Este xoves anunciouse que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) é o novo gañador do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago e o Grupo Aresa, e que chega á súa edición número 19. Descatouse o labor de Craega para “facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural" e para "lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario”.
O valor das producións ecolóxicas galegas crece ano a ano, situando este sector nunha posición cada vez máis importante. No 2016 o aumento da facturación e do número de operadoras foi do 25% e no 2017 o crecemento foi do 42%, unha porcentaxe de aumento que practicamente se repetirá neste 2018. Leite, carne e conservas de peixe son os produtos que concentran as maiores vendas, aínda que tamén é importante a produción de pensos e alimentación animal, ovos, viños e licores, acuicultura, recollas silvestres e produtos apícolas.
"O leite segue sendo o principal piar da agrogandaría ecolóxica e o que máis crece, o que fai que a provincia de Lugo sexa o territorio que suma máis facturación"
Falamos con Francisco López Valladares, presidente de Craega, que posúe unha explotación de leite ecolóxico na Pastoriza. Foi no ano 2000 cando a súa granxa decidiu dar o paso ao ecolóxico, "para producir menos pero a mellor prezo". En 2009 comezou a producir queixo e, máis recentemente, deu o paso aos produtos de horta.
O sector ecolóxico galego suma anos de crecemento, sobre todo dende o 2015. A valoración é positiva?
Si, levamos anos de crecemento, sobre todo no 2017, cando o incremento da facturación foi do 42%. Para o 2018 aínda non hai datos completos, pero no primeiro semestre o aumento foi do 38% e esperamos que se manteña a tendencia no segundo semestre, chegando aos 80 millóns de euros.
O sector é moi diverso e nas memorias de Craega todos os ámbitos están a medrar. Destacarías algún pola súa importancia?
O leite segue sendo o principal piar da agrogandaría ecolóxica e o que máis crece, o que fai ademais que a provincia de Lugo sexa o territorio que suma máis superficie dedicada á produción ecolóxica, máis operadores e máis facturación. Lugo, con 16 mil hectáreas inscritas suma case a metade do territorio homologado en Galicia.
"Vemos empresas que están duplicando a súa facturación, grazas a que se fixeron un oco nos mercados e á promoción que Craega fai en toda Europa"
O crecemento débese á incorporación de novos produtores ou a un aumento da demanda deste tipo de produtos por parte da poboación?
Un pouco ás dúas cousas. Hai máis operadores, pero o que máis inflúe é o incremento das exportacións. Vemos empresas que están duplicando a súa facturación, grazas a que se fixeron un oco nos mercados e á promoción que Craega fai en toda Europa, asistindo a feiras como a de Nüremberg, en Alemaña.
O consumo non aumenta tanto en Galicia?
Aumenta algo, pero unha parte importante séguese dedicando á exportación. Aquí ás veces dáse unha certa confusión entre os produtos ecolóxicos e calquera produto que vén da aldea, que xa por iso se considera ecolóxico, cando non ten por que ser.
Danse esas confusións?
Si, hai moitos produtos que se venden como artesáns, pero que non teñen por que ser ecolóxicos, se incorporan químicos engadidos que non están aceptados polas normas ecolóxicas. E despois hai empresas que se decatan de que neste momento a etiqueta de 'ecolóxico' ou 'natural' axuda a vender e lanzan marcas como “leite de pastoreo” que queren imitar a marca dos produtos ecolóxicos. Pero para ter esa marca hai que cumprir cun regulamento europeo moi ríxido, que non cumpren.
"Temos que ser capaces de chegar ás novas xeracións e convencelos de que non é necesario marchar de camareiros a Londres, de que no rural se pode vivir e hai moito futuro na produción ecolóxica"
Que obrigas ten, por exemplo, o leite ecolóxico?
Temos que cumprir unha serie de condicións de benestar animal, hai unha limitación dos organismos xeneticamente modificados, temos que empregar pensos ecolóxicos, as vacas teñen que ter acceso a pasto continuamente, teñen que ter unha superficie mínima...
O que si parece que mellorou nos últimos anos foi a distribución dos produtos ecolóxicos, non si? Antes non era doado atopalos nalgúns lugares e agora están mesmo nas grandes cadeas...
Si, a medida que os consumidores demandan estes produtos, vemos que as grandes cadeas están aumentando as liñas de venda. Tamén está reducíndose a diferenza de prezo entre os produtos ecolóxicos e os convencionais, pero segue habendo diferenza e isto é porque teñen menos rotación nos andeis, polo que os supermercados lles aplican marxes de beneficio maiores. En Alemaña, onde o seu consumo está moito máis estendido, a diferenza de prezo é do 10% e aquí en cambio poden chegar ao 40% ou ao 50%.
"O ecolóxico dálle un valor engadido, que fai que mesmo se a produción é pequena poidas estar no mercado e ter unha rendibilidade boa para saír adiante"
No momento en que se anunciou o Premio Aresa, destacouse que Craega e a produción ecolóxica eran un motor de desenvolvemento rural. Estás de acordo?
Si, isto é moi importante. Por iso sempre destacamos que a administración ten que apoiar estas iniciativas, pois estamos vendo o despoboamento das zonas rurais. E non é só que marche a xente, senón que atrás vén o lume e arrasa con todo. Temos que ser capaces de chegar ás novas xeracións e convencelos de que non é necesario marchar de camareiros a Londres, de que aquí no rural si se pode vivir e que hai moito futuro na produción ecolóxica. O ecolóxico dálle un valor engadido, que fai que mesmo se a produción é pequena poidas estar no mercado e ter unha rendibilidade boa para saír adiante. A administración ten que apoiar isto.
Que retos de futuro ten Craega?
Os restos son os de sempre: seguir crecendo e adaptarnos a que veña. No 2021 vennos un regulamento novo de Europa con cambios que teremos que facer. E seguir.