O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este mércores o seu estudo postelectoral sobre os comicios ao Parlamento Galego do pasado 12 de xullo. A enquisa afonda nos motivos que levaron á cidadanía a optar por unhas ou outras opcións ou por non facelo, nunhas eleccións que tiveron unha abstención próxima ao 50%.
Na sondaxe pregúntase tamén por unha valoración dos candidatos e candidata dos tres partidos que obtiveron representación parlamentaria. A líder do BNG é a que obtén unha puntuación máis elevada con 5,9 sobre 10, por diante de Alberto Núñez Feijóo, que tamén aproba cun 5,5. O candidato do PSdeG-PSOE fica cun 4,3.
Pontón é a líder máis valorada entre todas as franxas de idade entre os 18 e os 64 anos e unicamente nas persoas por riba do 65 anos Núñez Feijóo obtén unha nota máis alta
O bo resultado de Pontón fundaméntase nunha moi elevada valoración por parte dos e das votantes do BNG (7,9), pero tamén na alta consideración entre os e as electoras de Galicia en Común (6,7) e do PSdeG-PSOE (5,8). Mesmo os e as votantes populares danlle unha nota próxima ao aprobado (4,8). Pontón é a líder máis valorada entre todas as franxas de idade entre os 18 e os 64 anos e unicamente nas persoas por riba do 65 anos Núñez Feijóo obtén unha nota máis alta.
Feijóo recibe un 8,6 dos votantes do PP, pero suspende ente os votantes de BNG e PSdeG e unicamente obtén valoracións por riba de 5 entre os votantes de VOX e Ciudadanos. As elevadas valoracións medias dos candidatos de PP e BNG contrastan coa baixa nota obtida por Gonzalo Caballero, que unicamente aproba entre os votantes socialistas, recibindo un 6,4, moi semellante ao 5,8 outorgado a Pontón.
A importancia de Ana Pontón no extraordinario resultado electoral obtido polo BNG en xullo fica tamén de relevo ao preguntar aos electores da forza nacionalista pola principal razón que os levou a votar a esta candidatura, sendo "a candidata que presentaba" a primeira delas. O seu candidato foi tamén a principal razón que levou aos votantes do PP a optar por esta forza política, nun 42% dos casos, o que en principio semella apoiar a estratexia electoral de primar a figura de Feijóo sobre a identidade política do Partido Popular.
Pontón e Núñez Feijóo foron a principal razón para votar a BNG e PP
No caso de PSdeG e Galicia en Común a principal razón foi o feito de ser esa candidatura "a que mellor representa as ideas da xente coma min", un motivo aludido en segundo lugar polos votantes do BNG. No caso do PP, unha ampla porcentaxe de entrevistados destacaron tamén que votaron este partido "porque é o que está máis capacitado para gobernar en Galicia". O amplo triunfo do Partido Popular pareceu asentarse tamén nunha valoración positiva da situación de Galicia, "boa" ou "moi boa" para o 34,9% dos entrevistados, "regular" para o 45,6% e "mala" ou "moi mala" para o 18,1%.
Iso si, o estudo do CIS denota unha evidente desproporción entre o resultado real do pasado 12 de xullo e o recordo de voto, pois hai case tantas respostas que din ter votado ao PP (23,9%) coma ao BNG (20,8%), posiblemente favorecido por unha maior disposición a revelar o sentido do sufraxio ou por unha maior ocultación das respostas por parte dos votantes populares. Segundo o CIS, o 31% dos votantes de Galicia en Común terían votado a outro partido de ter sabido os resultados, que deixaron os seus votos sen representación.
O 2,8% abstívose por medo ao coronavirus
As eleccións do pasado 12 de xullo tiveron unha abstención do 50%, a máis elevada nas últimas décadas, e estiveron marcadas pola pandemia de coronavirus. O CIS pregunta, de feito, polos temas "máis debatidos" polos candidatos e candidatas e a Covid-19 e a xestión da pandemia aparecen destacados cun 27,8% das respostas, moi por diante da sanidade (10%) ou a economía (6,8%).
