Hai hoxe un ano, o 12 de xullo de 2020, as urnas outorgaban ao PP a súa cuarta maioría absoluta consecutiva no Parlamento de Galicia, a oitava dende que o partido ten unhas siglas que naquela campaña electoral ficaron reducidas á mínima expresión. Non tanto -que tamén- nuns carteis electorais cuxa importancia tende a diminuír, senón sobre todo na estratexia electoral dun Alberto Núñez Feijóo que dicía non presentarse por partido ningún, senón por "Galicia" ou pola Xunta mesma. Por unha Xunta en pugna diaria co Goberno de España do PSOE e UP a conta da xestión da pandemia.
Naquela campaña a pandemia foi protagonista por ausencia e por presenza. Por ausencia de actos multitudinarios e outras accións que serían habitual nunha carreira electoral, ausencia esta aínda máis agudizada en varios concellos das comarcas da Mariña afectadas por un surto da COVID-19. E por presenza porque pouco foi posible debater na campaña alén das alternativas das diferentes formacións políticas para afrontar as consecuencias sanitarias e económicas do virus.
Nas semanas previas á cita coas urnas pairaba tamén sobre o proceso a incógnita de ata que punto a COVID-19 traería consigo unha baixa participación. O certo é que a concorrencia ás urnas foi escasa (a abstencións superou o 50%, unha vez sumado o censo de residentes ausentes), pero atendendo á sondaxe postelectoral do CIS, entre os motivos da abstención naquel domingo de verán non pesou a COVID dunha maneira moi relevante.
Aquel traballo postelectoral tamén situaba como principal beneficiado da carreira electoral -tras o triunfante PP- a un BNG que finalizou o reconto do 12X como primeira forza da oposición. O 45% dos votos ao Bloque decidíranse en campaña, sinalaba un inquérito que situaba ademais a Ana Pontón como líder política máis valorada pola cidadanía. Cos seus 19 escanos, a formación soberanista virou no grupo da esquerda máis numeroso dende o PSdeG de Touriño e Pontón estreouse como líder do primeiro grupo da oposición advertindo de que xa ollaba ao horizonte de 2024.
A opción política máis damnificada daquela cita electoral foi Galicia en Común. Unidas Podemos aspiraba a reter parte do que fora espazo político de En Marea e acabou desaparecendo do Parlamento coa barreira electoral do 5% dándolle o empurrón final fóra do Pazo do Hórreo. Aínda que cunha intensidade moito menor, tampouco foi satisfactorio o balance electoral do PSdeG que, na estrea de Gonzalo Caballero como candidato, ficou estancado e lonxe da aspiración de volver se a primeira forza da esquerda.
Un ano despois resulta difícil, alén de quen a observe con gran interese e atención, identificar moitos temas de debate público que vaian alén da pandemia. Mentres, as forzas políticas aproveitan a paréntese electoral para retomaren os procesos internos que a pandemia e as propias eleccións de 2020 os obrigaran a adiar. O congreso que esta semana reelixirá a Feijóo como líder abre neste mesmo mes de xullo unha xeira á que despois chegará a Asemblea Nacional do BNG, na que Pontón revalidará o liderado. Tamén o Congreso Nacional do PSdeG, sobre o que pairan máis incógnitas e ante o que Caballero aposta por continuar para ver "xermolar" o seu proxecto político.