O PSdeG súmase no outono á xeira de congresos internos que iniciará o PP galego o 16 de xullo e o BNG o 7 de novembro

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez no comité federal do PSOE deste sábado 3 de xullo © PSdeG

O Comité Federal do PSOE aproba que o conclave se celebre despois do congreso estatal do 15 de outubro e antes do 19 de decembro

Un ano despois das eleccións galegas do pasado 12 de xullo, as tres formacións con representación parlamentaria xa teñen datas para os congresos internos nos que renovarán os seus órganos de dirección. Aínda que de forma aproximada, no outono, o PSdeG vén de sumarse agora á xeira que iniciará o PP dentro de dúas semanas, o 16 de xullo, e na que tamén o BNG xa fixara data para a súa asemblea nacional, o 7 de novembro

Foi o comité federal do PSOE, reunido este sábado en Madrid e presidido por Pedro Sánchez, o que fixou a folla de ruta. O congreso federal dos socialistas no que Sánchez será reelixido celebrarase o 15 de outubro de Valencia, así que será entre ese momento e o 19 de decembro, o domingo anterior ao Nadal, cando se deban celebrar os congresos autonómicos. 

Pedro Sánchez no comité federal do PSOE deste sábado © PSOE

“É o momento da unidade e da lealdade de todo o partido ante os retos da reactivación”, di Caballero

O PSdeG chega ao seu congreso tras ser superado polo BNG nas eleccións de hai un ano, tras as que Caballero amosou a súa intención de completar o seu mandato no partido e no Parlamento. Este sábado o secretario xeral dos socialistas galegos salientou que desde que chegou a ese cargo “avanzamos en apoio en todas as eleccións” con resultados “históricos” como o de “vencer por primeira vez ao PPdeG nas urnas”, en referencia ás xerais de 2019.

“Agora necesitamos construír un novo tempo político para apostar por un futuro de progreso, ilusión e esperanza baixo as siglas do PSdeG”, engadiu, ao tempo que insistiu na súa mensaxe das últimas semanas de que “é o momento da unidade e da lealdade de todo o partido ante os retos da reactivación”.

Caballero salientou que “os e as socialistas galegos temos un proxecto galeguista e federalista, de esquerdas, feminista e ecoloxista” que ten na xuventude “unha prioridade” coa vista posta no futuro da nosa terra. Un proxecto que situou fronte a PP de BNG salientando por exemplo que “Feijóo dicía que non habería vacinas ata o segundo trimestre deste ano e o nacionalismo galego receitaba vacinas rusas, chinas ou cubanas, pero o goberno de España apostou pola ciencia e hoxe o 60% dos galegos e das galegas temos cando menos unha dose da vacina”.

Caballero e outras representantes galegas no comité federal deste sábado en Madrid © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.