Oleiros, concello máis rico, triplica a renda dos máis pobres: Cervantes e Vilardevós

Renda media dos concellos galegos no ano 2023 © Praza.gal

Oleiros, Bergondo e Nigrán encabezan a lista dos concellos galegos con máis renda por habitante, por diante da Coruña e Santiago e de Teo, As Pontes, Baiona e Sada 

Oleiros é, un ano máis, o concello galego con máis renda por habitante. A Axencia Tributaria publicou este mércores os datos correspondentes a 2023 da Estatística dos declarantes do IRPF por municipios, un indicador que permite observar a diferenza de renda entre concellos. No caso de Oleiros, a renda bruta anual media situouse hai dous anos nos 47.098 euros, un 8,4% máis que no exercicio anterior, un valor que o converte no 36º municipio con máis renda no Estado español. 

A moita distancia de Oleiros aparecen outros dous concellos das contornas das grandes urbes, Bergondo e Nigrán, e inmediatamente despois as cidades da Coruña e Santiago. Nos dez primeiros postos da lista vemos tamén a Teo, As Pontes, Baiona, Sada e, xusto despois, a Pontevedra e a Vigo, todos con rendas superiores aos trinta mil euros.

Cervantes e Vilardevós son os concellos con menos renda, o mesmo que outras localidades rurais e envellecidas, como Samos, Cualedro, Abadín, Riós, Trasmiras e Avión

Porén, non son moitos os concellos galegos que superan ese nivel dos 30.000 euros anuais, tan só 18. E tan só Oleiros aparece entre os cen municipios de máis renda no Estado. De feito, apenas oito concellos galegos están por riba da renda bruta media no conxunto do Estado, situada nos 31.333 euros. O elevadísimo nivel que acadan algunhas localidades madrileñas, como Pozuelo de Alarcón (cunha renda media de máis de 88 mil euros), e catalás (catro concellos barceloneses superan os 60 mil euros) explican a elevada media xeral.

As diferenzas no interior de Galicia son tamén grandes, sobre todo se se toma como referencia a renda media de Oleiros en relación cos concellos máis pobres. Estes hai que buscalos, sobre todo, nas zonas rurais. A estatística publicada pola Axencia Tributaria non amosa os datos das localidades de menos de mil habitantes que, en todo caso, en Galicia son unha minoría. Entre os concellos que superan esa cifra de empadroados, Cervantes (17.717 euros de renda bruta media) e Vilardevós (17.803 euros) pechan a lista, case a terceira parte do dato de Oleiros.

As cifras melloran en relación ás do ano 2022 en case todos os concellos. A renda media só descende en oito localidades e a maioría medra por riba da media do Estado

Tamén Samos, Cualedro, Abadín, Riós, Trasmiras e Avión presentan rendas medias por debaixo dos 19.000 euros, o mesmo que A Illa de Arousa.

Iso si, as cifras melloran en relación ás do ano 2022 en case todos os concellos. En tan só oito concellos a renda media diminuíu en relación ao exercicio anterior: Monterrei, San Cibrao das Viñas, A Peroxa, As Somozas, Carballeda de Valdeorras, Muros, Padrón e Caldas de Reis.

En canto ás cidades, todas presentan subas, encabezadas por Lugo (+6,1%) e Coruña e Pontevedra (+5,7%)

As maiores subas corresponden a Toques, O Páramo, Lourenzá e A Rúa, todos por riba do 15%. No conxunto do Estado a renda bruta media aumentou un 3,3% e 234 dos 279 galegos para os que hai datos individualizados superan esa porcentaxe de incremento.

En canto ás cidades, todas presentan subas, encabezadas por Lugo (+6,1%) e Coruña e Pontevedra (+5,7%), aínda que tamén Ourense (+4,8%), Santiago (+4,4%) e Ferrol e Vigo (+3,4%) teñen incrementos por riba da media do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.