Era unha das grandes batallas das eleccións municipais do 28 de maio e foi tamén un dos recontos máis tensos de toda Galicia. Durante gran parte da noite electoral, nas forzas políticas lucenses estendeuse o convencemento de que o PP lograra un dos seus obxectivos máis prezados: retornar ao goberno da Deputación de Lugo despois de catro mandatos. Os conservadores mesmo chegaron a ter preparada a celebración. Pero a vitoria non era tal e así vén de quedar confirmado este venres, 2 de xuño, xornada na que as Xuntas Electorais realizan o reconto definitivo dos votos e analizan as posibles reclamacións.
A revisión na Xunta Electoral, non exenta de tensión, ratifica que votos ao PSdeG foran transcritos de xeito erróneo durante a noite electoral e que, unha vez recontados correctamente, permiten manter 10 escanos socialistas e 3 do BNG fronte a 12 do PP
Como adiantou o xornal El Progreso na noite electoral, foi xa rozando a madrugada cando o marcador deu a volta. No Concello de Castro de Rei houbera algo máis dun cento votos que nos datos transmitidos ao Ministerio do Interior durante ao escrutinio foran asignados por erro ao BNG, pero realmente correspondían ao PSdeG. Esa corrección, advertida polo alcalde da vila -Francisco Balado, do PP- era dabondo para que o PSdeG retivese o décimo deputado provincial, que sumados aos 3 do BNG suman a mesma maioría absoluta coa que contaron no anterior mandato, un por diante dos 12 do PP.
Con ese resultado rematou a noite electoral e con el chegaron as representacións das forzas políticas á sesión na que a Xunta Electoral de Zona revisou este venres o reconto. O PP, como xa avanzara, solicitou a revisión de algo máis dun milleiro de votos nulos e a XEZ aceptouno nunha reunión non exenta de tensión, especialmente nalgúns puntos da revisión da documentación e ante determinadas posturas dos populares que, segundo puido confirmar Praza.gal, deron lugar mesmo a advertencias de emprender accións legais por parte de representantes socialistas.
O PP solicitou e a XEZ aceptou a revisión de todos os votos nulos nun contexto no que o PSdeG acusa a formación de Candia de pretender chegar ao goberno con "artimañas". "A Deputación de Lugo seguirá sendo un goberno progresista", conclúe José Tomé, actual presidente da institución
Finalmente, segundo as fontes consultadas, os votos transcritos erroneamente e que figuraba como do BNG malia ser do PSdeG roldaron os 200 no determinante concello de Castro, achegáronse ao centenar en Lugo e foron case medio cento en Friol, ademais de algo menos dunha decena en Begonte. Unha vez confirmados estes datos, o PSdeG provincial deu por ratificada definitivamente o mantemento da maioría da esquerda na Deputación, mesmo antes da fin da revisión dos votos nulos reclamada polos populares.
Ese mantemento foi ratificado pouco despois polo actual presidente da Deputación en funcións e secretario provincial socialista, José Tomé, que non oculta a súa "satisfacción", pero tampouco o seu malestar cos populares. "Tal e como adiantaramos, a Xunta Electoral tivo que ratificar como válidos os resultados das actas oficiais de escrutinio, corrixindo os erros na transcrición ao sistema informático" e daquela, "a Deputación de Lugo seguirá sendo un goberno progresista", ratifica o tamén alcalde de Monforte, quen repite no cargo neste concello por maioría absoluta.
"Veuse revalidar o que sempre dixemos; que na política, como na vida, non vale todo", mantén Tomé, baixo cuxo punto de vista "o PP pensou que con artimañas e mentiras" ían "conseguir" os seus "dous obxectivos" de gobernar o Concello de Lugo e tamén a Deputación. "Pero nin Concello nin Deputación", conclúe, polo que augura que a candidata á alcaldía lucense e presidenta provincial do PP, Elena Candia "seguirá utilizando o Parlamento -onde é vicepresidenta por designación do PP- e virá a Lugo de cando en vez para facer oposición ao ditado do que lle manden en Santiago".
"O PP tentou enganar os lucenses con anónimo se agora volve enganalos" porque "os deixa para seguir no Parlamento", afirma Tomé. "Con tampouco tempo en Lugo, agora a anónima é ela mesma", ironiza nun contexto no que dá por acadados "todos os obxectivos" do PSdeG na provincia: "Manter as alcaldías, conseguir novas alcaldías e manter a Deputación".
Na Deputación da Coruña a maioría da esquerda xa quedou clara a noite electoral e o mesmo sucedeu na de Pontevedra co retorno o PP ao Goberno. Cuestión diferente é a de Ourense, onde Democracia Ourensana ten a chave para que o PP continúe ou non no goberno
Nas outras tres deputacións o reconto non ficou tan axustado na noite electoral. A única mudanza ratificada constituíu unha das sorpresas da noite, ao lograr o PP a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra, que non gobernaba dende hai dous mandatos. Mentres, na da Coruña si houbo cambios na súa composición, pero sen alteración no xogo de maiorías entre bloques: o PP segue tendo 14 escanos fronte aos 17 da esquerda: 10 do PSdeG (-1), 6 do BNG (+2) e 1 de Alternativa dos Veciños.
Cuestión diferente é a Deputación de Ourense, onde a cor do seu vindeiro goberno segue sumida na incerteza. O PP de José Manuel Baltar non acadou a maioría absoluta por segundo mandato consecutivo e quedou con 12 escanos fronte aos 7 do PSdeG (-2) 7 do BNG (+2) e 3 de Democracia Ourensana (+1), o que dá ao partido de Gonzalo Pérez Jácome a chave nun contexto político no que, tras virar primeira forza no Concello da capital ourensá, xa non precisa aos populares para revalidar a alcaldía.