Gonzalo Caballero leva pouco máis de ano e medio á fronte da secretaría xeral do PSdeG, á que chegou tras gañar unhas primarias do partido inevitablemente ligadas ao triunfo interno que poucos meses antes lograra Pedro Sánchez, a quen apoiara abertamente. Vinte meses despois de chegar ao cargo case nada está onde estaba naquel escenario político. A moción de censura da que Sánchez saíu triunfante tras a primeira gran sentenza do caso Gürtel desencadeou unha serie de mudanzas que, no caso do PSdeG, teñen como nota máis rechamante o que o dirixente socialista sinala como "histórico": lograron ser primeira forza en Galicia por primeira vez nas xerais, repetiron esta condición nas europeas e quedaron a moi poucos votos de facelo tamén nas municipais. Para Caballero, isto non foi un feito illado nin responde unicamente á favorable dinámica estatal, senón que é o sinal máis evidente dun "cambio de ciclo" que, augura, culminará en 2020 "sacando democraticamente a Feijóo da Xunta".
Veñen de superar o PP galego nas xerais e nas europeas e de quedar a apenas un punto nas municipais. Foi o efecto Pedro Sánchez ou responde tamén á dinámica galega?
"O 55% dos votos foron ás forzas progresistas lideradas polo PSdeG; isto marca un novo tempo político, o estereotipo da Galicia de dereitas pasou á historia"
Nas eleccións xerais, por primeira vez na historia da autonomía galega, os socialistas fomos a primeira forza política do país. O PP recibiu un pau sen precedentes nestas tres convocatorias; Feijóo contemplou como a dereita galega afundía aos seus mínimos históricos e tentou presentar as municipais como unha segunda volta para recuperarse das xerais. Pero cando viron os resultados, volveron ser conscientes do cambio de ciclo: O PSdeG volve ter medio millón de votos, gaña con claridade as eleccións europeas en Galicia e ten un empate técnico co PP nas municipais, que ademais permite plasmar gobernos de progreso nas principais cidades e deputacións do país. Todo isto coincide, sen dúbida, cunha revitalización do PSOE en España, pero estamos satisfeitos tamén porque, de forma distintiva, os socialistas galegos melloramos esa vaga favorable; por exemplo, nas xerais, o PSOE obtivo o 28% dos votos en España e o PSdeG, o 32% en Galicia. Non só é importante que o PSOE sexa a primeira forza en Galicia, senón que ademais hai unha maioría social progresista fronte ao bloque das dereitas. É algo co que Feijóo tentou enganar, dicindo que a división das dereitas lle quitou ao PP o liderado en Galicia, pero o certo é que o 55% dos votos nas xerais foron ás forzas progresistas lideradas polo PSdeG. Isto marca un novo tempo político, a maioría social de Galicia está na esquerda, o estereotipo da Galicia de dereitas pasou á historia e o PP sabe que despois de dez anos de Feijóo na Xunta, o seu ciclo político remata.
Disponse, agora si, a entrar no Parlamento. Como tentará facer ver ese cambio de ciclo? Feijóo tivo, practicamente, vinte interlocutores na oposición nestes dez anos…
"Vou asumir a presidencia do Grupo Parlamentario Socialista, pero dedicarei todos os meus esforzos a seguir revitalizando o socialismo galego para tecer unha maioría progresista nas urnas"
Eu levo vinte meses como secretario xeral do PSdeG e dende o primeiro momento trasladei que ía manter, nunha primeira fase, a miña actividade docente na universidade e, pasado ese tempo, asumiría as responsabilidades institucionais que me correspondesen. Na medida en que un deputado como Abel Losada vai entrar no Concello de Vigo, correrá a lista, corresponderame ser deputado autonómico e asumirei esa responsabilidade con satisfacción. Pero creo que o roteiro que establecín para o PSdeG estaba ben perfilado, está levándonos a unha posición máis forte ca nunca e debemos mantela. Isto implica asumir a presidencia do Grupo Parlamentario Socialista, pero dedicar todos os meus esforzos a seguir revitalizando o socialismo galego como principal elemento de mobilización do electorado progresista e coa construción dunha maioría social para tecer unha maioría progresista capaz de acadar a maioría nas urnas.
