"Que unha militante da UPG sexa por primeira vez portavoz nacional do BNG é un síntoma de normalidade"

Néstor Rego, secretario xeral da UPG Dominio Público UPG

Néstor Rego (O Vicedo, 1962) vén de renovar o cargo de secretario xeral da Unión do Povo Galego no seu décimo cuarto congreso, celebrado hai poucos días en Pontevedra e centrado na "actualización de análises e propostas" do partido, pero tamén sobre o futuro do BNG e a respecto da "refundación" que a formación frontista, na que a UPG se integra, puxo en marcha na súa última Asemblea Nacional. Rego admite a necesidade de mudanzas no seo do Bloque sobre "aspectos que ninguén cuestiona: a necesidade dunha organización que parta de que Galiza é unha nación e traballe polo dereito de autodeterminación". Ás portas de dous novos procesos electorais, Rego non dubida de que, ante a "oportunidade" de cambio político na Xunta, "o BNG estará aí".

Celebraron o seu congreso entre dous procesos electorais. En que medida condiciona o contexto electoral os seus debates?
De feito, correspondía celebrar o congreso en xuño de 2015 e non foi posíbel porque nese ano houbo dous procesos electorais continuados, de xeito que se trasladou e, infelizmente, volveu coincidir con outro. É claro que iso condiciona os debates, mais nós queríamos facer unha reflexión máis xeral sobre a necesidade do nacionalismo neste momento, sobre a necesidade da existencia de organizacións políticas que manteñan unha actuación como forzas políticas propias e tamén sobre o pluralismo. Eses foron os eixos do debate, para alén de actualizar análises e propostas.

Hai un debate recorrente no BNG sobre se é procedente continuar co modelo frontista ou ir a outro, de partido máis ao uso, sen organizacións no seu seo. Como o analizan neste momento, nun contexto de grandes mudanzas en poucos anos?

"Converter o BNG nun partido tradicional limitaría a posibilidade incorporacións, precisamos fórmulas acolledoras"

O pluralismo é unha gran virtude do nacionalismo. Porque significa que persoas e colectivos con diferentes posicións ideolóxicas somos quen de pornos de acordo para traballar conxuntamente pola soberanía de Galiza. Nós entendemos que é necesario non só manter, senón acrecentar o pluralismo político. Non sobra ninguén no BNG, ao contrario, o ideal é que se incorporen máis persoas e colectivos. E para iso precisamos fórmulas acolledoras, coas que todo o mundo poida traballar sen renunciar ao seu xeito de pensar. O BNG non é unha forza ao uso e converterse nun partido tradicional limitaría esa posibilidade de incorporación. Esa é a nosa opinión nos debates que hai en marcha, defenderémola democraticamente co máximo respecto a calquera outra e, coma sempre, será a militancia a que decida co seu voto.

Este mesmo congreso serviu tamén para fixar o roteiro da UPG na “refundación” aprobada polo BNG na súa última Asemblea Nacional?
Debatemos sobre moitos aspectos, pero non quixemos tirar conclusión sobre a refundación do BNG, porque é a militancia a que ten que debater, faga parte ou non de partidos, e mesmo persoas que non son militantes. É evidente que hai aspectos nos que nós temos posicións, como as que acabo de expresar sobre unha fórmula que xunte pluralismo e unidade de acción, ou sobre a necesidade de que a autoorganización sexa a base do nacionalismo. Tamén no plano electoral, porque non fai sentido que ese principio se tome vacacións. Hai a necesidade de poñer os intereses de Galiza por diante de calquera outro.

Identificaron tamén os erros do BNG, incluindo o eido electoral? Vimos dunhas xerais nas que o Bloque non obtivo representación e dunha Asemblea Nacional na que tamén reflexionaron ao respecto...

"Hai moitos elementos que deben mudar, tanto nas análises como no xeito de intervir socialmente e nas institucións"

Fixemos unha análise autocrítica co ánimo de fortalecer o nacionalismo e de reconectar coa base social que sempre viu a necesidade do proxecto nacionalista. Entendemos que hai moitos elementos que deben mudar tanto nas análises como coas propostas de carácter táctico e co xeito de intervir socialmente e nas institucións. Igualmente, co xeito de emitir o discurso, que poida ser máis pedagóxico. E tamén para camiñarmos cara a unha organización máis áxil.

