 22% dos seus habitantes, moi por riba da media galega (6,3%). De feito, conta con 526 explotacións gandeiras, con case 25 mil vacas.
Auga, pastos e outras materias primas son a base dunha vizosa industria agroalimentaria, con nomes como Alibós, en Monterroso, que procesa, comercializa e exporta castaña recollida no país. Tamén contan con sona en toda Galicia os ovos de Pazo de Vilane (Antas de Ulla), Granxa Maruxa ou as cremas de Muuhlloa, en Monterroso. Outro importante pé da economía desta comarca é a crecente actividade turística, na que o Camiño de Santiago é fundamental (por aquí pasan o Camiño Francés e o Primitivo), o mesmo que unha importante rede de casas de turismo rural distribuídas por todos os concellos.
"O proxecto hai dous anos plantexábase como un proceso innovador, para integrarse nunha comunidade e achegar valor. Agora descubrimos que se trata dun proxecto invasivo, que non ten en conta o territorio ao que chega, que o que pretende é converterse nunha celulosa", di Ana Corredoira
Aínda que moita xente o decoñeza fóra da Ulloa, a comarca conta tamén con varias iniciativas industriais cunha dimensión moi importante e un gran nivel de innovación. É o caso de Jim Sports, en Palas de Rei, que fabrica material e equipamento deportivo, ademais de infraestruturas deportivas; conta cun cento de traballadores e ten presenza en máis de 30 países. Ou de Bioflytech, tamén en Palas, unha empresa que está traballando na produción de larvas de mosca para convertelas en fariña e graxa para consumo animal.
Dende que se comezaron a coñecer os detalles concretos do proxecto de Greenfiber, a preocupación comezou a medrar na comarca, especialmente nas empresas e iniciativas dos seus dous sectores económicos máis destacados e con maior potencial de crecemento: o sector agrogandeiro e de transformación industrial dos produtos da terra e o turismo. En que medida pode afectar a instalación dunha grande factoría contaminante?
As responsables de Muuhlloa cualifican o proxecto de Altri de "despropósito" e amosan o seu temor a que pola culpa das instalación da celulosa iniciativas como a súa perdan a certificación de produción ecolóxica, para a que o contexto ambiental no que os produtos se elaboran é fundamental
Ana Corredoira, máis coñecida como Ana da Cernada, leva dúas décadas producindo leite ecolóxico na súa granxa familiar de Palas de Rei, que vai pola súa segunda xeración. É, ademais, voceira municipal do PSdeG-PSOE en Palas, unha posición que lle permite falar como política, como produtora e como veciña dun proxecto que pode afectar moi directamente á súa actividade. Ana destaca, en conversa con Praza, que "a oposición ao proxecto de Altri está por riba de posicionamentos políticos. O traballo que estamos facendo ten que ver co noso traballo e coa nosa vida aquí, como produtoras e veciñas". E subliña que "estamos todos e todas afectadas, todos os veciños e veciñas, os sectores produtivos, todas as persoas que vivimos e traballamos neste territorio. Este proxecto non é bo para as nosas vidas, para os nosos traballos, non aporta ese valor engadido que nos prometían hai dous anos".
"Nestas comarcas -Ulloa, Arzúa, Terra de Melide eo Deza- temos dous activos económicos fundamentais: o turismo e a produción agrogandeira, unha produción cunha singularidade e cunha potencialidade tremendas", di Ana Corredoira
Ana da Cernada explica que "foi a comezos deste mes de marzo cando coñecemos realmente cal era o alcance e a realidade deste proxecto, un proxecto que hai dous anos se plantexaba como un proceso innovador, para integrarse nunha comunidade e achegar valor. Agora descubrimos que se trata dun proxecto invasivo, que non ten en conta o territorio ao que chega, que o que pretende é converterse nunha celulosa". E engade que "nun comezo procurábase unha iniciativa de valorización da produción dun determinado ciclo produtivo, para pechar ciclo". Porén, "o que temos diante é unha macrocelulosa, non hai innovación dende o punto de vista da xestión de recursos, hai un uso insostible dos recursos, sobre todo da auga, e que ten efectos moi negativos sobre a vida socioeconómica da comarca e nomeadamente sobre o sector primario, do que eu formo parte".
