Alberto Núñez Feijóo reiterou, durante boa parte da campaña das eleccións galegas de 2020, que non concorría a aqueles comicios por "un partido", tendendo a esvaer, mesmo visualmente, as lindes entre as mensaxes e os cargos do PP e da Xunta. Unha vez lograda a cuarta maioría absoluta, volveu ser frecuente que Feijóo reproche ao resto de líderes estaren a ocuparse en exceso dos seus partidos, mentres que el só inviste tempo e esforzo en Galicia.
Alén do argumentario, o certo é que todos os membros do Consello da Xunta antes dos comicios formaron parte das listas electorais do PP. Dous non recuncaron nas consellerías -Jesús Vázquez Almuíña foi remudado en Sanidade e Carmen Pomar, en Educación- e os restantes si foron reelixidos por Feijóo como membros do Goberno, mantendo ademais as actas de deputados e deputadas. Así, todos os membros do Executivo viñérono sendo ata agora tamén do lexislativo agás a conselleira de Traballo, María Jesús Lorenzana, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña.
Esta circunstancia vai mudar en breve. Feijóo aproveitou o remate da primeira sesión de control para anunciar que se dispón a dar de baixa como deputados do PP a todos os membros do Goberno que aínda o son, agás os vicepresidentes Alfonso Rueda e Francisco Conde. Así, "renuncian ás súas actas" as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez -cabeza de lista do PP pola Coruña en 2020-; Infraestruturas, Ethel Vázquez -número 5 pola mesma provincia-; Política Social, Fabiola Martínez -8 da lista coruñesa- e Mar, Rosa Quintana -número 9-.
Rueda e Conde quedan como únicos membros do Goberno que, de agora en diante, poderían suceder a Feijóo na Presidencia ata o remate da lexislatura. Tamén o podería facer calquera outro dos restantes 39 integrantes do grupo do PP na Cámara
Tamén deixan a acta parlamentaria o conselleiro de Educación, Román Rodríguez -sexto do PP por Pontevedra-; o titular de Facenda, Valeriano Martínez -número sete da mesma lista-. O mesmo fará José González, conselleiro do Medio Rural e terceiro da lista do PP de Ourense o pasado 2020.
Quedan co escano Alfonso Rueda, número 3 da lista de Pontevedra, e mais Francisco Conde, número 2 por Lugo. Tamén o propio Feijóo, toda vez que o presidente da Xunta debe ser, obrigatoriamente, membro do Parlamento. Isto implica, daquela, que os únicos membros do Goberno que de agora en diante poderían suceder a Feijóo na Presidencia da Xunta ata o remate da lexislatura serían Rueda e Conde. Tamén, obviamente, calquera outro dos restantes 39 integrantes do Grupo Parlamentario Popular, incluíndo ás sete persoas que remudarán aos membros do Goberno que causan baixa. Entre os substitutos está o presidente das Novas Xeracións do PP en Galicia, Adrián Pardo.
Pouco antes de anunciar este movemento interno, Feijóo apelou a Pontón a "reflexionar máis sobre Galicia e menos sobre a UPG"
Feijóo realiza este movemento interno -aínda que máis frecuente nos comezos das lexislaturas e non cando xa transcorreu un ano- apenas dous meses despois da súa propia reelección como líder do PP en Galicia. Tamén en vésperas dos congresos provinciais do partido, que acto seguido se disporá a activar a súa maquinaria cara á confección das candidaturas municipais.
Non obstante, o presidente da Xunta veu desligar estas baixas de calquera interpretación partidaria, presentándoas como mostra dun "goberno unido" que "se mantén unido" e cuxos conselleiros se "poñen á disposición do Goberno ao cen por cen". Escasos minutos antes, apelara á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a "reflexionar máis sobre Galicia e menos sobre a UPG". Tamén considerou o presidente que, nun eventual Goberno dos actuais grupos da oposición galega, os seus membros serían "incapaces" de realizar unha remuda coma esta. No ano 2005, Ánxela Bugallo e Fernando Blanco deixaran cadanseus escanos do Bloque tras seren elixidos como conselleiros.