A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, abre un "período de reflexión" para analizar cal será o seu papel na formación nacionalista de cara á XVII asemblea que a organización celebrará o 7 de novembro.
"Abro este proceso de reflexión con toda a normalidade para analizar neste momento cal é a achega que teño que facer", di Pontón
"Abro este proceso de reflexión con toda a normalidade para analizar neste momento cal é a achega que teño que facer", anunciou, en rolda de prensa tras a primeira reunión da executiva nacional para abordar o inicio de curso político.
Pontón considera que este tempo será "necesario e útil para determinar" o seu papel, nun contexto no que sente "moi apoiada por todo o mundo dentro do BNG" e nunha decisión que non ten que ver con que haxa ou non outros candidatos. "Non hai que dar nada por sentado nin na vida nin na política", engadiu, para argumentar que é unha persoa "reflexiva" á que non lle gusta "actuar desde a rutina se non desde a reflexión". Así, sen marcarse "ningunha data", si sinalou que o resolverá "antes" do prazo que fixa a asemblea para a presentación de candidaturas.
Antes de abrir a porta a non repetir como a líder orgánica do BNG, Pontón explicou que a asemblea do 7 de novembro vai darse "nunhas circunstancias moi diferentes das dúas últimas", en febreiro de 2016 e marzo de 2017. "Termínase un ciclo político do BNG", relatou, en referencia ao período de 2016 a hoxe, "da resistencia, á consolidación e finalizando co despegamento".
Pontón remarcou que "hoxe" o Bloque é "o máis forte da súa historia", unha organización "que crece", con presenza municipal, gobernos "que son referencia" e unha organización "que incrementou o seu apoio social e electoral" como "resultado dun traballo intenso". Nesta liña, agradeceu o "compromiso imprescindible" de militancia e simpatizantes e reivindicou unha "liña política que conseguiu conectar" e situar aos nacionalistas "como alternativa de goberno".
Foi neste punto no que apuntou que "ningunha organización nin ninguén a nivel persoal pode caer na autocompracencia", sinalando actuais "retos" como "seguir ensanchando" a base social da formación e incrementar o peso dos seus votantes nas próximas eleccións.
"Son unha persoa que cre que na vida non hai que dar nada por feito, que os logros hai que conquistalos cada día. Hai que pensar as decisións e actuar con valentía, sopesando os pros e contras e pensando con rigor, seriedade e despois traballar sen ningún desalento, con todo o ánimo e toda a forza", expuxo.
Así, lembrou como hai cinco anos pasou por un momento que lle quitou "moitas horas de sono" antes de aceptar ser portavoz nacional, unha decisión da que non se arrepentiu, dixo, "nin un só día".