O imposto sobre o patrimonio só atinxe ás rendas máis altas. Concretamente, a quen ten posúe un patrimonio superior a 700.000 euros -excluída a vivenda habitual ata 300.000- ou, en total, bens por máis de 2 millóns. Foi recuperado en 2011 polo Goberno do PSOE de Zapatero, que o suprimira tres anos antes.
Os datos do imposto de patrimonio correspondentes a 2022 reflicte que as rendas máis altas de Galicia terían que pagar máis de 92 millóns pero, grazas ao 25% de desconto aprobado polo Goberno de Feijóo, a cifra quedou en menos de 70
Nos últimos anos vén sendo obxecto de tirapuxa político pola carreira de descontos iniciadas polas autonomías onde goberna o PP -é un imposto integramente cedido polo Estado-. Tamén en Galicia, onde a Xunta aprobou unha bonificación do 25% para o ano 2022 aínda en tempos de Alberto Núñez Feijóo, desconto duplicado para 2023 ata o 50% xa con Alfonso Rueda á fronte.
A Axencia Estatal Tributaria (AEAT) fixo públicos esta semana os datos oficiais do impostos relativos a 2022, o primeiro ano con rebaixas da Xunta. Nese exercicio, o número de persoas ricas declarantes do imposto aumentou levemente, ata as 8.634 (75 máis) e o total da súa riqueza ascendeu ata 58.980 millóns de euros, case dous mil millóns máis que o ano previo. Nese contexto, a Xunta perdooulles 23 millóns de euros.
Sempre segundo o balance oficial da AEAT, a 8.027 das devanditas 8.634 persoas suxeitas ao imposto do patrimonio en Galicia a declaración saíulles a pagar. A suma de todas as cotas acadaría 92,53 millóns de euros, 13,4 máis que o ano anterior (un incremento de case o 15%) cunha cota media de 11.528 euros.
O 2022 foi tamén o ano da estrea do imposto sobre as grandes fortunas, que recadou 10 millóns en Galicia compensando parcialmente os descontos da Xunta
Pero neste punto entrou en xogo a bonificación do 25% aprobada pola Xunta e os case 93 millóns quedaron en algo menos de 70. Concretamente, en 69,4 millóns, o que supuxo unha mingua nos ingresos das arcas públicas de 9,7 millóns de euros a respecto de 2021 (-13,98%).
Así e todo, non todo foron boas noticias tributarias para os ricos galegos nese ano. Porque foi o exercicio da estrea do 25% de desconto da Xunta no imposto de patrimonio, pero tamén o da estrea do imposto temporal sobre as grandes fortunas aprobado polo Goberno de España.
Ese tributo estatal grava as riquezas superiores aos 3 millóns de euros suxeitas ao imposto de patrimonio, pero "non gravadas pola súa comunidade autónoma". E nese 2022 supuxo unha recadación en Galicia de case 10 millóns de euros. A estatística da AEAT reflicte que a suma do recadado polo imposto de patrimonio (69,40 millóns) e polo tributo das grandes fortunas en Galicia é de 79,2 millóns, dando lugar a unha diferenza de 9,8 millóns, cifra que xa avanzara o Ministerio de Facenda, que especificara ademais que atinxira a 91 persoas.
Este gravame estatal ás grandes fortunas foi recorrido pola Xunta ante o Tribunal Constitucional, que non lle deu a razón. Tras constatar que o tributo seguiría vixente, o Goberno galego puxo en marcha unha reforma legal de urxencia a través do grupo do PP no Parlamento para eliminar de maneira "temporal" parte dos descontos do imposto sobre o patrimonio e así evitar que o Estado recade polas grandes fortunas en Galicia.
700 'ultra ricos' con máis de 44.000 millóns
O imposto de patrimonio grava a poboación máis rica, pero os datos tamén reflicten que existen amplas diferenzas entre as persoas con máis riqueza. E só unha pequena minoría dentro desa minoría acumula tres cuartas partes dos máis de 58.000 millóns de euros que suman, en conxunto, os bens dos 8.634 declarantes do imposto en Galicia en 2022.
Os máis ricos entre os ricos son apenas 700 persoas que acumulan máis de 44.000 millóns en bens, tres cuartas partes do total suxeito ao imposto de patrimonio en Galicia
A Axencia Tributaria ofrece por primeira vez este cálculo clasificando os declarantes do imposto de patrimonio en decilas -ordenando todas as declaracións de menor a maior patrimonio e a poboación, en dez grupos iguais-. E, no caso galego, a concentración dos maiores patrimonios dentro dos ricos é aínda maior que na media estatal.
Son, en concreto, só 703 persoas as que conforman a decila superior, a dos maiores patrimonios, con algo máis de 44.000 millóns de euros e unha media de 62,9 millóns por declarante. Supón case o 75% do total da riqueza suxeita ao imposto de patrimonio no noso país. O seguinte grupo de poboación máis rica (a decila 9) suma algo máis de 3.700 millóns cun patrimonio medio de 4 millóns e medio.