En xaneiro de 2006, Manuel Fraga abandonou a presidencia do PP de Galicia pouco antes de facer quince anos exercéndoa formalmente e bastante máis a efectos prácticos. Quen foi o seu sucesor no partido tras perder a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi reelixido este 17 de xullo de 2021 para un quinto mandato que, se o finaliza, o aproximará ás dúas décadas o seu mandato. Todo, nun congreso sen apenas historia orgánica que aclamou o presidente da Xunta como líder co 98,3% dos votos dos compromisarios presentes, 801 sufraxios.
Entre eloxios de cargos galegos e convidados foráneos, Feijóo evita ofrecer pistas sobre o seu futuro alén de asegurar que agora ten máis "ilusión" que cando sucedeu a Fraga hai 15 anos
A que no anterior conclave fora principal incógnita, a secretaría xeral, foi despexada polo propio Feijóo días antes do congreso. Miguel Tellado continúa como número dous dunha estrutura con algúns axustes concibidos para reforzar a maquinaria interna cara ás eleccións municipais tras un congreso no que cargos galegos e convidados foráneos multiplicaron eloxios para un Feijóo ao que piden que procure superar a Fraga tamén electoralmente, concorrendo por quinta vez aos comicios galegos previstos para 2024.
Como vén sucedendo dende a súa primeira reelección, Feijóo evitou ofrecer pista ningunha sobre os seus plans de futuro. Coa saída cara a Madrid aparentemente máis taponada que hai apenas un ano por dirixentes como a madrileña Isabel Díaz Ayuso -presente, xunto a outros líderes territoriais do partido, na apertura do congreso-, o titular do Goberno galego asegura que asume outra volta o cargo no PP con "ganas de máis" e asegurando ter mesmo "máis ilusión" que cando sucedeu a Fraga hai década e media.
Feijóo di propoñerse incrementar o poder local do PP e contribuír a levar ao Goberno de España a Pablo Casado, quen na clausura do conclave proclamou que Pedro Sánchez "xa non pode pisar a rúa"
Todo isto, defendeu ante o plenario reunido no compostelán Multiusos Fontes do Sar, nun contexto no que erixe o PP en "única alternativa" ao actual Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. Como noutrora contra o PSdeG e o BNG, Feijóo asegura que o Executivo de Pedro Sánchez pretende "instalar o pensamento único". Ese foi un dos argumentos que esgrimiu, na primeira xornada do congreso, para asegurar que tamén se propón contribuír a "levar a Pablo Casado" á presidencia do Goberno de España, así como para procurar incrementar as alcaldías do PP en 2023.
Na mesma liña se manifestou tamén durante o acto outro dos convidados, o alcalde de Madrid e voceiro da dirección estatal do partido, José Luis Mártínez-Almeida. "No PP temos un camiño por percorrer que é levar a Pablo Casado a La Moncloa o antes posible", dixo en referencia ao lema do congreso do PPdeG.
Casado, precisamente, foi o encargado de clausurar o congreso do PP de Galicia, no que tamén interveu o ex-presidente Mariano Rajoy. Os indultos aos líderes independentistas cataláns, Cuba ou a previsión de que os fondos europeos de recuperación serán mal xestionados foron algúns dos eixos dun discurso do líder conservador centrado na crítica ao Goberno de España, se ben asegurou a continuación que xa "non hai que perder demasiado tempo no que é Pedro Sánchez" porque "todos o viron e xa non pode pisar a rúa".
Cargos da Xunta no organigrama do partido
Alén da presidencia de Feijóo e do recunque de Tellado na secretaría xeral, o congreso do PPdeG ratificou unha estrutura con seis vicesecretarías, a metade ocupadas por cargos da Xunta. Son as conselleiras de Medio Ambiente e Política Social, Ángeles Vázquez (Axenda Verde) e Fabiola García (Servizos Públicos), e o delegado do Goberno galego en Ourense, Gabriel Alén (Acción Electoral).
Entre as 25 persoas que teñen asignada a coordinación das diversas áreas da formación destacan tamén diversos cargos da Xunta, caso da Secretaria Xeral de Medios, Mar Sánchez (Comunicación), a asesora da Presidencia da Xunta Diana Pérez (Mobilización Electoral) ou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a cargo da área sanitaria do partido escasos meses despois de se dar de alta como militante. No que atinxe ás vogalías, as catro designadas directamente por Feijóo corresponden aos restantes catro delegados territorais da Xunta e o resto de postos (ata 22) están maioritariamente ocupados por alcaldes, alcaldesas e concelleiros, agás excepcións como a xerente da área sanitaria de Santiago e curmá do presidente, Eloina Núñez.