"Se aquí hai proxectos agrogandeiros moi interesantes e innovadores é porque temos unhas condicións moi boas no territorio de conservación do medio e da paisaxe. Por iso considera un erro a instalación dunha "industria contaminante" como Altri e sinala que "é incrible que en pleno século XXI se queiran instalar proxectos deste tipo que buscar estragar a natureza"
En termos semellantes exprésanse as mulleres responsables de Muuhlloa, empresa de Monterroso dedicada á produción de cosmética cun gran peso da materia prima local (leite, plantas...) que xurdiu da unión de Granxa Maruxa e Milhulloa. Cualifican o proxecto de Altri de "despropósito" e amosan o seu temor a que pola culpa das instalación da celulosa iniciativas como a súa perdan a certificación de produción ecolóxica, para a que o contexto ambiental no que os produtos se elaboran é fundamental. "Levamos 20 anos producindo en ecolóxico. Se por culpa de Altri perdemos o selo, Granxa Maruxa tería que pechar, o mesmo que Milhulloa. Serían moitos postos de traballo perdidos. E como o noso caso, hai moitos na comarca", din. "A comarca da Ulloa é unha potencia na produción ecolóxica e todo isto está en risco", engaden.
"Vai máis aló de perder ou non a certificación ecolóxica, que ao final non deixa de ser unha etiqueta comercial que te axuda a posicionarte no mercado e a vender mellor o teu produto, o problema é que unha industria como Altri vai provocar un prexuízo ao medio que directamente vai afectar moi negativamente á nosa produción", apunta Iago, apicultor, responsable de Melífera, que elabora mel na comarca da Ulloa.
Alerta de que o proxecto de Altri "pode acabar con todo o que levamos anos construíndo". "Levamos moito tempo traballando para ter un modo de vida alternativo, con iniciativas cos que creamos emprego. Este proxecto prexudica a moitas persoas que estabamos traballando ben, facendo o correcto, cunha alternativa de vida sensata e responsable". Así mesmo, Iago advirte de que "por uns cantos empregos que din que van crear van acabar con moitos empregos máis" pois "todos eses empregos que van destruír non van ser compensados de ningunha maneira. Van acabar con moitos proxectos moi asentados no territorio para crear uns empregos que seguramente non serán nin a metade de rendibles".
"Levamos moito tempo traballando para ter un modo de vida alternativo, con iniciativas cos que creamos emprego. Este proxecto prexudica a moitas persoas que estabamos traballando ben, facendo o correcto", sinala Iago, de Melífera
Xosé Luis Carrera é o responsable de Arqueixal, que en Albá (Palas de Rei) elabora queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa e certificación ecolóxica e, ademais, xestiona catro casas de turismo rural. Comenta que "se aquí hai proxectos agrogandeiros moi interesantes e innovadores é porque temos unhas condicións moi boas no territorio de conservación do medio e da paisaxe. A comarca da Ulloa é un dos lugares onde antes comezou a agricultura ecolóxica e onde está máis implantada en Galicia". Por iso considera un erro a instalación dunha "industria contaminante" como Altri e sinala que "é incrible que en pleno século XXI se queiran instalar proxectos deste tipo que buscar estragar a natureza".
"Este proxecto non está tendo en conta a realidade social, económica e produtiva da comarca na que pretende implantarse. Estou farta de escoitar os argumentos de 'imos xerar emprego, imos conseguir que veña talento á comarca...'. Fálannos da captación e da retención de talento coma se non soubésemos o que é", critica Ana Corredoira, que sinala que "nestas comarcas -Ulloa, Arzúa, Terra de Melide eo Deza- temos dous activos económicos fundamentais: o turismo e a produción agrogandeira, unha produción cunha singularidade e cunha potencialidade tremendas".
