22,71 millóns de euros de facturación (cun incremento do 3,8% en 2012), 15.242 hectáreas cultivadas, 607 empresas. Son algunhas das cifras que describen un sector, o da agricultura ecolóxica galega, en crecemento a pesar da crise, e cun brillante futuro por diante, no que debe tanto a produción coma sobre todo o consumo destes produtos no noso país debe ir achegándose, con maior ou menor velocidade, aos estándares do resto de Europa.
A pesar do crecemento constante experimentado nos últimos anos, o consumo de produtos ecolóxicos en España aínda está lonxe das cifras da contorna. Os españois gastan unha media de 21 euros por persoa e ano (un 10% máis que o ano anterior), fronte aos 177 euros de Suiza, os 162 de Dinamarca, os 134 de Luxemburgo ou os 127 de Austria. É por iso que unha parte non pequena (arredor do 50%) da produción galega e española é exportada. O potencial de crecemento é enorme, polo tanto, e un informe de Everis publicado este ano augura un incremento do consumo até o 2020 dun 12% cada ano.
Segundo a memoria de actividade do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), destaca sobre todo a produción das empresas radicadas en Lugo, con 9,34 millóns de euros de facturación o pasado ano, seguida das de Pontevedra, con 6,87 millóns, A Coruña (3,85 millóns) e Ourense (2,64 millóns). En total, hai 607 operadores inscritos para a súa certificación polo Craega, dos que 491 son produtores e 116, elaboradores e comercializadores.
José Antonio Fernández, presidente do Craega, amosa un moderado optimismo: "a pesar da crise e de que neste momento estamos sen axudas, que consigamos manternos e mesmo crecer algo, é importante", e coincide coas previsións de crecemento nos vindeiros anos. De feito, sinala que será o incremento do consumo interno, galego e español, destes produtos, o que levará a un cambio no sector: "no momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados".
"No momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados"
Os produtos ecolóxicos teñen fama de caros, e esa é a realidade nunha análise global. "A produción ecolóxica ten que ser máis cara", comenta o presidente de Craega, "pois as certificacións que facemos teñen un custe, hai que pagar as análises e as persoas que as realizan". Porén, tamén apunta que isto non sería así no caso de haber axudas públicas para estas auditorías de calidade, moi recortadas nos últimos anos: "moitos cartos estarían mellor destinados a que as certificacións fosen gratuítas, de xeito que non houbese que trasladarlle ao consumidor o custe desa certificación".
Fernández tamén salienta que na actualidade a maior parte dos produtores "venden case directamente toda a súa produción". E engade: "se poden manter esa clientela, se conseguiron concienciar uns consumidores de que é importante comer ben, aínda que sexa algo máis caro, por que van baixar os prezos?". Porén, non sempre os produtos ecolóxicos teñen que ser máis caros, pois en moitos casos as súas curtas canles de comercialización que eliminan a figura dos intermediarios, abaratan moito os prezos, deixando os prezos ao mesmo nivel que os produtos non certificados. En xeral, estas explotacións apostan por alternativas ao sistema de distribución convencional. Estes modelos de venda de proximidade ofrece un maior coñecendo da orixe dos produtos e fomenta o desenvolvemento local.
Fernández tamén denuncia a acción dalgúns produtores que distribúen con etiquetas como produto artesanal ou produto natural, sen que detrás desa afirmación haxa un control de calidade. “Ti cando compras un produto ecolóxico, sabes o que estás comprando”, sinala. “Os produtos que se venden como artesanais ás veces non o son. Habería que regulalo"
“Ti cando compras un produto ecolóxico, sabes o que estás comprando”, sinala. “Os produtos que se venden como artesanais ás veces non o son. Habería que regulalo"
En calquera caso dende Craega, convídase ao optimismo: "o mercado estase movendo cada vez máis rápido. Cada vez hai máis xente nova que decide incorporarse á agricultura e que se inscribe en Craega, apostando por un sector que lle proporciona un mercado estable e seguro". Unha vez recibida e analizada unha proposta dun produto determinado, os técnicos de Craega realizan unha visita de comprobación e emiten un informe que servirá para certificar ou, no seu caso negativo, aconsellar aos titulares da explotación os pasos a seguir para cambiar e poder obter esa distinción.
Un sector en crecemento
Galicia é a primeira produtora de leite ecolóxico en toda España (cunha facturación de 9,3 millóns de euros) e atópase tamén nos primeiros postos de ovos e polos, coma o caso da cooperativa Avega, de Agolada. Tamén é importante o crecemento experimentado nos últimos anos pola acuicultura ecolóxica (cun cento de bateas de mexillón inscritas), e as conservas de peixe, cunha facturación superior aos 2,5 millóns de euros.
