A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, explicou a finais do pasado agosto que se dispuña afrontar un período de "reflexión" persoal a respecto do seu papel no liderado da formación soberanista. Despois dunhas eleccións galegas nas que o Bloque pasou de 6 a 19 escanos e de ser o grupo parlamentario menos numeroso a liderar a oposición, Pontón e o seu equipo procuraron aguilloar o a organización para que a Asemblea Nacional do vindeiro novembro -adiada pola COVID- fuxa da inercia ou a autocelebración e fixe como obxectivo estratéxico "encabezar" o Goberno galego tras as eleccións previstas para 2024.
O Consello Nacional do Bloque ratificou a data da asemblea, o 7 de novembro na Coruña, e aprobou as teses organizativas e políticas que agora debaterá a súa militancia
Esa foi a clave na que Pontón interveu este 25 de setembro ante o Consello Nacional do BNG, máximo órgano decisión entre procesos asembleares. Na súa primeira reunión do outono, o Consello do Bloque fixou oficialmente a data da Asemblea Nacional -será o 7 de novembro na Coruña- e deu o seu visto e prace ás teses organizativas e políticas que "agora serán debatidas pola militancia en todas as comarcas". No seu discurso ante o Consello, Pontón marcou os que, ao seu xuízo, son os "retos" que debe encarar a formación na propia Asemblea e tras ela, encabezados por "ampliar a base social" para lograr "presidir a Xunta".
Co seu propio proceso de "reflexión" aínda aberto, Pontón explica que o seu chamado é a "non caer no conformismo ou na rutina". Ben ao contrario, sinalou, a cita do 7N debe ser a conclusón "dun ciclo político" e "abrir un novo, marcado polo reto histórico de liderar o Goberno de Galiza". E para iso, advertiu, cómpre "disputarlle a hexemonía ao PP".
Pontón resalta que a "envergadura" do obxectivo de chegar a presidir o Goberno galego é o que "motivou" o seu "proceso de reflexión" e mantén que o Bloque debe propoñerse "disputarlle a hexemonía ao PP"
Defende Pontón que este é un obxectivo que se apoia "no traballo intenso" e "na liña política que conseguiu conectar con milleiros" de persoas nos comicios de 2020 "sen renunciar a ningún dos nosos principios". Agora, alentou, o BNG ten que "fortalecerse" como organización para que os avances non teñan "pés de barro" e asumir que "por primeira vez na historia, temos a posibilidade real de encabezar o Goberno". "Iso -advertiu- require que sexamos quen de estar á altura do que a sociedade espera de nós".
A "envergadura" dese obxectivo, sinala Pontón, foi o que "motivou" o seu proceso de reflexión. "O responsable é valorar todas as opcións e, en función do que valore como mellor para Galiza e para o BNG, tomarei decisións", sinalou. Di ter claro, en calquera caso, que a posibilidade de chegar ao Goberno pasar por "seguir a ser a voz da cidadanía indignada coa estafa da luz, en defensa da sanidade pública, a prol dun novo modelo de residencias" ou "na defensa de que a riqueza do país se use a favor das familias e da clase traballadora".
A líder nacionalista cita "exemplos" como a prórroga de Ence -anulada pola Audiencia Nacional e á espera dos recursos ante o Supremo-, as actuacións das compañías eléctricas ou, máis recentemente, o cuestionamento da prórroga da concesión da AP-9 para afirmar que, "tras doce anos de gobernos en contra de Galiza, urxe un goberno a favor". "E só será posible -mantén- baixo o liderado do BNG, pero non de forzas estatais supeditadas a Madrid e aos intereses dos seus poderes económicos".