Di o PP que vostede adiou esa entrada por temor a un enfrontamento dialéctico directo con Feijóo…
Eu levo debatendo e argumentando toda a miña vida política dentro do partido e tamén fóra do partido. Calquera que me coñeza sabe que debater ou confrontar para min non é dificultade ou límite. E o certo é que a estratexia que establecemos nos está a dar resultado e mentres, o PP ten que buscar escusas ao seu profundo problema político.
En Galicia pechouse un ciclo electoral pero xa se abre outro de maneira practicamente inmediata. Noutras épocas apuntouse a unha escasa axuda, por así dicilo, da dirección federal do PSOE cara ao PSdeG para tentar derrotar o PP en Galicia. Contará vostede con esa axuda?
A sintonía do PSdeG co PSOE e da dirección galega coa federal é plena. Tamén a miña relación co secretario xeral dende o momento en que se celebraron as primarias federais foi intensa e a colaboración ten todas as dimensións necesarias para traballar por un novo ciclo político en Galicia. Non teño ningunha dúbida de que todos os socialistas de España van poñer o que teñan que pór para que o PP deixe de gobernar Galicia e que Feijóo se atope coa realidade do país no que vive fronte á realidade do coche oficial no que leva demasiados anos.
"Todos os socialistas de España van poñer o que teñan que pór para que o PP deixe de gobernar Galicia"
Conta tamén co impulso do Goberno de España? O proxecto de Orzamentos Xerais que non chegou a aprobarse implicaba unha baixada de investimento en Galicia e hai tamén outras materias pendentes como é o caso de Alcoa…
Todas as falacias da dereita e todos os intereses por terxiversar a importancia dos temas que lles preocupan aos galegos fracasaron cando se abriron as urnas das eleccións xerais. A maioría da cidadanía galega apostou con claridade polo Goberno socialista de Pedro Sánchez. Dende o minuto en que Pedro Sánchez me trasladou a posibilidade de presentar unha moción de censura hai máis dun ano traballamos con total lealdade para impulsar o goberno socialista en España. Durante un tempo algúns criticábannos dicindo que ese acordo con Pedro Sánchez levaría o PSdeG á desaparición. O tempo dirá quen levaba razón, pero é evidente que agora nós somos a primeira forza política de Galicia e Feijóo se atopa en derrube.
Un dos éxitos do PSdeG nestas municipais foi nas cidades da provincia da Coruña, que ata agora gobernaban as mareas. Cre que recuperaron voto prestado a estas formacións ou pesaron máis os factores locais?
Eu quero respectar o resultado electoral e o que me importa é que nas tres cidades da provincia da Coruña hai unha maioría social de progreso na que o PSdeG é a primeira forza progresista e se abre un tempo de futuro marcado polo Partido Socialista. Igual que en Ourense, en Lugo ou en Vigo.
En Ourense hai un diálogo a múltiples bandas. A Deputación depende de Ciudadanos ou de Democracia Ourensana e a lóxica dos pactos non é a mesma que noutras cidades… Como o valora?
"Ofrecemos un pacto de rexeneración política en Ourense para poñer fin ao caciquismo dos Baltar, o que Feijóo comprometeu cando chegou á Xunta e non foi capaz"
En primeiro lugar hai que poñer en valor o magnífico resultado do Partido Socialista tanto na cidade como na provincia. Despois de catro anos, na única cidade na que gobernou, os cidadáns castigaron ao PP e converteron o PSdeG en primeira forza política. Hai unha mensaxe clara de que lle corresponde ao PSOE ter a alcaldía e para iso traballaremos. A maiores hai un cambio histórico na provincia e unha fiestra aberta a un cambio político. Nós ofrecemos un pacto de rexeneración política en Ourense, onde o nepotismo e o caciquismo foron nota distintiva nas décadas en que os Baltar estiveron á fronte. O propio Feijóo tentou liquidar o modelo de Baltar cando chegou á presidencia da Xunta, pero o Baltar maior conseguiu, a través de fondos públicos, nesgar os compromisarios do congreso do PP para manter o poder familiar na Deputación, aínda que iso lle supuxese a el unha inmolación política pola sentenza de actividades ilegais e corrupción coa que foi condenado. Ese modelo derivou nunha prórroga co actual presidente e cremos que para a Galicia do futuro sería moi conveniente poñerlle fin. Por iso facemos esa oferta de pacto pola rexeneración a todas as forzas políticas con representación, incluíndo ao PP e a Feijóo, para facer aquilo que se comprometeu a facer cando chegou á Xunta e non foi capaz.
