A Unión Europea establece que no ano 2030 a superficie agraria útil que realice produción ecolóxica debería acadar o 25% do total. En Galicia, a pesar do incremento que se vén producindo nos últimos anos, a porcentaxe está aínda moi lonxe (5,15%, segundo os datos de CRAEGA). Na procura deste obxectivo, existen axudas económicas para facilitar esta transición de superficie graria convencional a ecolóxica. Porén no mes de decembro coñeceuse que a Xunta de Galicia reservara nos seus orzamentos unha cantidade insuficiente para dar resposta a todas as solicitudes de explotacións agrogandeiras que querían apostar polo modelo ecolóxico. Así, con arredor de 12.000 novas hectáreas para a incorporación en ecolóxico, o Goberno galego só reservou 3,18 millóns cando precisaba 5,6 millóns.
O Goberno galego só reservou nos seus orzamentos 3,18 millóns de euros cando precisaba 5,6 millóns para dar resposta a todas as solicitudes para producir en ecolóxico
En concreto, das preto de 600 solicitudes realizadas o pasado ano só foron aprobadas 260 e máis de 300 ficaron denegadas. Das 150 granxas que solicitaron a súa conversión só lle foi concedida a axuda pública a 26, denegándolla a 124. Ademais, solicitaron a axuda de mantemento 281 granxas pero só foron concedidas 172, así que 109 granxas quedan fóra. Na agricultura ecolóxica, só 5 das das 35 explotacións que solicitaron a axuda de conversión accederon á mesma, a 30 foilles denegada. Tamén quedaron sen axuda a maioría das que solicitaron a de mantemento de agricultura ecolóxica: solicitárona 93 e so lla concederon a 36, ficando excluídas 57.
Das preto de 600 solicitudes realizadas o pasado ano só foron aprobadas 260 e máis de 300 ficaron denegadas
A insuficiencia da previsión orzamentaria da Consellaría de Medio Rural non só pon en cuestión a aposta polo modelo ecolóxico, que constitúe un compromiso de todos os Estados membros da UE, senón que achega novos atrancos ao mantemento de moitas explotacións agrogandeiras do rural galego. Novos paus nas rodas nun contexto xa de por si difícil, marcado pola crise de prezos, e que ademais sementa dúbidas e incertezas para os vindeiros anos, xusto no momento en que vai dar comezo un novo ciclo da PAC europea (2023-27).
A situación foi criticada dende un comezo por organizacións coma o Sindicato Labrego Galego, que mesmo organizou unha concentración ante o Parlamento galego, e por forzas políticas coma o BNG, que levou a cabo un acto informativo en Lugo. Así mesmo, BNG e PSdeG formularon senllas preguntas parlamentarias ao respecto; porén, na súa resposta os responsables na Consellaría de Medio Rural non achegaron solucións á problemática creada.
Produtoras e produtores ecolóxicos galegos constituíron unha plataforma
Ademais, produtoras e produtores ecolóxicos galegos constituíron unha plataforma e lanzaron un manifesto no que reclaman que a Xunta "emende de inmediato a falta de previsión, ampliando o orzamento para a agricultura ecolóxica para que ningún produtor quede sen a correspondente axuda tanto do ano 2022 como para o 2023-2027".
No texto estes preto de 200 produtores e produtoras alertan de que por mor do erro cometido pola Xunta, "a produción de alimentos ecolóxicos en Galicia está nunha grave situación económica", cunha "gran desvantaxe respecto ao resto de España e Europa" e co risco de "provocar a ruína de moitas familias cuxo medio de vida é a produción ecolóxica".
A plataforma alertan de que o erro cometido pola Xunta pode "provocar a ruína de moitas familias cuxo medio de vida é a produción ecolóxica"
Con esta plataforma "as produtoras e produtores ecolóxicos autoorganizámonos" buscando "denunciar a situación que estamos a sufrir pero tamén na procura de solucións e, igualmente, de deseñar un escenario de traballo en relación á incerteza que nos xera este problema xa non só de forma inmediata, senón nos vindeiros anos, no novo ciclo da PAC (2023-27) que estamos a piques de estrear". "No vindeiro ciclo da PAC, ante o incremento da superficie en ecolóxico, o número de solicitudes denegadas pode ser aínda maior", explica para Praza.gal Ana Corredoira, Ana da Cernada, unha gandeira da comarca da Ulloa que leva dúas décadas producindo deste xeito leite de vaca, nunha granxa familiar que vai xa pola súa segunda xeración. Forma parte da plataforma e, ademais, é unha das prexudicadas pola falta de previsión orzamentaria da Xunta, pois ficou sen a axuda solicitada.
"Os produtores e produtoras asumimos moitos compromisos e unha condicionalidade no momento en que iniciamos este camiño. E entendemos que ese compromiso ten que ser mutuo, que isto é coma un contrato bilateral", di Ana da Cernada
A gandeira denuncia que "esta mala previsión orzamentaria solvéntase dun xeito que nós entendemos que é erróneo, con criterios de priorización", o que deixa fóra das axudas a produtores e produtoras que cumpren con todos os requisitos esixidos. "Os produtores e produtoras asumimos moitos compromisos e unha condicionalidade no momento en que iniciamos este camiño. Hai convicción, hai vontade de traballar dun xeito distinto e a asunción que cumprimos unha función que vai moito máis aló da mera produción de alimentos. E entendemos que ese compromiso ten que ser mutuo, que isto é coma un contrato bilateral, por dicilo dalgunha maneira", destaca.
