As tres formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia situaron neste 2021 os procesos congresuais e asembleares que tiveran que adiar a causa da pandemia. O PP celebrou en xullo o congreso no que reelixiu a Feijóo e está actualmente inmerso nos seus congresos provinciais, o BNG ultima a súa Asemblea Nacional para o 7 de novembro e o PSdeG desenvolverá o seu congreso nacional contra finais de ano, despois do congreso federal de mediados de outubro.
Na fin de semana que vén de rematar, os populares culminaron dous dos catro congresos provinciais, os de Pontevedra e Lugo -os da Coruña e Ourense celébranse a vindeira semana-. Ambos encontros reelixiron en cadansúas presidencias provinciais a quen xa ocupaban os postos -Alfonso Rueda e Elena Candia, respectivamente- e ambos foron clausurados por Alberto Núñez Feijóo. O presidente do PPdeG e da Xunta aproveitou as súas intervencións para lanzar mensaxes en clave interna, pero tamén para cargar contra BNG e PSdeG, entre outros aspectos, por celebraren os seus procesos internos.
Tras varias semanas acusando a ambas forzas -especialmente ao Bloque- de pensaren en cuestións internas e non no país, Feijóo asegurou que os congresos do PP non son equiparables aos do resto de forzas. Fíxoo especial énfase na cuestión na conclusión do conclave pontevedrés.
Nas clausuras dos conclaves do PP de Lugo e Pontevedra, o presidente da Xunta e dos populares en Galicia defendeu que os seus congresos non son equiparables aos do resto de forzas, porque "son útiles e se centran nas ideas", mentres que BNG e PSdeG se reúnen para "despedazarse e poñerse zancadillas"
Segundo o titular da Xunta, "os congresos do PP son útiles porque se centran nas ideas", mentres que "nos do PSOE e BNG só falan de liortas internas, de familias e de persoas" para "despedazarse e poñerse zancadillas", dixo o sábado en Pontevedra. A Asemblea Nacional do Bloque, "máis que unha reflexión, é ver quen manda máis ou menos no partido", asegurou o domingo en Outeiro de Rei, onde os populares lucenses organizaron o seu congreso.
Alén destas críticas, as mensaxes de Feijóo en ambos congresos tiveron un ton netamente electoralista. "O camiño cara ás eleccións empeza hoxe", asegurou en referencia ás municipais de 2023. Como xa fixera no mandato pasado, o líder dos populares marca aos seus dirixentes territoriais o reto de tentaren volver gobernar tanto na Deputación pontevedresa -que perderon en 2015- como na lucense -que, tras perdela en 2007, só dirixiron durante uns meses en 2015 grazas ao voto de Manuel Martínez, na altura alcalde díscolo de Becerreá polo PSdeG-. Para iso, alentou o "cambio" en diversos concellos gobernados pola esquerda nos últimos mandatos.
Á marxe das municipais de dentro de ano e medio, Feijóo tamén aproveitou a súa intervención en Outeiro de Rei para reiterar as súas críticas contra Pedro Sánchez a respecto da vacinación contra a COVID-19. Tras meses asegurando que o Executivo de PSOE e UP estaba a discriminar a Galicia no fornecemento das vacinas -os datos de distribución non se correspondían con esta afirmación-, o líder dos populares mantén agora que nalgunhas comunidades autónomas hai "vacinas xa caducadas ou a punto de facelo" por culpa da xestión de Sánchez, o cal "é impresentable", dixo, ademais de reclamar o que o PP denomina "unha lei de pandemias".