Tras sucesivas rebaixas do IRPF e do imposto do patrimonio, o presidente di que a bonificación deste último pasará do 25% ao 50% tras eludir menos dun día antes varias preguntas sobre rebaixas noutras comunidades do PP como Andalucía ou Madrid
Menos dun ano despois de que o daquela presidente Feijóo anunciase que este 2022 o imposto de patrimonio, que pagan só os 8.000 galegos e galegas máis ricos, está bonificado nun 25%, o actual titular da Xunta, Alfonso Rueda, revelou este venres que duplicará esa rebaixa aumentándoa ata o 50% en 2023. É un anuncio que fixo nun foro organizado por La Voz de Galicia e Abanca menos dun día despois de que na rolda de prensa do Consello da Xunta eludise varias preguntas sobre posibles novas baixadas dese mesmo imposto como a que vén de anunciar o presidente popular de Andalucía.
A nova rebaixa para as persoas máis ricas chega despois de sucesivas medidas similares tomadas nos últimos anos tanto no eido do patrimonio como da renda, as herdanzas ou as segundas residencias.
O imposto do patrimonio só afecta a quen teña máis de 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual ata 300.000 euros, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros. En Galicia en 2020, segundo os datos da Axencia Tributaria, o imposto afectou a 8.242 declarantes cun patrimonio total de 49.463 millóns. Aínda non hai datos do que a Xunta deixará de ingresar pola bonificación do 25% implantada neste 2022, pero polas diversas desgravacións tanto estatais como autonómicas xa existentes antes nese mesmo imposto (por investimentos, por exemplo) en 2021 o Goberno galego deixou de ingresar 183 millóns.
Herdanzas de máis de 400.000 euros ou segundas residencias en vilas turísticas que a Xunta fixo pasar por "rurais" foron outras das axudas do Goberno galego ás persoas máis ricas nos últimos anos
Agora Rueda anuncia a duplicación da bonificación ata o 50% sen que se coñeza aínda o impacto real da deste ano e despois de que a Xunta veña aprobando outras rebaixas de impostos para as rendas máis altas noutro tipo de figuras. Así o volveu facer hai un ano nos orzamentos para este 2022 no IRPF.
Pero non só nos impostos do patrimonio e da renda se reflicten as axudas do Goberno galego á cidadanía máis rica, xa que outras reformas dos últimos anos tamén acaban beneficiando a esa poboación, como a rebaixa de impostos aplicada desde 2020 á compra de segundas residencias en parroquias turísticas do Grove, Oleiros ou Baiona que a Xunta presentou como “rurais”. Tamén ese ano a Xunta elevou a un millón de euros a parte das herdanzas á que non cobra impostos, unha medida que só beneficiou ás persoas que herdan máis de 400.000 euros, límite anterior.
Agora, o anuncio de Rueda dunha nova rebaixa no imposto do patrimonio chega despois de que o pasado luns o presidente popular andaluz, Juan Manuel Moreno (PP), anunciase unha bonificación do 100% do imposto do patrimonio, na práctica a súa supresión, o que xerou un debate político e mediático sobre a carreira de diversas comunidades por rebaixar impostos á cidadanía máis rica.
Rueda recibiu varias preguntas ao respecto durante toda a semana, as últimas este xoves, na súa comparecencia tras a rolda de prensa do Consello da Xunta. En todas elas eludiu informar da nova rebaixa e limitouse a asegurar que Galicia seguiría “a súa propia senda” impositiva á marxe do que fixesen outras comunidades. Este venres, menos dun día despois de evitar novamente pronunciarse ao respecto e catro días despois do anuncio de Moreno, Rueda asegurou que a Xunta tamén baixará novamente ese imposto. Unha merma de ingresos que chegará mentres a Xunta, como outras comunidades, segue reclamando ao Estado un maior financiamento ao tempo que vén aprobando sucesivos orzamentos récord desde a aparición da pandemia da COVID grazas ás achegas estatais e da UE.