O derradeiro pleno do mandato na Deputación de Ourense tiña unha ducia de puntos ordinarios. Pero todos os focos e varias das intervencións dos voceiros dos grupos da oposicións encamiñáronse ao que quedaba para o final, as preguntas coas que PSdeG e BNG tentaron obter de José Manuel Baltar algunha explicación adicional sobre o seu presunto delito contra a seguridade viaria ao conducir un coche oficial da institución a 215 quilómetros por hora o pasado domingo na Autovía das Rías Baixas, na provincia de Zamora en dirección a Madrid.
"Non", respondeu o líder do PP ourensán á pregunta de se dimitirá por este caso. A viaxe, afirma, debuese a que tiña "varios encontros de xestión ordinaria como presidente" en Madrid, se ben non "pernoctou" nesa cidade
Despois de que o PP rexeitase tramitar por vía de urxencia unha moción rexistrada ao respecto polo PSdeG, foi o voceiro socialista, Rafael Rodríguez Villarino, o primeiro que tivo a quenda para formular unha vintena de preguntas ao barón popular. Obtivo respostas, pero non moitas máis explicacións que o xa dito por Baltar vinte e catro horas antes nunha carta remitida a diversos medios de comunicación, na que atribuía o seu exceso de velocidade a un "despiste nunha longa recta sen referencia de ningún tipo". Entre as escasas novidades, a admisión doutras dúas multas e a súa esperada negativa a deixar a presidencia por este caso: "Non", respondeu.
Asegura Baltar que viaxaba a Madrid o domingo, 23, "porque o luns tiña varios encontros de xestión ordinaria como presidente da Deputación". "Entre outros", asegurou, "co xerente da Fundación Democracia y Gobierno Local", José Luis Moreno Torres, de quen Villarino lembrou que tivo diversos cargos no PP de Madrid e que, ademais, "este martes estivo en Trives". Con el, segundo Baltar, tratou "futuras actividades e proxectos" por ser a Deputación ourensá padroeira da entidade. Tamén se xuntou, dixo, "co presidente do Instituto para o Futuro do Turismo", Jorge Brown, para tratar un "evento" que se celebrará en xullo. Tamén foi a "outras reunións", afirmou.
A cuestión da axenda, para aclarar se a viaxe era ou non oficial, centrou as preguntas de Villarino e tamén de Bernardo Varela, do BNG. O deputado do PSdeG tamén pediu saber "por que viaxaba acompañado", ao que Baltar respondeu que "non viaxaba en compañía de ninguén" e "en que hotel" se hospedou en Madrid, "por tratarse dunha viaxe oficial", cuestión que o barón popular retrucou indicando que "non pernoctei en Madrid e non se repercutiron cargos nin dietas", polo que non vai dar detalles dunha cuestión "relativa á miña vida privada". Asegura tamén que non pasou gastos da peaxe da autoestrada AP-6 entre Adanero (Ávila) e Collado Villalba (Madrid) porque "non utilicei esa vía de entrada" a Madrid.
Outras dúas multas e un condutor "imposible de identificar"
PSdeG e BNG tamén reclamaron a Baltar que aclarase a información publicada por Radio Ourense da Cadena Ser segundo o cal o mesmo coche oficial que o presidente da Deputación conduce con asiduidade acumula ata unha decena de multas de tráfico. O popular admite "tres sancións en 11 anos como presidente" incluíndo a do pasado domingo en Zamora.
"As outras dúas foron na provincia de Ourense", indicou tras afirmar que el "non conducía" o coche o 19 de setembro de 2021, cando o mesmo vehículo oficial foi obxecto dunha multa por transitar a 157 por hora na N-120 entre Monforte e Pantón, unha vía limitada a 90. A multa acabou sendo de 1.500 euros e abonada pola Deputación porque, sempre segundo a versión do presidente ourensán, un informe "do xefe do parque móbil de presidencia" concluíu que era "imposible identificar" con "certeza" quen conducía. Así foi, defende, tras seren entrevistados os 6 choferes dese parque móbil.
O 'barón' ourensán di que tivo outras dúas multas no coche da Deputación como presidente e nega que unha delas fose a imposta por circular a 157 km/h na N-120 entre Monforte e Pantón, viaxe na que "o xefe do parque móbil", mantén, non puido "identificar" con "certeza" quen conducía
E, quen pagou as multas? "As sancións son abonadas polo infractor" agás na que "non foi posible" a identificación. As seis restantes, veu dicir, pagáronas os choferes. "Eu respondo das miñas", asegurou antes de brindarse a "facer un informe" ao respecto. Así finalizou, a primeira derivada institucional dun caso que será obxecto de debate nun pleno extraordinario solicitado polo PSdeG na Deputación. Pero que, sobre todo, ten a súa seguinte parada ineludible nos xulgados da Pobra de Seabra.
Do resultado do proceso e da eventual condena pode chegar a depender tamén o futuro político do líder do PP de Ourense. Un dirixente clave, igual que o seu pai e antecesor, en múltiplos triunfos electorais do seu partido e mesmo na consecución e mantemento do Goberno da Xunta.