Onde si hai maioría de esquerdas é na Deputación de Lugo e neste caso, con dous aspirantes do PSdeG á presidencia. Intervirá a dirección galega do partido para orientar esa elección?
En Lugo as forzas progresistas teñen unha maioría na Deputación liderada con claridade polo PSdeG e o partido ten todos os mecanismos para decidir quen son os compañeiros óptimos para calquera función. Estou convencido de que o conxunto da organización, co papel que lle corresponde á dirección galega e á dirección federal, pensará na mellor opción de futuro para o partido e sobre todo, para ter progreso na Deputación e na provincia.
"En Lugo o conxunto da organización pensará na mellor opción para ter progreso na Deputación; na actividade política non pode primar ningún interese persoal por ocupar cargos"
Desbota, daquela, un foco de conflito?
Na actividade política non pode primar ningún interese persoal nin por ocupar cargos. Podo dicilo con tranquilidade, porque levo vinte meses como máximo representante do socialismo galego e manteño a miña tarefa na Universidade de Vigo. Se eu asumo que o importante é que cadaquén estea onde ten que estar en función do interese colectivo, no caso de Lugo a organización terá que reflexionar sobre cal é a mellor aliñación posible para encarar un novo tempo e todos deberemos entender que iso corresponde aos órganos establecidos para facelo.
Vostede subliña que, agora mesmo, en Galicia hai unha maioría de esquerdas. Unha extrapolación dos resultados das eleccións xerais, europeas e municipais indica tamén a posibilidade dunha maioría de esquerdas no Parlamento de Galicia. Que leccións cre que pode tirar da anterior experiencia de maioría de esquerda en Galicia, hai xa dez anos?
"Feijóo é un rei espido e ninguén llo estaba dicindo ata que abrimos unha nova etapa no PSdeG; as roupas que amosaba eran froito da publicidade manexada dende a Xunta"
Estamos nun novo tempo político, porque por primeira vez o PP perdeu o liderado en Galicia. Se hoxe houbese eleccións autonómicas, o Partido Socialista encabezaría unha maioría de progreso clara e nidia que implicaría un derrube do PP nas catro provincias. Hai que seguir construíndo futuro falando coa cidadanía, facendo un exercicio de mobilización de todos os progresistas en torno ao PSdeG, que é a alternativa de futuro para Galicia, e tamén para que votantes que votaron á dereita perdan o medo a unha nova maioría na que todos poidamos estar cómodos e o país poida evolucionar. Coñezo ben toda a historia da autonomía e do noso partido, pero a miña atención e foco de preocupación é o futuro; eu dixen moitas veces que Feijóo era un rei espido e ninguén llo estaba dicindo ata que abrimos unha nova etapa no PSdeG. E o máis importante é que agora xa llo di a maioría da cidadanía galega: as roupas que el tentaba amosar eran froito da publicidade manexada dende a Xunta pero non respondían á realidade do país que nos deixa.
Poñámonos nese escenario de maioría de esquerda e, daquela, dun novo goberno. Por onde tería que comezar a tarefa desa maioría?