Nas teses da Asemblea fixábanse especialmente na mocidade e na necesidade de reconectaren con ela ao xeito do que sucedía, por exemplo, nos anos 90, cando o Bloque era visto por unha boa parte da mocidade de esquerda como referencia de forza alternativa. Que vías ven para reconectar sectores agora máis próximos a forzas como Podemos ou a movementos como o 15-M?
Nese debate estamos, e eu agardo que achemos as fórmulas. É claro que ao lado da nosa propia actuación, que é na que nos temos que centrar, hai unha realidade externa que é diferente. É moi evidente que nos últimos procesos electorais incidiu unha dinámica estatal que privilexiou o chamado voto útil coa expectativa de que podería haber un cambio electoral. E identificou determinadas forzas como as que podían representar mellor ese cambio. Iso era así hai seis meses, pero hoxe moita xente xa non ten esa percepción, porque comprobou que as forzas que tiñan como obxectivo quitar o PP do goberno e representar a voz de Galiza, non fixeron nin unha cousa, nin outra. Este tipo de cuestións tamén son pedagóxicas e actúan sobre o electorado.

"Houbo forzas que tiñan como obxectivo quitar o PP do goberno e representar a voz de Galiza, pero non fixeron nin unha cousa nin a outra"

Nós somos conscientes de que a mocidade foi a que, dun xeito máis claro, foi a que entrou nesa dinámica. Podemos facer moitas cousas, pero a esencial é manter unha posición moi clara de defensa do país, dos sectores máis agredidos pola crise e de alternativas aos principais problemas sociais, vinculándoos sempre coa soberanía nacional. E sendo moito máis activos e pedagóxicos no xeito de chegar á sociedade en xeral e, concretamente, á mocidade e á mocidade urbana.

Falabamos antes de debates recorrentes. Un clixé recorrente sobre a UPG é a súa capacidade de control, de ser núcleo do BNG. Canto hai de certo nisto?

"Hai poucas organizacións cun funcionamento máis democrático que o BNG"

[Ri] Efectivamente, é un clixé e ten moito de mito. O BNG é unha organización de afiliación individual que funciona de xeito democrático, sobre o principio de “unha persoa, un voto”. As organizacións políticas non teñen, estatutariamente, ningún papel agás un representante de cen no Consello Nacional. E xustamente por recoñecer o pluralismo interno. Polo tanto, sendo así, nós aceptamos que cadaquén empregue os argumentos que considere oportunos, pero hai poucas organizacións cun funcionamento máis democrático que o BNG. Eu só quero lembrar que hai menos dun ano unha entidade de ámbito estatal sobre o funcionamento das forzas políticas e de catorce situaba o BNG como o primeiro en calidade democrática e era unha das dúas que aprobaban. Sempre se pode mellorar, e nós estamos en disposición de debater cales son os mecanismos para perfeccionar ese funcionamento.

Que muda, se é que muda algo nese sentido, que por primeira vez unha militante da UPG ostente a portavocía nacional? Ese foi un dos titulares da Asemblea…
Non muda nada, en todo caso é un síntoma de normalidade. Non deixa de ser curioso que ese clixé do que antes falabamos contraste co feito de que en máis de trinta anos sexa agora, por primeira vez, que hai unha persoa militante da UPG á fronte da portavocía nacional. É un síntoma de que no BNG se mira que persoas son máis axeitadas para exercer esa función con independencia de onde militen. Creo que neste momento acertamos nesa escolla, porque Ana Pontón é unha persoa nova, con moita capacidade de empatizar e chegar á sociedade e, ao tempo, é unha persoa con experiencia e criterio político. E por iso, con moito futuro.

Ese panorama electoral galego pode semellar afastado ao estaren as novas xerais polo medio, pero o certo é que restan menos de seis meses. Cal cre que debera ser a actitude do BNG cara a posibles pactos nun escenario como o que debuxan algunhas enquisas, sen maioría absoluta, cunha forte presenza das mareas e tamén co PSdeG e o BNG ?

"Se hai unha opción de quitar o PP do Goberno e de construír unha alternativa con novas políticas, o BNG estará aí, é esencial nese proxecto de mudanza"

A actitude do BNG é clara e coñecida. Sempre que o BNG tivo opción de construír alternativas ao PP, fíxoo. Somos a forza que nese sentido temos actuado con máis coherencia, tanto no ámbito galego como no municipal e tamén no estatal. Eu quero lembrar que nalgún momento a representación do BNG en Madrid foi determinante para quitar o PP do Goberno, a primeira vez que Mariano Rajoy se presentou como candidato. Infelizmente, non se pode dicir o mesmo doutros. Só hai que recordar que nós votamos a favor dos gobernos das mareas tanto en Santiago como na Coruña, onde o noso voto non era necesario, ou en Ferrol, onde si o era, e non recollemos a mesma actitude por parte da Marea de Pontevedra, que ten un acordo permanente con PP, PSOE e Ciudadanos para bloquear todas as iniciativas do goberno do BNG. Ademais, nunha cidade que é referencia a nivel internacional. Se hai unha opción de quitar o PP do Goberno e de construír unha alternativa que non supoña só alternancia, senón tamén novas políticas, o BNG vai estar aí. E entendemos, ademais, que o Bloque é esencial nese proxecto de mudanza que precisa o noso país.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.