O secretario xeral do PSdeG promete o escano a un ano das autonómicas para confrontar a súa proposta de “cambio” co presidente cando compareza na Cámara pero deixando a Leiceaga a portavocía habitual
Con Feijóo e o vicepresidente, Alfonso Rueda, ausentes do hemiciclo, no que entraron xusto despois, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu este mércores o seu escano de deputado no Parlamento de Galicia, no que di entrar agora, a un ano das eleccións autonómicas, para confrontar a súa proposta de “cambio” político coa “imaxe de poder coa que Feijóo intenta enganar á cidadanía”. Despois de que en 2012 os populares considerasen un agravio que Feijóo fose investido na Cámara para o seu segundo mandato sen recibir a felicitación dos portavoces da oposición, este mércores Caballero, líder da oposición, tomou posesión do escano co aplauso protocolario de todo o hemiciclo, tamén dos populares, coa excepción de Feijóo e Rueda, ausentes.
O líder socialista critica que "os problemas de Galicia non levan subidos 25 anos a un coche oficial como Feijóo"
Previamente Caballero, en declaracións aos medios de comunicación, verbalizara a súa intención de desmontar esa “imaxe de poder” coa que ao seu ver Feijóo intenta ocultar a súa xestión da última década, “uns problemas que non levan subidos 25 anos a un coche oficial como el”. Fronte ao PP, o socialista ofrece “cambio en positivo” e avanza que fará da sanidade, o emprego e a economía as súas prioridades de traballo para intentar acadar a presidencia da Xunta. Porén, non será no Parlamento onde centre os seus esforzos, xa que asegura que manterá o seu despacho na sede do PSdeG na rúa do Pino como centro de traballo e a súa intención de seguir mantendo actos e reunións por toda Galicia, a súa prioridade desde que chegou hai xa case dous anos ao liderado dos socialistas galegos.
No Parlamento a portavocía socialista no día a día seguirá a estar nas mans de Xoaquín Fernández Leiceaga mentres que Caballero só intervirá nas ocasións en que poida confrontar directamente con Feijóo, sexa nas preguntas quincenais de control ao presidente ou nos principais plenos de aprobación dos Orzamentos ou do debate de política xeral.
Este mércores, a toma de posesión de Caballero estivo arroupada desde a tribuna de invitados por numerosos cargos socialistas de toda Galicia.