O resultado electoral, o xuízo penal por conducir un coche oficial a 215 por hora e gravacións que para PSdeG e BNG o relacionan con financiamento ilegal a través dun irmán sitúan o presidente ourensán no momento máis difícil, tamén dentro do PP
José Manuel Baltar, presidente da Deputación e do PP de Ourense, estaba citado este mércores nun xulgado do Penal de Zamora como acusado dun delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora. Unha actuación que non foi anecdótica senón reiterada. O xuízo finalmente non se celebrou e volveu ser adiado, desta volta pola folga do persoal da Xustiza, pero é cuestión de días ou semanas que se acabe producindo.
A última vez da que hai constancia que algún membro da súa familia sentase como acusado nun caso penal foi hai agora nove anos. En xuño de 2014 o seu pai, José Luis Baltar, afrontou o xuízo no que acabaría condenado por prevaricación por enchufar máis dun cento de persoas na Deputación.
Porén, para daquela Baltar pai xa deixara en mans do seu fillo os seus cargos na administración e no partido, que seguía sendo unha máquina de conseguir votos na provincia. Pero agora as eleccións municipais fan perigar que os populares se manteñan á fronte da Deputación ao non ser quen de lograr a maioría absoluta na corporación provincial por segunda vez consecutiva. Como en 2019, pero desta volta con quen ten a chave desa institución, o alcalde independente de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, reforzado. E con voces que ven máis útil para o PP desfacerse á fin ou facilitar a saída do segundo Baltar sen que haxa expectativas dun terceiro ou terceira, o que remataría co poder familiar.
En 2012, ao suceder ao seu pai, José Manuel Baltar defendeu o dereito da súa filla a facer o mesmo no futuro, aínda que hoxe está afastada da política, e un irmán vén de ser protagonista da xornada de reflexión ao aparecer en gravacións e mensaxes como suposto intermediario de comisións
Porque a familia é clave para o actual presidente ourensán, José Manuel Baltar. O seu pai deixoulle o partido en 2010 e a Deputación dous anos máis tarde con tal poder acumulado que Feijóo non foi quen de tombalo cun candidato propio. Naquel acto, ao asumir a presidencia do partido en 2012, José Manuel Baltar, en presenza de Feijóo, defendeu o seu “dereito” a suceder ao seu pai e chegou a dirixirse á súa filla Elena pedindo que “ninguén cercene” a súa posibilidade de facer o mesmo no futuro.
A filla traballa hoxe no mundo do deseño e a moda afastada en principio da política. Pero un irmán, José Luis, coma o seu pai, vén de ser protagonista da xornada de reflexión deste 28M en Ourense ao contar Público que en varias gravacións de son e mensaxes recoñecería supostamente o financiamento ilegal do partido a través de comisións nas que el actuaría como intermediario e das que o propio Baltar “se beneficia de forma habitual”, segundo o medio de información.
Segundo comprobou Praza.gal, esas gravacións e capturas de pantalla coas mensaxes circulaban desde hai semanas entre sectores da esquerda ourensá. Se tiveron algún efecto nas eleccións deste domingo foi limitado. Pero agora, unha vez publicadas e despois de que PSdeG e BNG anunciasen que as levarían aos tribunais, resultan unha baza mesmo para as voces dentro do PP que apostan por unha renovación en Ourense. Empezando polos populares da cidade, agora liderados novamente por un Manuel Cabezas que na súa anterior etapa como alcalde tivo fortes enfrontamentos co baltarismo.
Baltar xa non controla tanto a provincia, ata o punto de que depende para manter a Deputación dun Jácome reforzado que aspira a continuar como alcalde da capital. PP e PSdeG xa fixeron ver durante a campaña que estarían dispostos a pactar para que Jácome non siga sendo rexedor, o que suporía que este non dea a Baltar o seu apoio na Deputación.
Pero o resultado das eleccións implica que á operación tamén se teña que sumar un BNG que, como os socialistas, non está disposto a que Baltar siga na Deputación por moito que os populares sexan nesa institución a forza máis votada. E, nesta liña, o PSdeG provincial aprobaba este martes iniciar contactos con Jácome para "facer todo o que estea na nosa man para garantir o cambio na Deputación".
Xa hai voces que apuntan posibles saídas en Europa ou otros cargos para Baltar que faciliten ao PP manter o seu control da Deputación
Ante este panorama xa hai voces a esquerda e dereita -interesadas- que apuntan á necesidade de que o PP busque outra cara e dea unha saída a Baltar -Parlamento Europeo ou algo ligado co termalismo son lugares dos que xa se fala mesmo no seu partido- que permita á formación seguir mantendo a Deputación e con ela o caudal de votos que garante a provincia. Especialmente ante a inminencia dunhas eleccións xerais e a perspectiva dunhas galegas antes dun ano.
O resultado do xuízo penal pendente en Zamora podería ser determinante para o futuro dos Baltar. Porque desta volta non parece haber outro Baltar para suceder a un Baltar condenado.