Entre os ecos da sesión de control do pasado venres, na que Ana Pontón ilustrou cunha vintena de titulares o reparto de "culpas" de Alberto Núñez Feijóo dende o Goberno -intervención amplamente celebrada na contorna do Bloque-, o BNG culminou este sábado o proceso da súa XVII Asemblea coa constitución do seu novo Consello Nacional. Fíxoo unha vez finalizada a elección de membros que corresponden ás comarcas nas que se organiza a formación soberanista.
O Bloque constitúe o seu novo Consello Nacional, o que culmina o proceso da súa XVII Asemblea
Na súa intervención ante este órgano, Pontón reiterou unha mensaxe que horas antes transmitira á militancia a través dunha carta e que dirixiu tamén a simpatizantes a través das redes sociais. Xunto a un agradecemento polo compromiso militante e tras reiterar o "obxectivo de liderar o Goberno de Galiza en 2024", a portavoz nacional incluíu unha advertencia que, di, implica "unha gran noticia". O PP, asegura, está "dos nervios" co Bloque e por iso "día tras día" teima en "atacalo", mais tamén en viralo nunha "caricatura".
"O BNG está en forma e imos por todas, nin podemos nin imos fallar" e por iso, mantén, os conservadores "están ao bordo dun ataque de nervios". "Teñen enfronte un BNG que fai a oposición que lles molesta, con propostas e alternativas concretas para sacar adiante o país" e que "non cae na trampa de moverse na caricatura que a eles lles interesa". "Non imos -agrega- permitir que nos sitúen na esquina que queren nin que nos descentren do obxectivo de estar no día a día do que lle preocupa á cidadanía", agrega.
Pontón afirma que o BNG non vai "caer na trampa de moverse na caricatura que interesa" ao PP e resalta asuntos como denunciar "a estafa da luz", alternativas para a mocidade, o medio ambiente ou a ciencia como centro das súas iniciativas nos vindeiros meses
Neste sentido, Pontón di "non ter claro" se ao PP "lle preocupan máis as enquisas que, por certo, unha tras outra nos están dicindo que avanzamos" ou "se o que lles preocupa é ver a nosa fortaleza entre a mocidade, ou como avanzamos en todo o país, singularmente no voto urbano". "Saben que o BNG medra entre a mocidade, entre as mulleres, entre as persoas que queren unha alternativa de futuro" para o país e por iso "benvidos sexan" os ataques, considera. "É unha gran noticia".
"Cada vez que eles perderon os papeis, nós subimos un pouco", concluíu Pontón, antes de advertir de que a organización nacionalista non caerá "nas trampas nin na política do regate curto", porque está "centrado en pensar Galiza ao grande". A denuncia da "estafa da luz", a defensa do medio ambiente, as alternativas para a mocidade ou a formulación de propostas para lograr "un país no que a ciencia e a innovación sexan centrais" no desenvolvemento, avanza, serán o centro do traballo político nos vindeiros meses dun Bloque que, reitera, debe seguir "alargando a súa base social" e "escoitando á sociedade, ao lado da xente".