Muuhlloa: "o noso slogan é que o rural é innovación é vangarda"
"Nestas catro comarcas atopamos preto do 20% das explotacións existentes en Galicia, máis de 90 mil cabezas de gando vacún, xerando milleiros de empregos directos e indirectos", engade e conclúe: "nós si practicamos unha economía circular. Hai un desenvolvemento moi importante da industria transformadora, unha denominación de orixe como Arzúa-Ulloa, hai un modelo de produción ligado ao territorio como a produción ecolóxica. Que vai pasar coa produción ecolóxica? En que momento se ten en conta esta realidade?".
"Non hai practicamente paro na comarca. Todas as empresas están a buscar traballadores", concorda Xosé Luís Carreira, de Arqueixal, que ademais apunta que nos últimos anos "veu vivir moita xente á comarca dende as cidades, os neorrurais". "No momento en que se instale unha empresa destas características ese fluxo vaise frear e mesmo van marchar os que chegaron aquí", engade
O mesmo opinan as responsables de Muuhlloa, que din "o noso slogan é que o rural é innovación é vangarda. Nós somos transformadoras dunha materia prima inmellorable, que levamos ao consumidor final. Pero de súpeto chegan aquí e botan unha nube negra enriba de nós". Ademais, destacan que "nesta comarca hai moito traballo, e o que atopas cando camiñas pola rúa é carteis de 'necesítanse empregados' en moitas empresas. O que pasa é que moitas veces a xente non atopa casas nas que vivir".
"Non hai practicamente paro na comarca. Todas as empresas están a buscar traballadores", concorda Xosé Luís Carreira, de Arqueixal, que ademais apunta que nos últimos anos "veu vivir moita xente á comarca dende as cidades, os neorrurais". "No momento en que se instale unha empresa destas características ese fluxo vaise frear e mesmo van marchar os que chegaron aquí na procura dun xeito de vida máis natural", di. "Moita xente que veu vivir nos últimos anos está pensando en volver", sinalan igualmente dende Muuhlloa.
"Iniciativas coma a nosa moitas veces temos grandes dificultades para construír un galpón para gardar as ovellas porque estamos en Rede Natura, e en cambio a eles danlles todas as facilidades", di Iago, de Melífera
Varias destas empresas e explotacións critican ademais o "trato de favor" que se outorga a unha grande factoría de enclave, mentres as pequenas iniciativas empresarias que dende hai anos florecen na comarca atopan en moitas ocasións grandes dificultades para a realización dos trámites burocráticos máis básicos ou o acceso a servizos imprescindibles para a súa actividade, dende a potencia eléctrica ás conexións de internet de alta velocidade. "Iniciativas coma a nosa moitas veces temos grandes dificultades para construír un galpón para gardar as ovellas porque estamos en Rede Natura, e en cambio a eles danlles todas as facilidades", di Iago, de Melífera. Algo no que concordan dende Muuhlloa: "todas as facilidades para Altri, pero para as empresas e cooperativas que levamos anos facendo cousas aquí e creando emprego, ningunha. É unha desigualdade incrible.
