Os sectores de produción ecolóxica en Galicia, que abrangue dende a agricultura á gandaría, pasando pola acuicultura ou apicultura, non deixan de crecer. Fronte á presenza e cifras case simbólicas que presentaban hai apenas unha década, móvense hoxe en números importantes e crecentes, a pesar da crise económica dos últimos anos. De feito, o volume de negocio dos operadores e operadoras rexistrados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) duplicouse entre o 2009 e 2015, e creceu un 50% nos tres últimos anos, ingresando xa máis de 33 millóns de euros anuais.
Un total de 797 produtores/as e elaboradores/as figuran nos rexistros do sector, que crea un número de empregos moi superior. Tamén nesta magnitude o crecemento dos últimos anos é evidente, dende os 547 operadores/as totais que había en 2009. A mellora percíbese igualmente na superficie inscrita como espazo de produción ecolóxica, que pasou 14.239 hectáreas de 2009 ás 20.306 actuais, cun ascenso de cinco mil hectáreas no último ano.
Por provincias, Lugo leva a dianteira, sumando a maior parte da superficie de produción ecolóxica (9.652 hectáreas) e tamén o maior número de produtores e produtoras (322, máis do 40% do total galego). Pontevedra conta con 200 empresas, A Coruña con 153 e Ourense con 122.
En cando ás producións máis importantes en Galicia, destaca sobre todo o leite e derivados, con 10 millóns de euros en 2015, case un terzo do total. Tamén as carnes e derivados e as conservas de peixe (catro millóns de euros de ingresos cada unha). Cómpre salientar, igualmente, o crecemento experimentado no último ano polos produtos apícolas (que incrementaron os seus ingresos nun 44%), conservas vexetais (+135%), viños e sidras (+52%), hortalizas (+66%), aceites (+95%) e froitas (+98%), que compensaros os desensos en piesos e ovos.
As cifras galegas, con todo, seguen lonxe das doutras autonomías, como Andalucía, con ao redor de 10 mil produtores/as en 2014, Castela-A Mancha (máis de 6 mil) e Estremadura e Cataluña (tres mil en cada caso).