A Deputación de Lugo acusa a Xunta de crear grupos veciñais "ao servizo do PP" con fondos públicos

Pablo Rivera, responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, na presentación do Día do Veciño canda ao presidente da Federación Lucus Augusti (á esquerda da imaxe) © Deputación de Lugo

Tras perder a apertada pugna electoral polo Concello e a Deputación en 2023, o PP multiplicou os movementos para tentar logralos en 2027. Un dos múltiplos terreos desta batalla é a do asociacionismo veciñal, co nacemento de colectivos afíns aos populares fronte á Federación Lucus Augusti, máis afín aos socialistas

A apertadísima pugna electoral polo Concello e a Deputación de Lugo, ambas resoltas a prol do gobernos progresistas de PSdeG e BNG por uns poucos centos de votos, sumiu o PP lucense nun estado de frustración que axiña virou en multiplicación de movementos para tentar en 2027 outro asalto a dúas cadeiras de poder local que se lle resisten dende 1999 e 2007, respectivamente. Un dos múltiplos terreos desta batalla é a do asociacionismo veciñal.

Non é ousado situar na categoría de poder fáctico na provincia e na cidade á Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti. Con eventos coma o Día do Veciño, cita anual que este 19 de outubro prevé xuntar unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras da capital lucense, esta federación veciñal evidencia a súa capacidade de mobilización e a importancia das súas afinidades políticas, inclinadas dende hai lustros cara ao PSdeG aínda que noutrora o seu líder, Jesús Vázquez, tendera máis cara ao PP.

Milleiros de persoas participando no xantar do 'Día do Veciño' en 2024, no Pazo de Feiras de Lugo © Deputación de Lugo

A hostilidade dos populares cara a Vázquez -e viceversa- xa é aberta e tivo entre a súa vaga expansiva, como informou El Progreso, a escisión da federación veciñal. Da marcha de membros da organización máis afíns aos conservadores xurdiron dúas entidades, Lugo Rural Importa e Xuntos por Lugo, que levan meses tomando posicións en parroquias e barrios con diversas accións, moitas delas festivas e con aberto apoio do PP de Lugo. 

"Resúltame lamentable como se pon a Xunta ao servizo dos intereses do PP" coa "creación dunha asociación á medida", afirma o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación lucense

Aproveitando a presentación da nova edición do Día do Veciño e do apoio da Deputación ao evento con 18.000 euros, o goberno provincial quixo verbalizar o que nos ambientes políticos da esquerda lucense vén sendo un ruxerruxe cada vez menos disimulado. O PP, consideran, está a impulsar colectivos veciñais afíns mediante apoios da Xunta coa vista posta nas municipais de 2027.

O deputado de Promoción Económica e Social do goberno da Deputación, o socialista Pablo Rivera Capón, deu en lanzar unha mensaxe "para quen queira entender". "O movemento veciñal nin se compra nin se vende" e por iso, di, "resúltame lamentable como se pon unha administración autonómica, como é toda a Xunta, ao servizo dos intereses exclusivos do PP de Lugo", acusou.

Cartel do evento programado por 'Xuntos por Lugo' con apoio da Xunta para o mesmo día en que a Federación Lucus Augusti celebra o seu Día do Veciño © Xuntos por Lugo

Coida Rivera Capón que "a creación dunha asociación á medida promovida para competir directamente coa federación de veciños demostra un profundo descoñecemento de como funciona tanto o diñeiro público como a política real". Porque, defende, "a política real non consiste en ameazar asociacións con perder subvencións nin manexar recursos públicos para favorecer a uns e castigar a outros, iso é inadmisible", di.

O goberno provincial acusa os populares de "ameazar asociacións con perder subvencións" e tentar "comprar vontades" co "xogo sucio como bandeira"

Tentando "comprar vontades" e "co xogo sucio como bandeira non se chega a ningún lado", agrega o deputado, quen asegura que a Deputación "reitera" o seu "apoio a todas as asociacións libres e independentes" e por iso tamén "seguiremos esixindo transparencia, respecto institucional e igualdade de trato para todas as entidades veciñais". Tamén para a Federación Lucus Augusti, que no evento do día 19 entregará os seus galardóns V de Veciño a vinte e dúas persoas e entidades no marco dun xantar que é de balde, pero con 3 euros de entrada que despois son dedicados a unha doazón ao Banco de Alimentos. 

Ese mesmo día 19, nun barrio situado a poucos centros de metros do recinto feiral que acollerá o Día do Veciño, Xuntos por Lugo celebra un evento denominado Xuntos polos Nenos. Con financiamento da Xunta -segundo consta nos carteis anunciadores-, o encontro inclúe actuacións musicais infantís, pero tamén unha sesión vermú e un xantar con "menú totalmente gratuíto" con xamón cocido, churrasco, chourizos e empanada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.