O BNG celebrará a súa XVII Asemblea Nacional o vindeiro 7 de novembro, unha cita coa que busca "recuperar o 100% da actividade organizativa" logo do peor da pandemia para "fortalecer" o partido e mostrarse como "alternativa real ao PP" de Feijóo.
Foi o que explicou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras celebrarse este sábado en Teo un Consello Nacional que fixou a data da asemblea aprazada pola pandemia e onde se renovarán os órganos de dirección.
O BNG busca "recuperar o 100% da actividade organizativa" logo do peor da pandemia para "fortalecer" o partido e mostrarse como "alternativa real ao PP"
"Será o punto de partida para recuperar o 100% da actividade organizativa, para activar a toda a militancia e simpatizantes ao longo do país e para traballar sen pausa e sen deternos para sumar máis cidadanía ao BNG", dixo Pontón, que cre que "desde a solvencia e desde a coherencia política" o Bloque é "a alternativa real" ao PP e que non está "no servilismo nin na confrontación inútil" porque "non é a correa de transmisión nin de Casado nin de Sánchez".
"Somos unha alternativa galega e sabemos que o noso país merece máis que o sucursalismo das formacións estatais", continou Pontón, que acusou a Feijóo de "comportarse como un kamikaze que vai en dirección contraria aos intereses de Galicia".
"Feijóo non sabe defender Galicia, pero é que tampouco quere porque é un devoto practicante do centralismo madrileño"
"Feijóo non sabe defender Galicia, pero é que tampouco quere. Porque é un devoto practicante do centralismo madrileño que tanto nos prexudica. Sempre que hai que estar ao lado de Galicia ou ao lado do centralismo, elixe xogar no equipo contrario", explicou Pontón, que preguntou ao presidente da Xunta se "vai pór trabas" á aplicación da lei de eutanasia no país, logo de que o seu partido se mostrase en contra dela.
Como "preámbulo" para botar os populares da Xunta e para que o Bloque lidere "un futuro mellor e de esperanza aos galegos", a portavoz nacional fixou como "primeiro paso" dar "un gran salto" nos comicios municipais de 2023 para multiplicar a representación nacionalista nos concellos.
Ademais, Pontón tamén fixo referencia aos datos da pandemia en Galicia, que "permiten ser optimistas", e á relaxación do uso da máscara desde este sábado, á vez que apelou á "prudencia" e ao "sentido común" que os galegos "demostraron sobradamente" nesta crise sanitaria.