O BNG resiste e mantén o seu grupo parlamentario

Ana Pontón valora os resultados © BNG

O Bloque resiste. Logo dos apenas 45.000 votos da última convocatoria das eleccións xerais en xuño e das enquisas que durante a campaña non lle agoiraban nin tan sequera grupo parlamentario, o BNG chimpou do seu chan electoral. Obtivo seis escanos e situouse como cuarta forza logo de perder mesmo esa posición a favor de Ciudadanos nos comicios estatais. Caeu, iso si, en case dous puntos con respecto ás autonómicas de 2012, logo de manter a súa representación en todas as provincias agás en Ourense, onde perdeu un deputado ante a irrupción de En Marea. 

O BNG supera o chan electoral das últimas xerais, contradí as enquisas e mantén o seu grupo parlamentario

Perdeu algo menos de 30.000 votos desde hai catro anos, pero no seo do BNG dábase por bo ter un escano por provincia vistas as últimas convocatorias. Parece evidente que a campaña reforzou as súas posicións malia o retroceso. Acadou o seu obxectivo mínimo malia o lamento, na esquerda en xeral, tras a esmagadora vitoria de Nuñez Feijóo. Pero o punto de partida non era o mesmo que en 2012 logo da irrupción de novas forzas e da fortaleza das diferentes confluencias. O "efecto Pontón", tal e como advertira a fronte nacionalista, funcionou. "Dábannos por mortos e enterrados", recoñeceu na Radio Galega o secretario de Organización, Bieito Lobeira, a medida que se confirmaba o escrutinio.  

O diferente comportamento electoral nas autonómicas con respecto ás xerais e o deducible trasvase de votos entre En Marea e o BNG marcan o resultado da formación nacionalista. A confluencia de esquerdas baixa con respecto ao 26X nuns 80.000 votos, mentres que o Bloque sobe en case uns 80.000. Un espazo á esquerda do PSOE, o de ambos, que se move case sen apenas variacións no 25% do electorado.

 

"Remontamos as enquisas"

"Conseguimos remontar as enquisas e xerar unha ilusión ao nos redor; acadamos un resultado que non era o prognosticado", asegurou a candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, na súa comparecencia, na que recoñeceu que estes resultados "non eran os esperados" porque traballaron "para que non se producise unha vitoria do PP e para que houbese un cambio político en clave galega". 

"Conseguimos remontar as enquisas; acadamos un resultado que non era o prognosticado", di Pontón

Con todo, Pontón animou a evitar a "desesperanza" e "non tirar a toalla" e apostou por manter co BNG "unha voz firme no Parlamento, clara e contundente na defensa dos intereses sociais e nacionais do pobo". Ademais, a candidata nacionalista apuntou a esta recuperación electoral como "o sostén para construír o futuro". "O camiño está iniciado", insistiu quen cre que os resultados son "o punto de inflexións respecto das perspectivas electorais". "Dánnos alento", rematou, tras recoñecer tamén que o debate electoral na CRTVG foi tamén "un punto de inflexión" na campaña ao permirtirlles "explicarlles aos galegos, sen filtros, a alternativa do BNG". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.