Na noite electoral do 12 de xullo de 2020, as urnas constataron a cuarta maioría absoluta consecutiva do PP de Alberto Núñez Feijóo, pero tamén un ascenso sen precedentes do BNG, que Ana Pontón encabezaba electoralmente por segunda vez. Apenas catro anos despois de salvar por pouco o grupo propio (6 escanos), o Bloque lograba a maior representación da súa historia, cuns 19 escanos que convertían a Pontón en líder do primeiro grupo da oposición, o máis numeroso da esquerda parlamentaria dende o PSdeG de Touriño.
Inmediatamente despois de lograr a representación parlamentaria máis ampla da historia do BNG, Pontón fixou o reto de pelexar pola presidencia en 2024. Esa formulación contribuíu a que causase máis sorpresa o seu anuncio de "reflexión" en vésperas da Asemblea Nacional da formación
Inmediatamente despois daqueles comicios, a portavoz nacional do Bloque expuxo en varias intervencións públicas un discurso que a esquerda galega en xeral e a formación frontista en particular se vira obrigada a desbotar a causa dos malos resultados electorais, xa fose por descensos continuados ou por ficar lonxe das expectativas propias e alleas: o da continuidade á procura do cambio político. "O reto é seguir avanzando para liderar a alternativa ao PP en catro anos", dixera daquela Pontón, fixando con claridade o obxectivo estratéxico de pelexar pola presidencia en 2024.
Esa formulación tras as eleccións, xunto cunha intensa actividade política malia á pandemia durante o último ano -incluíndo unha presenza practicamente continua en diversos puntos do país, en ocasións cun ritmo propio de períodos preelectorais- contribuíu a que causase aínda máis sorpresa o anuncio lanzado por Pontón nos últimos días de agosto. A apenas dous meses vista da Asemblea Nacional do BNG (adiada por mor da COVID), a líder do Bloque dispúxose a emprender un "período de reflexión persoal" para "analizar" cal é a "achega" que debe realizar á formación nos vindeiros anos. Se segue ou non no liderado, veu dicir.
O anuncio, que algunhas voces compararon coas incógnitas que Feijóo lanza periodicamente sobre o seu propio futuro á fronte do PP, tivo respostas varias. Dende desconcerto ata mostras de agarimo e apoio entre simpatizantes e militancia do BNG, que durante as horas e días seguintes sinalaron o liderado de Pontón como indiscutible. Pero tamén quedou no aire unha pregunta. Por que? E por que agora, no momento máis doce electoralmente e plácido internamente da formación soberanista en décadas e unha vez superados os múltiples efectos da crise interna máis profunda da súa historia, a desencadeada tras a dolorosa escisión de Amio (2012)?
A contorna de Pontón afasta o anuncio de calquera escenario de crise. A portavoz nacional pretende aguilloar unha Asemblea que corría o risco de desenvolverse entre a autocelebración e a inercia
Na contorna da portavoz nacional afástase a anunciada reflexión de calquera escenario que apunte a unha crise interna ou a tensións entre sectores da formación ao xeito de épocas pasadas. Ben ao contrario. O que pretende Pontón, reflexionan algunhas fontes próximas á actual dirección do BNG consultadas por Praza.gal, é aguilloar o debate dunha Asemblea Nacional que corría o risco de desenvolverse a medio camiño entre a autocelebración e a inercia. Unha Asemblea sen historia.
Ela mesma, lembran, vén sinalando que o conclave do 7 de novembro ten que supoñer un "cambio de ciclo": iniciar unha nova xeira co obxectivo de alargar a base social e electoral como vía para lograr a presidencia da Xunta. E para iso hai que pechar, daquela, a que iniciou en 2016, asumindo a portavocía nacional nun transo crítico con accións estratéxicas que na altura foron toda unha aposta, resaltan outras fontes, caso de manter as siglas BNG como marca electoral (poñendo así fin a fórmulas como a de Nós-Candidatura Galega).
O movemento si poder ser lido en clave de reivindicación da xeración, do equipo e da estratexia que 'sacou o barco das pedras' tras a peor crise interna da historia do BNG e o impulsou cara ao éxito electoral de 2020
Diversas fontes consultadas coinciden en que a reflexión anunciada por Pontón non ten nada de desafío a dirixentes ou sectores internos que puidesen ser identificados como vella garda. Ela mesma, recordan, é militante da Unión do Povo Galego e mantén unha relación fluída e habitual tanto con cargos actuais como con membros destacados no pasado-. Neste sentido, o propio secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén subliñando nos últimos días que considera a Pontón a "persoa idónea" para continuar á fronte do Bloque.
Si poder ser lida, consideran algunhas voces internas, en clave de reivindicación da xeración, do equipo e da estratexia que sacou o barco das pedras no peor momento interno da historia do BNG. Dende o círculo de colaboración máis estreito coa portavoz nacional ata o núcleo do grupo parlamentario do período 2016-2020. Impulsouno, cren, cara ao recente éxito electoral sen que as mudanzas nas formas ou nas facianas supuxesen renuncias no ideario da formación soberanista.
Xunto con elementos de tipo persoal, a aguilloada de Pontón tamén pretende tensar o músculo militante e simpatizante do BNG e orientándoo cara ao que a actual Executiva le como unha "oportunidade histórica" de chegar a encabezar o Goberno galego
Mais a aguilloada de Pontón tamén pretende que a Asemblea de novembro sirva para tensar o músculo militante e simpatizante, orientándoo cara ao que a actual Executiva le como unha "oportunidade histórica" de poder encabezar o Goberno galego dentro de apenas tres anos, na fin dun ciclo electoral que abrirán as municipais de 2023 e que, previsiblemente, continuará pouco despois coas eleccións xerais, ese mesmo ano. Facelo evidente, razoan, propiciará decisións internas que tamén buscarán aproveitar o tirón electoral de Pontón como cabeza de cartel sen que internamente haxa que temer un modelo excesivamente presidencialista.
Neste sentido, no seo da dirección do BNG véñense observando con especial atención datos demoscópicos -os publicados, caso do estudo postelectoral do CIS, pero tamén outros- que destacan a boa valoración de Pontón como líder política (nalgúns casos, mesmo por diante de Feijóo). Dan especial importancia non só ao apoio e boa consideración entre quen votou ao Bloque, senón tamén ao escaso rexeitamento que suscita entre votantes doutras forzas políticas unha Ana Pontón que tamén ten sobre a mesa, admiten, reflexións en clave máis persoal, ligadas á dedicación que implicaría trazar un horizonte que, de ser exitoso, chegaría cando menos ata o ano 2028.