"Na papeleta vai aparecer a sigla do BNG". O Consello Nacional do Bloque puxo en marcha o pasado sábado o calendario para a elección da candidatura á presidencia da Xunta, que concluirá o 30 de abril, e deixou pechada tamén unha das cuestións que durante o proceso da recente Asemblea Nacional foi sinalada como unha das eivas das pasadas eleccións xerais. Nos vindeiros comicios galegos a formación soberanista non recuperará a marca NÓS-Candidatura galega e apostará polas súas propias siglas, tal e como ratificou este luns a portavoz nacional, Ana Pontón.
Nun encontro coa prensa a líder do Bloque cre "importante" que o Consello Nacional tomase unha decisión que, ao seu xuízo, vai permitir "darlles maior claridade ás persoas á ora de saber o que están votando". Esta determinación, asegura, "non entra en contradición con poder participar con outras forzas ou persoas a nivel individual" que se incorporen ás candidaturas. "Ao lado pode haber outro tipo de siglas ou plataformas que nos acompañen", especifica, pero sempre dende o mantemento dunha marca electoral que, di, representa o "orgullo do traballo destes últimos trinta anos".
Pontón enmarca esta decisión na aposta da asemblea "por reforzar unha alternativa nacionalista" e facelo, asemade, nun complexo contexto electoral -as enquisas máis recentes sitúan o Bloque na contorna dos cinco escanos-. Manter as siglas en lugar preferente permitirá, di, situar en primeiro termo o que, considera, ve claro "unha maioría social" no país: "con todas as imperfeccións, o BNG sempre estivo na defensa dos intereses de Galiza", subliña.
Pontón admite que "moitas persoas" apostan por que encabece a candidatura, unha decisión "que non é para tomar á lixeira"
E, xunto á marca 'BNG' estará Ana Pontón como candidata? "É evidente -admite- que moitas persoas falaron comigo a respecto desa posibilidade", unha decisión que "non é para tomar á lixeira". Neste momento, asegura, atópase "escoitando, valorando todas as opcións", tendo en conta que pode formalizar a súa candidatura ao proceso ata o día 20. Entre os días 21 e 27 producirase o debate e votación ao respecto en asembleas comarcais e o día 30 a candidatura será definitivamente proclamada no Consello Nacional.
A líder do Bloque "confía" en que ningún militante "pida o voto para outra forza política"
De cara a eses comicios Pontón agarda tamén que membros do BNG que ven con bos ollos a convocatoria do vindeiro día 23 en Santiago formulada como busca dun "punto de encontro" entre nacionalistas non rematen "pedindo o voto para outra forza política". "O BNG adoptou democraticamente" a decisión de "fortalecer unha alternativa nacionalista para este país" e por iso "confía" en que toda a militancia e cargos así o fará, resalta.
Así afrontará a formación frontista uns comicios que Pontón non descarta que sexan diantados. "Temos moi claro que o presidente da Xunta pode estar valorando convocar as eleccións", máis aínda ante a posibilidade de repetición das xerais. Os partidos implicados na formación do Goberno de España, coida, "colaboraron máis" nos últimos meses "para que houbese novas eleccións" que para pactar a investidura.