O presidente opta por ascender á persoa que desde 2009 se encargaba da elaboración das contas públicas en pleno proceso para a aprobación das do próximo ano
A Xunta vén de comunicar no mediodía deste sábado que o presidente Feijóo nomea como novo conselleiro de Facenda, tras a morte hai dez días de Valeriano Martínez, a Miguel Corgos López-Prado, ata agora director xeral de Planificación e Orzamentos. Unha designación que se produce cando a Xunta está a ultimar a aprobación das súas contas para o próximo ano e que supón o ascenso á cabeza da consellería da persoa que directamente encargada da súa elaboración desde 2009. Corgos tomará posesión o luns, tras a publicación no DOG do decreto do seu nomeamento asinado este sábado por Feijóo.
Miguel Corgos (A Coruña, 1971), é licenciado en Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña e está especializado en economía financeira. Entrou na Xunta no ano 2000 e foi ascendendo por diversas xefaturas de servizo e subdireccións xerais ata que en 2009 foi nomeado director xeral de Orzamentos, cargo que desde 2012 ten por nome Planificación e Orzamentos.
A entrada de Corgos no Goberno galego derivada da morte do seu antecesor e superior prodúcese un ano despois de que Feijóo mudase o executivo tras a súa cuarta toma de posesión para crear dúas vicepresidencias e cambiar aos conselleiros de Sanidade e Educación. Ademais, hai un mes todos os conselleiros agás os dous vicepresidentes renunciaron ás súas actas no Parlamento.
Co novo nomeamento, o Goberno galego pasa a ter esa composición:
- Alfonso Rueda Valenzuela: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
- Francisco Conde López: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
- Miguel Corgos López-Prado: Consellería de Facenda e Administración Pública
- Ángeles Vázquez Mejuto: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
- Ethel Vázquez Mourelle: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade
- Román Rodríguez González: Consellería de Cultura, Educación e Universidade
- María Jesús Lorenzana Somoza: Consellería de Emprego e Igualdade
- Julio García Comesana: Consellería de Sanidade
- Fabiola García Martínez: Consellería de Política Social
- José González Vázquez: Consellería do Medio Rural
- Rosa Quintana Carballo: Consellería do Mar