Pontón recuncará á fronte do BNG e fixa o reto de "disputar a hexemonía ao PP" para lograr gobernar

Ana Pontón, na comparecencia pública na que anunciou que opta á reelección na portavocía nacional do BNG, este 28 de outubro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG
Publicidade
Publicidade

O "proceso de reflexión" anunciado por Ana Pontón hai case dous meses a respecto do seu "papel" no "cambio de ciclo" que a actual dirección do BNG que emprender tras a Asemblea Nacional que a formación celebrará o vindeiro 7 de novembro na Coruña xa ten resultado. Na liña do agardado por boa parte de dirixentes e militantes do Bloque, Pontón optará á reelección, o que implica que no conclave recibirá a encomenda de continuar como portavoz nacional do BNG.

Pontón sinala que a súa "reflexión" respondeu a que cómpre "fuxir dos camiños trillados, aínda que sexa a opción máis cómoda" para chegar a 2024 en condicións de "conseguir a presidencia da Xunta"

A dous días do Consello Nacional que dará o visto e prace á candidatura a proceso asembleario que ela mesma encabezará -e que, previsiblemente, non contará con listaxes á contra-, Pontón compareceu ante a prensa para explicar a súa decisión cunha escenografía acompasada co que, di, será o principal reto da formación soberanista de aquí en diante: "disputar a hexemonía" ao PP para chegar a 2024 en condicións de "conseguir a presidencia da Xunta".

Defende Pontón que esta "reflexión" non se limitou a escenificar a súa continuidade porque "responde á miña forma de ser e de entender a política e a vida", que implica que "nunca hai que dar nada por feito" e cómpre "fuxir dos camiños trillados, aínda que sexa a opción máis cómoda e rutineira". "O reto é tal -agrega- que non era posible deixarme levar pola inercia".

Pontón, en rolda de prensa esta semana no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Ao Bloque, advirte, non lle cabe "acomodarse" cando "está en xogo o futuro de Galiza". "Sería un erro maiúsculo" e por iso "seguir como se nada non era unha opción". Agora, tras ese "alto no camiño", sinala que o plenario do 7 de novembro debe deixar claros os "novos retos" da organización nacionalista tras unha década na que "evolucionou dende a resistencia e a reorganización" ata "o despegue, situándonos como segunda forza" nos comicios de 2020.

Publicidade
Publicidade

Afirma a portavoz nacional do Bloque que o seu "diálogo construtivo e frutífero" nas últimas semanas serviu para constatar que existe "un sentimento nacional moi forte" e "o noso traballo consiste en traducilo en apoio político, social e electoral"

Eses retos, enumerou, comezan por "fortalecer a organización e alargar a base social" para que a actual "fortaleza" non teña "pés de barro". A continuación, apunta, o BNG debe propoñerse "avanzar nas municipais", un proceso no que a dirección que saia da Asemblea terá ampla marxe de manobra. Despois, di, cómpre propoñérense "aumentar a nosa representación nas Cortes" e a continuación, ir "moito máis alá de conseguir unha presa de escanos máis" no Parlamento.

A súa reflexión, explicou Pontón, incluíu tamén un "diálogo construtivo e frutífero" con dirixentes e militantes do propio BNG, mais tamén "con persoas que non militan" pero "comparten que o futuro pasa por un BNG máis amplo". Nese proceso, asegura, reafirmou a convicción de que existe "un sentimento nacional moi forte" e "o noso traballo consiste en traducilo en apoio político, social e electoral". 

"Eu non son das que queda a medias e vou dar o mellor", concluíu para advertir que, alén da portavocía nacional, "cando unha forza seria ten un reto tan importante", os "retos son colectivos". O reto de chegar á presidencia do Goberno galego, mantén, é o que agora se propón "testar co conxunto da organización" na Asemblea para, acto seguido, "construír esa outra Galiza posible" cara aos comicios de 2024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.