Caballero quere dar "nitidez" ao "perfil galeguista" do PSdeG e prevé completar os mandatos no partido e no Parlamento

Executiva do PSdeG nunha imaxe de arquivo © PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, cuxo cargo ten que renovarse o próximo ano, anuncia unha rolda de visita ás agrupacións socialistas para abordar “en primeira persoa os retos de futuro coa militancia”

A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG analizou este xoves pola tarde comicios do pasado domingo, nos que os socialistas pasaron a ser a terceira forza tras PP e BNG cun estancamento nos seus resultados electorais a respecto de hai catro anos, con 1,5 puntos máis de porcentaxe de voto pero menos votos totais e cun escano máis que poderían perder co reconto a próxima semana do voto emigrante. 

O seu candidato e secretario xeral, Gonzalo Caballero, amosou a súa disposición a continuar no cargo abrindo un proceso de consulta coa militancia e recoñecendo a necesidade de “trasladar o noso perfil galeguista con maior nitidez e claridade”.

Caballero este xoves tras a reunión da súa executiva © PSdeG

Caballero realizará "unha rolda de visitas ás agrupacións” e potenciará o denominado laboratorio de ideas

O PSdeG ten que celebrar un novo congreso no que renovar a súa secretaría xeral o próximo ano, e este xoves o propio Caballero asegurou que cumprirá coa súa responsabilidade tanto á fronte do partido como no Parlamento. No primeiro posto, o socialista avanzou este xoves que a súa executiva “acordou unha folla de ruta para abrir o partido á sociedade e rexenerar o proxecto e as ideas”. Segundo dixo, abordará “en primeira persoa os retos de futuro coa militancia a través dunha rolda de visitas ás agrupacións” e potenciará o denominado laboratorio de ideas do PSdeG.

Caballero tamén salientou a necesidade de “trasladar o noso perfil galeguista con maior nitidez e claridade para amosar o noso compromiso con Galicia e conectar co electorado moderado”. Unha serie de actuacións coas que o líder socialista di querer “dar forza ao partido en momentos de dificultade”.

Ese fortalecemento do partido a nivel interno fronte ás divisións de anteriores etapas foi a prioridade de Caballero cando chegou á secretaría xeral hai tres anos e non se incorporou ao Parlamento ata hai agora un ano. Nesta primeira semana tras as eleccións as críticas polos resultados non acadaron o balbordo de anteriores comicios e agora a formación parece encamiñarse a un período de reflexión máis tranquilo que os que sucederon ás eleccións de 2009, 2012 e 2016.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.