Feijóo déixanos un país con menos poboación, con menos poboación ocupada, con menos posibilidades de futuro para a xente máis nova, sen conectar co escenario urbano e abandonando ao mesmo tempo o medio rural. É un país que viu como se debilitaron os seus sectores produtivos, tanto no industrial como no primario, e ademais cunha desfeita nos servizos sociais en cuestións como a axuda á dependencia e, especificamente, coas súas políticas de ataque á sanidade pública, que queda con menos persoal, menos camas e problemas dende a atención primaria ás urxencias ou á pediatría. Esta é unha realidade social compartida pola maioría das galegas e galegos, incluíndo votantes do PP, e o que faltaba era unha alternativa capaz de concitar ilusión e forza necesaria para bater electoralmente o PP. Esa é a liña na que temos que falar do país.
Outro dos conflitos latentes do país, especialmente visible no último ano, é o dos medios públicos de comunicación. Nesa axenda dun eventual cambio estaría, para comezar a aplicación da lei de medios?
"É necesario un cambio nos medios públicos, pero estas eleccións tamén amosan que cando na sociedade hai descontento nin sequera a manipulación deses medios impide un castigo electoral"
Feijóo baseou parte do seu control político na utilización dos medios públicos de comunicación e dos fondos da Xunta de Galicia para promover a súa imaxe persoal. Creo que é necesario un cambio de tempo nos medios públicos galegos. Pero en todo caso, estas eleccións tamén amosan que cando na sociedade civil empeza a haber descontento, nin sequera a manipulación e a anestesia dos medios públicos impiden un castigo electoral. Imos ter que seguir traballando utilizando todas as posibilidades de comunicación para facer ese chamamento ás galegas e galegos, para que cando haxa eleccións autonómicas vaian votar polo cambio .
Pensa que terán enfronte a Feijóo ou a outra persoa á fronte do PP?
Estamos preparados para o que eles queiran; para gañarlle a Feijóo ou a quen Feijóo queira poñer á fronte do PP. Ese é un debate que teñen que resolver no PP e que entendo que non é sinxelo. Nós estamos preparados.
Esas eleccións serán, en todo caso, no primeiro ano de lexislatura en España. Como ve o panorama das negociacións que veñen de comezar para conformar o novo Goberno?
Con tranquilidade e total confianza en que Pedro Sánchez saberá xestionalas da mellor maneira. Fíxoo moi ben durante dez meses con 84 deputados e agora, cun apoio maior, saberá xestionar os acordos para facer un Goberno coherente co noso proxecto. Ten toda a miña confianza.
Hai unha axenda política do PSdeG para ese novo Goberno de España? Cales serían as necesidades de Galicia nesa axenda?
"Non imos caer nos debates falaces que os sectores conservadores montan en Galicia cada vez que goberna a esquerda mentres calan cando goberna o PP"
Nós imos traballar con total lealdade para que manteña unha axenda de prioridades sociais, que é moi importante para as galegas e galegos. Tamén para seguir freando as ameazas da dereita e da ultradereita, que van seguir estando enriba da mesa e ante as que Feijóo se comportou como un cínico político, porque en función do día di que os acordos con Vox valen ou non. En cuestións económicas, políticas ou sociais a necesidade dunha evolución foi a que motivou ao noso electorado, tamén en Galicia, e a maiores defenderemos tamén todos os intereses de Galicia nos aspectos fundamentais para o país. Pero non imos caer nos debates falaces que a dereita e os sectores conservadores montan en Galicia cada vez que goberna a esquerda mentres calan cando goberna o PP. Deberían aprender que esa estratexia xa lles fallou neses dez meses, cando atacaron de maneira furibunda o presidente do Goberno e a maioría dos galegos non lles deron a razón cando votaron.
A propia Xunta resaltaba nestas semanas que prevé atrasos en infraestruturas como as autovías ou as obras do AVE… Prevén unha confrontación?
Feijóo e o PP tentaron desacreditar o Goberno de Pedro Sánchez nalgúns momentos. Pero os galegos xa falaron e decidiron desacreditar as políticas do PP e de Feijóo. O Goberno de España funcionou estes dez meses, tivo apoio en Galicia e hai que seguir con esa folla de ruta, mellorando os aspectos que se poidan mellorar, pero sen confundir a opinión pública entre o accesorio e o substancial, que é o progreso social fronte ao que o PP vai seguir abrazado á ultradereita para tentar, en cada convocatoria recuperar o espazo que perderon.