O Goberno galego estima un crecemento do PIB do 6%, igual que este ano, e unha baixada do paro do 12,2% ao 11,7%
O detalle concreto e oficial non se coñecerá ata que este mércores entre no Parlamento para a súa tramitación, pero o Goberno galego xa anunciou este luns, tras a súa aprobación no Consello da Xunta, as grandes cifras dos seus orzamentos para 2022. Serán dun total de 11.627 millóns de euros, 64 millóns máis, un 0,5%, que os 11.563 millóns deste 2021, cando as contas galegas contaron con preto de 700 millóns de achegas estatais extraordinarias pola pandemia de cuxa non continuidade se queixou o presidente Feijóo.
Á espera de que se faga pública a documentación oficial das contas e da lei de acompañamento coa que os gobernos de Feijóo adoitan mudar todo tipo de leis -este ano, cando menos a de emprego público-, o que se coñece de momento é a presentación das grandes cifras realizada este luns polo presidente e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. A previsión do Goberno galego é que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medre o ano próximo un 6%, o mesmo que estima para este ano e fronte á caída do 8,9% de 2020. E o paro baixaría do 12,2% deste ano ao 11,7%.
O investimento caerá en 92 millóns, un 6%, ao pasar de 1.534 a 1.441 millóns. A Xunta argumenta que sobe porque o compara coas contas de 2021 restándolles a achega extraordinaria do Estado pola COVID
Malia que os orzamentos totais da Xunta serán similares aos deste ano, o Goberno galego optou este luns por comparalos non co total deste 2021 senón restándolle os fondos extraordinarios pola COVID procedentes do Estado, o que levou ao presidente Feijóo a publicitar un aumento do 6,9%. A realidade é que o global de gasto non financeiro total será similar e o investimento real previsto caerá dos 1.534,7 millóns consignados este ano a 1.441,9 millóns para o próximo, 92,8 millón menos, un 6% menos. Pola contra, o Goberno galego publicitou este luns como "investimento produtivo" tamén as transferencias de capital.
Feijóo avanza unha rebaixa do imposto do patrimonio, que en Galicia en 2019 afectou a unhas 8.000 persoas que acumulaban uns 50.000 millóns
Canto aos ingresos, Feijóo avanzou que as contas recollen unha rebaixa do imposto do patrimonio, que só paga a cidadanía que máis ten, en Galicia unhas 8.000 persoas que acumulan uns 50.000 millóns de patrimonio, segundo as cifras de 2019. Segundo dixo, non mudará o mínimo exento pero si baixará “un 25% a cota impositiva. Igualmente, o tipo normal do imposto de transmisións patrimoniais baixará do 10% ao 9%.
E tamén baixarán os treitos “medios e baixos” da parte autonómica do imposto sobre a renda (IRPF), pero o conselleiro non foi quen de concretar a contía desa rebaixa. “Non o podo concretar exactamente, porque é unha tarifa especial por tramos”, dixo quen ata agora foi o director xeral de Orzamentos desde 2009, que se limitou a cuantificar nuns 60 millóns de euros o que a Xunta deixará de ingresar por esa rebaixa na renda.
Estas baixadas de impostos súmanse ás que vén aprobando a Xunta nos últimos anos ás herdanzas máis elevadas ou ás compras de segundas residencias, que o ano pasado levaron a Feijóo a gabarse da perda de 111 millóns de ingresos nun só exercicio polas rebaixas acumuladas.