Unha vez ratificada a continuidade de Ana Pontón na portavocía nacional e á fronte dunha Executiva que incorporará catro mudanzas, o BNG afronta a recta final do seu décimo sétimo proceso asembleario centrado no debate das teses políticas e organizativas. Aguilloar ese debate foi precisamente unha das intencións do "proceso de reflexión" de Pontón nos últimos dous meses, segundo resaltan dende a contorna da líder do Bloque, e facelo en torno a uns documentos que, entre outros aspectos, procuran bosquexa o plan co que a formación soberanista pretende "prepararse para gobernar" Galicia a partir de 2024.
A tese política que o BNG abordará na súa asemblea nacional sinala que, tras "moitos anos de oposición" coa "imprescindíbel denuncia e a resistencia ás agresións que sofre Galiza" como "eixo central", o "novo escenario" como "alternativa ao goberno do PP" demanda "respostas novas"
O texto, que vén sendo debatido nas asembleas comarcais e que será sometido ao debate final de emendas o plenario da propia Asemblea, este 7 de novembro no Coliseum da Coruña, contextualiza ese plan no "cambio de ciclo" que a propia Pontón vén enunciando nos últimos meses. "Despois de moitos anos de oposición en que o papel do BNG tivo como eixo central a imprescindíbel denuncia e a resistencia ante as agresións permanentes que está a sufrir a Galiza", di o texto, "as galegas e galegos depositaron a confianza no BNG para ser a alternativa ao goberno do PP", un "novo escenario" que "demanda respostas novas", sinala.
O reto, indica a tese política, é que "a carón da mobilización e a denuncia", é que o Bloque "se presente tamén como alternativa de goberno transformador e innovador, con capacidade de xestión" e de ser "quen de mellorar a vida do conxunto da poboación". Trátase, agrega, de afrontaren un "exercicio necesario de preparación do proxecto político do BNG para asumir o liderado institucional" mesmo "sabendo que a marxe de actuación dun novo goberno" estaría "condicionada tanto (...) polas propias limitacións do marco autonómico como pola correlación de forzas" que o conformasen.
Os documentos a debate na cita asemblear na que Ana Pontón será reelixida como portavoz nacional sinala como referencias os gobernos locais do Bloque, máis tamén a etapa da coalición co PSdeG na Xunta, "experiencia da que debemos tirar aprendizaxes" tanto polos "importantes avances" como polos "erros "que cómpre "non repetir"
Neste sentido, e ao contrario que noutras etapas, o BNG sinala como referencias os gobernos locais que lidera ou nos que participa, mais tamén o "goberno de coalición PSOE-BNG" (2005-2009), unha "experiencia que debemos ollar con atención e da que debemos tirar aprendizaxes fundamentais para construír o futuro". Esas "aprendizaxes", din, deben pasar por ter ene conta que aquel goberno "trouxo algúns dos avances máis importantes e vangardistas da nosa historia recente", mais tamén "dificultades na xestión, na comunicación e nas relacións de goberno das que é preciso aprender para non repetir os mesmos erros".
"O BNG -continúa o documento- non pode permitirse chegar ao Goberno sen un proceso de estudo e reflexión fonda das súas propostas políticas" e para facelo, defenden emprender "un proceso socializado con axentes especializados e con organizacións de referencia en cada ámbito" ata "establecer as ideas forza dun goberno que represente un cambio real e transformador". Nestes contactos proponse tamén trazar "estratexias específicas dirixidas a interpelar e gañar apoios en sectores sociais en que até agora a mensaxe do nacionalismo chegou con máis dificultade", caso das "persoas migrantes, mundo do deporte" ou "persoas autónomas".
Dese proceso, indica a tese, debería saír un plan de goberno no que os "obxectivos verificábeis a curto prazo no marco actual" convivan con outros "que, necesariamente, precisarán superar o insuficiente marco estatutario actual". Esa superación, di, tería que chegar a "través da consecución dun novo status político de nación" que "blinde a nosa capacidade real de decidir e nos dote de ferramentas para avanzar e mellorar a vida dos galegos e galegas".
A xeito de conclusión, a tese política cuxo debate concluirá na asemblea sinala que, de chegaren á presidencia, "a acción do goberno do BNG debe estabelecer prioridades que permitan" lograr "cambios visíbeis e transformadores". Esas prioridades estarán encamiñadas, defenden, a "superar tanto o hiperactivismo caótico e inabarcábel" como "a pasividade diluínte e propagandística".
En clave organizativa, os textos da asemblea do Bloque incorporan un protocolo para abordar posibles casos de violencias machistas no seo da formación e mais a supresión do artigo que fixaba un límite de "tres mandatos consecutivos na mesma función" tanto orgánica como institucional
O contexto sociopolítico tras a pandemia ou a "oportunidade histórica" das eleccións municipais de 2023 son tamén abordadas nunha tese política que o proceso asemblear do BNG aborda xunto a outra tese de tipo organizativo. Nestoutro documento, unha das principais novidades é a supresión do artigo que instauraba o "límite de tres mandatos consecutivos na mesma función" tanto orgánica como institucional -mantense como recomendación xeral, mais non como obriga-. Neste conclave, precisamente, Pontón será elixida portavoz nacional por terceira vez.
Na tese organizativa destaca tamén a introdución dun amplo capítulo en materia de xénero. Neste eido, os principios organizativos pasan a incluír un "protocolo de actuación en caso de violencias machistas" no seo da organización. Ese protocolo será "de aplicación a calquera militante da organización con ocasión da súa participación en actos de agresións machistas" e canalizarao a comisión de garantías da formación.