Tamén é importante o crecemento experimentado nos últimos anos pola acuicultura ecolóxica (cun cento de bateas de mexillón inscritas), e as conservas de peixe
Algúns exemplos salientables son a Casa Grande de Xanceda, en Mesía, con case 200 vacas de ordeño que pastan na granxa familiar, producindo máis du millón de litros de leite ecolóxica ao ano. Ou Granxa Maruxa, de Monterroso, que coas súas maruxas (galletas) de nata foi recoñecida con varios galardóns, que destacaron a maneira en que a explotación mellorou a forma de vida das mulleres rurais.
Tamén importan as redes de comercialización, coma as desenvolvidas en Rairiz de Veiga por Agricultores Daiquí, un grupo de labregos que decidiu eliminar pesticidas e fertilizantes artificiais das súas producións de patacas, tomates ou mel, poñendo ademais o énfase nas canles curtas de comercialización e no empoderamento dos produtores, para beneficio propio e tamén dos consumidores.
A Casa Grande de Xanceda
Dende A Casa Grande de Xanceda, en Mesía, salienta que "cada vez hai máis conciencia social. As persoas empézanse a preocupan pola orixe do produto; non só pola procedencia xeográfica, senón tamén polo que hai detrás dese produto (vacas en base a pastoreo, galiñas non engaioladas...)". E engaden que "as persoas comezan a mirar as etiquetas e a rexeitar alimentos con aditivos innecesarios e buscan produtos sen porcarias". Recoñecen que a meirande parte dos produtos ecolóxicos que se producen en Galicia expórtanse, polo aínda baixo nivel de consumo interno, aínda que no seu caso, por tratarse dun produto fresco (leite, iogures...), "apostamos polo mercado local e a verdade é que estamos encantados coa acollida que se nos está dando tanto en Galicia como no resto de España. Distribuímos a través de Ecotiendas e tendas especializadas, así como en cadeas como Gadis, O Corte Inglés, Carrefour ou Alcampo".
Destacan que os produtos ecolóxico "son máis caros de producir". E poñen o exemplo de que "unha vaca ecolóxica produce a metade de litros que unha vaca convencional"
En canto aos prezos, destacan que os produtos ecolóxico "son máis caros de producir". E poñen o exemplo de que "unha vaca ecolóxica produce a metade de litros que unha vaca convencional. Ou unha hectárea de millo ecolóxica, sen tratamentos de pesticidas produce un 40% menos que unha hectárea tratada con produtos químicos". Conclúe que "ao final compártese a produción coa propia natureza (insectos, outras pratas, animais etc). Grazas a isto foméntase a biodiversidade e non se contaminan terras nin ríos". Subliñan que "desde o punto de vista ambiental é preferible apostar polo local", sobre todo para "a pegada de carbono", co menor transporte posible. A este respecto sinalan que "no noso caso o leite que usamos é unicamente o que producen nosas propias vacas e que a través dunha tubaxe de 10 metros envíamos por gravidade directa á iogurtería".
Avega, na Agolada
“Cada día aumenta o consumo de produtos ecoloxicos, porque cada día estamos máis concienciados de que debemos ter unha alimentacion sa e preocuparse tamén polo benestar dos animais e polo medioambiente”
Tamén destaca o caso da cooperativa Avega, de Agolada, creada dn 2002 para producir e comercializar ovos ecolóxicos. Na actualidade ten 26.000 galiñas que se alimentan con pensos de cereais ecolóxicos. A súa responsable, Lorena Vence, destaca que “cada día aumenta o consumo de produtos ecoloxicos, porque cada día estamos máis concienciados de que debemos ter unha alimentacion sa e preocuparse tamén polo benestar dos animais e polo medioambiente”. Lembra que "a agricultura e gandería ecolóxica non só consiste en alimentar os animais con cereais e forraxe libre de transxénicos e pesticidas, tamén nos preocupamos porque os animais se atopen en boas condicións en liberdade, nunca estabulados nin metidos en gaiolas toda a sua vida, non forzamos a sua produción"
"Ti compras un quilo de carne ecolóxica e sabes que unha vez na tixola ou na pota non vai minguar case nada, en cambio o resto da carne ao poñela na tixola queda na metade"
Vence engade que "preocupámonos tamén de non explotar a terra, dándolle o seu descanso de produción e cultivando produtos adaptados ao clima, ao terreo e á súa época". E subliña: "como pode ser que atopemos todo o ano laranxas ou amorodos no supermercado?". Por último, sobre o prezo máis elevado que teñen estes produtos, afirma "os produtos ecolóxicos son un pouco mais caros, non tanto como se di, pero sin un pouco. Pero se o pensamos, ao final sacámoslle mais rendemento ao produto ecolóxico. Ti compras un quilo de carne ecolóxica e sabes que unha vez na tixola ou na pota non vai minguar case nada, en cambio o resto da carne ao poñela na tixola queda na metade".