"As reunións coa xente de Altri foron moi ofensivas. Compararon a súa fábrica cunha lareira grande na que se queima madeira e dixeron que ía volver ao ría a auga máis limpa do que está. Tratáronnos coma se os habitantes da comarca non soubésemos nin ler", din as responsables de Muuhlloa
Como está a recibir a veciñanza a información sobre o proxecto que se vén difundindo dende a empresa, que chegou a organizar uns encontros en varias localidades? Para Ana Corredoira, "a falta de información do comezo se converte, unha vez publicados os proxectos, nunha mobilización cidadá por mor dos prexuízos que vai causar no noso territorio en materia de saúde, de impacto económico, de impacto ambiental...". "Que fal a empresa? Pois decide organizar unha serie de xornadas no territorio para aclarar dúbidas", continúa. "E resulta que son simplemente unhas charlas divulgativas que lonxe de responder ás cuestións que ten a cidadanía o que fai é poñer de manifesto que a empresa quere trasladar á opinión pública algo que non é certo: que non é unha celulosa, que non vai ter impacto ambiental, que vai ter un impacto moi positivo na economía... O proxecto está publicado e os veciños estámolo lendo e estámonos informando. Cando viron que a cousa se poñía fea, marcharon", di. "Tiveron moitos erros de forma. Non sei que esperaban atopar aquí", engade.
"As reunións coa xente de Altri foron moi ofensivas. Compararon a súa fábrica cunha lareira grande na que se queima madeira e dixeron que ía volver ao ría a auga máis limpa do que está. Tratáronnos coma se os habitantes da comarca non soubésemos nin ler", denuncian as responsables de Muuhlloa, que definen estes encontros como "unha mestura de Bienvenido Mister Marshall e Amanece que no es poco" e conclúen que “non foron capaces nin de explicar o seu propio proxecto”. Así mesmo, critican que nesa xuntanza "prometeron que van poñer 'un cinto verde' en catro quilómetros ao redor da fábrica. Pero aquí non necesitamos un cinto verde, se xa temos unha faixa verdísima. O que queremos é que non a corten".
"Hai un mes había moita xente que tiña unha opinión favorable, pero a medida que se van coñecendo detalles do proxecto, a súa visión foi mudando", sinala Xosé Luís Carreira
Todas as voces entrevistadas subliñan que no último mes, unha vez que os detalles do proxecto foron coñecidos, "cambiou moito a opinión da xente". "Hai un mes había moita xente que tiña unha opinión favorable, pero a medida que se van coñecendo detalles do proxecto, a súa visión foi mudando", sinala Xosé Luís Carreira, de Arqueixal. "Esta é unha zona na que aínda que o voto conservador é maioritario, semella existir un consenso absoluto na oposición ao proxecto", di Iago, de Melífera, que cre que "ao final, penses como penses, as consecuencias deste proxecto son tan prexudiciais: respirar este aire contaminado, e este cheiro, ver as augas contaminadas..., que non é posible estar a favor".
As mulleres de Muuhlloa contan que hai uns días foron á feira de Monterroso, onde aproveitaron para recoller sinaturas para presentar alegacións ao proxecto. "Non sabiamos o que nos íamos atopar, pero todo o mundo asinou, preguntándonose 'cando se fai unha manifestación'?".
"O discurso do progreso coñecémolo moi ben. Somos nós os que estamos xerando valor nesta comarca", di Ana Corredoira
"A percepción que ten a xente cambiou moitísimo. E iso é polo éxito da mobilización veciñal. Estamos polo bo camiño", destaca Ana Corredoira, que di que "o esforzo de informar, de levar a información a todas as vilas e aldeas está dando froitos. O importante é que a xente coñeza o proxecto tal e como é. A xente non pode quedar simplemente no titular e no que lle conten, así poderán formarse un criterio propio".
"O discurso do progreso coñecémolo moi ben. Somos nós os que estamos xerando valor nesta comarca", pecha a conversa Ana da Cernada, que advirte de que o proxecto de Altri "vai destruír moitos postos de traballo". "Compénsanos arriscalo todo por unha mísera promesa de 200, 500 ou mil empregos?", pregúntase. "Vai levar por diante moitísimo máis, porque van facer todo o contrario do que prometen. Estamos propiciando que un proxecto invada o noso territorio para aproveitar os nosos recursos e cando xa non lle compense, marcharán a outro lugar e deixarán un territorio destruído e empobrecido", remata.