"Por iso resulta tan inxusta esta situación, que se produce a ano vencido e cada un co seu plan de negocio establecido e coas súas contas botadas", engade. E ademais no contexto actual, "no que as explotacións agrogandeiras xa están a sufrir unha estrutura de custos de produción que xa desencaixou moitísimos proxectos, xerando moitas dificultades para saír adiante". "Esta situación é un agravante máis dunha situación da de por si difícil e supón un grave risco para a viabilidade de moitísimos proxectos", resume.
A problemática creada coa falta de previsión orzamentaria da Xunta pon en cuestión o o obxectivo de producir alimentos pero cumprindo tamén unha función fundamental dende o punto de vista ambiental, "o que debe ser unha cuestión estratéxica, se temos en conta o contexto climático que estamos a vivir", di
Ana da Cernada lembra que a produción ecolóxica "é un piar básico en todas as políticas de desenvolvemento rural a nivel da Unión Europea e constitúe un compromiso firme de todos os Estados membros que se materializa nese Pacto Verde que trata de acadar o obxectivo de chegar ao 25% de superficie en ecolóxico no ano 2030". "Isto debería levar a políticas activas de apoio e de incentivo a estes modelos produtivos", salienta. Porén, "non hai unha correcta aliñación entre os compromisos firmes que establece a UE e as políticas que se poden facer en Galicia e ese é un problema de base moi serio", critica.
A problemática creada coa falta de previsión orzamentaria da Xunta pon en cuestión o o obxectivo de producir alimentos pero cumprindo tamén unha función fundamental dende o punto de vista ambiental, "o que debe ser unha cuestión estratéxica, se temos en conta o contexto climático que estamos a vivir", salienta Ana da Cernada que destaca os avances que se están a producir nos últimos anos. "A mensaxe da produción ecolóxica está chegando á sociedade dunha maneira moi positiva, por esa banda estamos recollendo o apoio e o compromiso da sociedade, que cada vez aposta máis por produtos de proximidade, locais e con certificacións ecolóxicas coma a nosa, promovendo que se produzan alimentos dunha determinada maneira", di.
"Non é a mensaxe máis axeitada que como sociedade podemos lanzar de cara á incorporación de mozos e mozas ao traballo no sector agrogandeiro", afirma
Ademais, "entran outros temas que deberían ser prioritarios: a cuestión demográfica e o desenvolvemento das nosas zonas rurais", engade. Neste senso, sinala que "esta non é dende logo a fórmula máis correcta nin en materia de desenvolvemento rural nin á hora de promover aqueles modelos produtivos ligados ao territorio que son máis positivos para o medio e para contrarrestar as problemáticas que nestes momento máis están a afectar ás áreas rurais". "Ademais, non é a mensaxe máis axeitada que como sociedade podemos lanzar de cara á incorporación de mozos e mozas ao traballo no sector agrogandeiro", afirma.
Este luns está convocada unha xuntanza do Consello Agrario Galego, no que as organizacións do agro galego debaterán a problemática creada e as posibles solucións. A plataforma está á espera das conclusións que se obteñan nesa reunión para deseñar un plan de acción para o futuro.
SLG e BNG reclaman solucións inmediatas
O SLG denuncia que "esta intolerábel carencia de previsión e de respecto por parte da Consellería de Medio Rural cara o sector de ecolóxico porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos"
O Sindicato Labrego Galego denuncia que "esta intolerábel carencia de previsión e de respecto por parte da Consellería de Medio Rural cara o sector de ecolóxico porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos" e esixe "a subsanación inmediata da neglixente xestión a destes orzamentos, garantindo fondos para tódalas granxas solicitantes".
Isabel Vilalba sinala que "a mala praxe por parte da Consellaría do Medio Rural está a impedir o desenvolvemento duns sectores considerados cruciais polas institucións a nivel europeo e estatal para garantir unha alimentación san e de calidade, un medio rural poboado e vivo, así como o cada vez máis urxente coidado do noso medioambiente".
"Hai que destinar 2 millóns de euros con fondos propios da Xunta para non deixar no precipicio ás persoas produtoras", di o BNG
Mentres, por parte do BNG a eurodeputada Ana Miranda criticou hai unhas semanas a "falta de planificación" amosada polo Goberno galego, que revelaría un "descoñecemento" da situación "que vive o noso agro”. Miranda reclamou que a Xunta "ten que ser flexible e non deixar a ninguén atrás, a ningunha das persoas que cumpre o que se pide desde Europa para desenvolver a transición ecolóxica”.
De igual xeito, o deputado do BNG no Parlamento galego Xosé Luís Rivas “Mini” destacou a "urxencia" de completar con fondos propios as axudas á produción ecolóxica. “Desde o BNG témolo claro, hai que destinar 2 millóns de euros con fondos propios da Xunta para non deixar no precipicio ás persoas produtoras, as que xa tiveron que pagar diferentes gastos para iniciarse a este modelo e puxeron os seus recursos en risco”, sinala.