Fracaso total. Galicia en Común sufriu a súa noite máis negra este 12X. A coalición que une a Podemos, EU e as principais mareas municipalistas dilapidou todo o seu celeiro, quedando sen representación na Cámara galega tras as divisións internas dunha En Marea agora esfarelada que lograra ser a primeira forza na esquerda galega nas xerais de 2015 e nas autonómicas de 2016.
A esquerda rupturista, que chegou a contar con 14 escanos no Parlamento con En Marea, queda agora sen representación tras anos de división interna
Duro golpe para a forza liderada por Antón Gómez Reino, secretario xeral de Podemos Galicia, partido que liderou unha coalición que sofre o desgaste a nivel estatal, pero multiplicado, das liortas internas, tamén en Galicia, que deron coa división en varios grupos no propio Parlamento. Se a antiga En Marea chegou a sumar 14 actas en 2016, a coalición da esquerda rupturista quedou agora sen ningún, ao non sumar nin o 5% que marca o limiar para optar a escanos.
Nin un só escano para unha forza que bebe da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que iniciara o éxito da esquerda rupturista en Galicia, pero tamén no conxunto do Estado. A aquela iniciativa, a da colaboración entre a esquerda soberanista que saíu do BNG na convulsa asemblea de maio e a esquerda federalista estatal, uníronse logo un Podemos recentemente creado e as exitosas mareas que gobernaron na Coruña, Santiago e Ferrol. Menos dunha década despois, a Cámara galega queda sen representación dese espazo.
O espazo que encetou AGE e xuntou logo a Podemos e as mareas municipalistas queda sen representación na Cámara menos dunha década despois
Dividido, parece evidente que boa parte do seu electorado optou desta vez polo BNG, devolvendo o panorama político ao 1997 en Galicia. O transvasamento de votos á esquerda do PSdeG foi desta vez claramente virado cara ao Bloque. Nos anteriores comicios autonómicos, sumaron 20 escanos entre ambas forzas (14 de En Marea e 6 da fronte nacionalista); desta vez, 19, todos para a formación que lidera Ana Pontón.
Gómez Reino di asumir "en primeira persoa" uns resultados que cualificou de "fracaso": "Son malos, moi malos"
Gómez Reino cualificou os resultados de "malos, moi malos" e "fracaso" para o seu "espazo político", ademais de "inesperados". "Asúmoos en primeira persoa", dixo quen engadiu que sente "mágoa" por "non ter colaborado para acabar coa maioría de Feijóo e o PP".
Pola súa banda, Marea Galeguista, outra das patas do que fora En Marea, teimou tamén nos malos resultados que, aínda co nome orixinal, colleitara nos últimos comicios. Desta vez, a forza que lidera Pancho Casal non chegou nin ao 0,25% de apoio, con menos de 3.000 votos, sendo superado amplamente por Vox e Ciudadanos, pero tamén por PACMA. "Parece ser que o importante non é traballar nin levar proxectos concretos", dixo o seu líder.