Entre os abstencionistas, 30,2% recoñece que "normalmente vota, pero esta vez no quixo facelo" e outro 11,3% di que "normalmente vota, pero esta vez no puido facelo"
Aínda que a enquisa do CIS unicamente atopa un 14% de persoas que afirman terse abstido o pasado 12 de xullo, entre elas o 30,2% recoñece que "normalmente vota, pero esta vez no quixo facelo" e outro 11,3% di que "normalmente vota, pero esta vez no puido facelo". Entre as razóns esgrimidas, a desafección coa política ou o feito de non contar con alternativas satisfactorias son as respostas máis repetidas, pero o 14% das persoas que afirman que non quixeron votar din que foi polo medo ao coronavirus (o 1,5% do total de entrevistados). De igual xeito, o 38,8% das persoas que din que non puideron votar afirman que foi polo coronavirus (o 1,3% do total).
O CIS amosa que unha parte importante dos e das galegas non seguiu a campaña electoral con excesivo interese. Tan só un 44,8% afirma que o fixo con "moito" ou bastante" interese, mentres que outro 54,7% tivo "pouco" ou "ningún" interese por ela.
O 45% dos votantes do BNG decidíronse na campaña electoral
As campañas electorais xogan un papel cada vez máis importante na política moderna, máis volátil, e na que o voto se decide cada vez máis tarde. Así sucedeu tamén o pasado 12 de xullo, cando unha parte moi importante dos apoios se decantaron nas últimas dúas semanas. O 9,4% decidiu o seu voto na primeira semana de campaña, o 15,2% na segunda semana, o 3,1% na xornada de reflexión e o 4,5% no propio domingo electoral, sumando un 32% dos votos totais.
O 8,2% dos apoios ao BNG decidiuse na fin de semana das eleccións e o 24,5% na segunda semana de campaña
Porén, no caso dalgunhas forzas políticas, coma o BNG, esta proporción foi aínda maior, chegando ao 45%. De feito, o 8,2% decidiuse na fin de semana das eleccións e o 24,5% na segunda semana de campaña. A porcentaxe foi tamén moi elevada no caso de Galicia en Común (o 40,8% dos seus votantes decidiuse na campaña) e moito menor no caso de PSdeG-PSOE (26,9%) e PP (21%).
O 15,5% dos entrevistados, ademais, dubidou entre varios partidos e outro 4,7% dubidou entre votar ou absterse. As dúbidas principais estiveron entre BNG e PSdeG (19,3%) e entre BNG e Galicia en Común (14,8%).
O 43% dos votantes do BNG séntense "tan galegos como españois"
Nos resultados do BNG destacouse a capacidade desta formación por captar a votantes procedentes doutras forzas políticas e afastados no nacionalismo. Nos seus actos de campaña mesmo se apelou directamente aos votantes non nacionalistas, pedindo concentrar os seus apoios no BNG.
O 12,9% dos votantes do BNG séntense "unicamente galegos e galegas" e o 40,3% "máis galegos que españois". Porén, a o 42,8% dos e das votantes do BNG din sentirse "tan galegos/as como españois/españolas"
Segundo o CIS as persoas que votaron ao Bloque o pasado 12 de xullo son moi diversas e, por exemplo, o 24,5% apostan por "un Estado no que se lles recoñecese ás comunidades autónomas a posibilidade de converterse en Estados independentes" e un 37,3% defenden incrementar o autogoberno que actualmente teñen as comunidades autónomas. Outro 25,5% apostan por manter a actual situación e un 8,4% por reducir ou eliminar completamente este autogoberno.
De igual xeito, o 12,9% séntense "unicamente galegos e galegas" e o 40,3% "máis galegos que españois". Porén, a o 42,8% dos e das votantes do BNG din sentirse "tan galegos/as como españois/españolas", acompañando o sentimento maioritario (65,2%) entre a cidadanía galega. Preguntados pola súa sentimento nacionalista galego, nunha escala de 1 a 10, o 59% dos votantes do BNG decántanse por valoracións elevadas (de 7 a 10).